Temas: REGANOSA

Os réditos que permiten o funcionamento de Reganosa

Dez anos despois da súa posta en marcha, a planta de gas enfróntase a unha nova batalla pola renovación dunha concesión. A recente entrada do conselleiro Rey Varela no Consello de Administración, e supervivencia de José Luís Méndez nel, son mostra de como os contactos políticos permitíronlle a esta polémica industria esquivar sucesivas sentencias xudiciais, que anularon os seus permisos.

Por M.V. | Ferrol | 05/09/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Comité Cidadán de Emerxencia (o CCE) para a Ría Ferrol acaba de anunciar que vai presentar alegacións contra a ampliación dunha concesión clave para o funcionamento de Reganosa. A planta de gas de Mugardos leva 10 anos en funcionamento pero continúa enleada nunha maraña legal de sentencias.

Reganosa recibe o seu primeiro Q-FLEX
Reganosa recibe o seu primeiro Q-FLEX

REVESES XUDICIAIS QUE QUEDAN EN NADA

A plataforma crítica argumenta que a nova solicitude de ampliación da concesión demostra que os permisos iniciais, concedidos en 1997 a Forestal del Atlántico, non eran válidos. O CCE reclama aos concellos representados no Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Ferrol voten non á solicitude de modificación da concesión.

“A Autoridade Portuaria debe retirarlle a concesión unha vez demostrada a falsidade dos datos aportados no seu momento para acadar autorización de funcionamento así como as ilegalidades cometidas”, argumentan, citando as catro sentencias do Tribunal Supremo contrarias á Industria. A última é do ano pasado, cando a a Sala do Contencioso desestimou o incidente de nulidade de actuacións interposto pola compañía e confirmou a sentenza que anulou a resolución da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, que no seu día outorgara a  autorización administrativa previa para a instalación de planta de recepción, almacenamento e regasifciación de Gas Natural Licuado en Mugardos. 

Malia a oposición de parte dos veciños, dalgúns partidos de esquerda e a acumulación de reveses xudiciais; Reganosa pode seguir operando porque sempre tivo o apoio do Estado e da Xunta de Galicia, tanto co PP como durante o bipartito.

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e a de Facenda, Elena Múñoz, cun representante de Gas Natural na presentación do novo proxecto de Reganosa
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e a de Facenda, Elena Múñoz, cun representante de Gas Natural na presentación do novo proxecto de Reganosa | Fonte: Xunta

POLÍTICOS E EMPRESARIOS NO CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN

O principal accionista de Regasifacadora del Noroeste SA (REGANOSA) é o grupo Tojeiro, propietario dos terreos a través de Forestal del Atlántico, e matriz de Gadisa. 

Con todo, o Goberno Galego ten varios representantes no Consello de Administración: o vicepresidente Alfonso Rueda, o director xeral de Industria Bernardo Tahoces e, dende este verán, o conselleiro de Política Social e ex-alcalde de Ferrol José Manuel Rey Varela.

Rey Varela acaba de ser elixido conselleiro este agosto, malia que as súas competencias no Executivo nada teñen que ver coa planta de gas. Agora ben, cómpre ter en conta que Rey Varela ten todos os boletos para volver a presentarse á alcaldía da veciña cidade de Ferrol dentro de dous anos. Tamén en agosto foi reelixido presidente de Reganosa José María Paz, directivo procedente de Unión Fenosa.

Así mesmo, continúa como conselleiro da dirección José Luís Méndez López, quen fóra director xeral de Caixa Galicia, malia ser defenestrado durante a fusión das caixas. A Xunta non ten poder accionarial dabondo para botalo, pero o Executivo tampouco nunca criticou que se sente no Consello de Administración -e cobre por elo- a persoa que levou á quebra a caixa herculina.

ENTREGA DE CENTRO DE INTERPRETACIÓN AO CONCELLO

No seu décimo aniversario, Reganosa presume de empregar a máis de 110 traballadores, uns 40 máis de cando empezou a funcionar en 2004.  Dende 2015 opera unha filial, Reganosa Servicios, para a expansión internacional en materia de asesoría doutras industrias.

Consciente da polémica que segue arrastrando unha década despois, a compañía está a facer esforzos de relacións públicas e institucionais. Por exemplo, este venres entregará ao Concello de Mugardos, presente no Consello de Administración, o Centro de Interpretación de O Cadoval. Este complexo conta con instalacións deportivas e promove a divulgación dun antigo balneario romano recuperado. 

Esforzos que non convencen ao CCE, que agora insiste en que a Autoridade Portuaria impida a ampliación de cinco anos da concesión inicial solicitada. O Porto de Ferrol está controlado polo Estado. Polo tanto, é moi improbábel que a Autoridade Portuaria adopte o punto de vistas dos ecoloxistas, dado que o PP segue do lado de Reganosa.

Por exemplo, En Marea logrou que o Congreso aprobase en xuño unha moción pola recuperación das rías galegas que inclúe a petición do cumprimento das sentencias para o peche da planta.  Os votos a favor foron os grupo confederal Unidos Podemos- En Comú Podem- En Marea, do PSOE, EH Bildu, PDeCat, Compromís, ERC e Ciudadanos. 

Acto de En Marea contra Reganosa
Acto de En Marea contra Reganosa | Fonte: Yolanda Díaz
Temas: REGANOSA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 Gamela

Mentres uns enchen os petos a fartar !!! Outros nin siquera son quen de sacar adiante unha lei para cubrir as necesidades básicas da xente !!! https://i.gal/gamela09

1 Cachamuinha

O culpable de que Reganosa estea en Mugardos é a UPG e Fernando Blanco Parga e un dos seus máximos valedores

1 unque pasaba

Que lastima de país, criticase a Reganosa, criticase a Amancio Ortega, criticase a Pescanova, aquí non temos nacionalistas, temos uns elementos que din ser tal cousa e apenas son uns comunistas trasnoitados e uns eco-hipiosos que queren acabar co tecido productivo do país, que continuemos a emigrar e que a país fique despovoado e arruinado, se ao final son mais amigos da espanholada que de defender os intereses da Galiza

1 Noam

A resposta a' marcha de moita xente en Amio está no comentario anterior.