Temas: EDUCACIóN CIG UXT

CIG e UXT denuncian a "inestabilidade" e a "precariedade" do profesorado no novo curso

A CIG advirte de que "unha quinta parte" do corpo de docentes cambia de centro educativo cada ano e UXT esixe a negociación dun acordo de emprego para a recuperar os 2.000 profesores perdidos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2017 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

A "inestabilidade" do profesorado e a "precariedade" rexistrada tanto nas condicións de traballo como nas retributivas, en comparación con outras Comunidades Autónomas, serán unha parte central das axendas dos sindicatos docentes para este novo curso. Este mesmo mércores, tanto a CIG-Ensino como FETE-UXT abordaron, respectivamente, en rolda de prensa algunhas das principais preocupacións para o novo período.

Peche de profesores no IES Auga da Laxe de Gondomar polos recortes na educación
Peche de profesores no IES Auga da Laxe de Gondomar polos recortes na educación

Entre elas, destacaron o continuísmo das políticas da Xunta respecto da organización dos centros e a paralización de diversos acordos relacionados co cociente de alumno-profesor e o horario lectivo, que repercuten no traballo diario dos docentes.

Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, situou ao corpo de profesores como un dos colectivos "con maiores recortes nos últimos anos", onde os galegos son "os máis prexudicados" cunha perda retributiva duns 4.000 euros respecto doutros corpos do Estado.

FETE-UXT tamén incidiu neste punto, lembrando que desde 2010 practicáronse recortes salariais superiores ao 12 por cento "sen ter en conta a perda de poder adquisitivo" polo incremento do IPC, "agravándose" o diferencial negativo respecto doutras comunidades pola falta dun acordo de homologación nas retribucións docentes.

EXCESO DE ITINERANCIAS

Xunto á cuestión salarial, tanto UXT como CIG criticaron que non se aplique a redución do cociente alumno profesor, mentres se lle dá continuidade ao incremento do horario lectivo docente (20 horas en lugar de 18 en secundaria, e 25 en lugar de 21 en primaria).

Protesta CIG corpo profesorado musical
Protesta CIG corpo profesorado musical

A "inestabilidade" do profesorado, segundo engadiu Bermello, queda patente na evolución das cifras de docentes sen destino definitivo, pasando de 4.270 en 2010 a 6.708 en 2017, e do número de interinos, ascendendo de 650 a 3.666 en sete anos.

"Unha quinta parte do profesorado galego cambia cada ano de centro educativo", denunciou a CIG, quen acusou á Xunta de aproveitar esta situación de inestabilidade para "xogar" cos profesionais a través das afíns e as itinerancias, dándose casos e "disparates" de esperas de "ata 10 anos" por un destino definitivo.

FETE-UXT advertiu de que esta situación de provisionalidade "mingua a calidade do ensino", sobre todo no caso do profesorado de atención á diversidade. En concreto, o 54 por cento de profesionais de Audición e Linguaxe de Primaria realizan itinerancias, ademais do 71% de orientadores desta mesma etapa.

RECORTES E PRIVATIZACIÓNS

Suso Bermello engadiu a esta situación o continuísmo da Lomce, o avance da privatización e dos recortes e o "autoritarismo" na toma de decisións respecto do ensino público.

Na mesma liña das súas críticas á inestabilidade, denunciaron a modificación do catálogo do corpo de mestres, cunha redución "real" de 100 postos de traballo e de 69 aulas, sobre todo nas zonas rurais, o que suporá "tirar pola borda" diversos proxectos educativos pola perda de profesorado.

Así mesmo, lembrou a ampliación "a seis anos" da vixencia dos concertos educativos e o aumento de aulas concertadas, comprometendo así tanto a xestión deste período político como a da próxima lexislatura.

Continúa, ademais, a vixencia da Lomce "coa incerteza" que rodea ao pacto educativo, mentres a norma continúa "coa súa columna vertebral inalterada" a pesar da resposta social e as mobilizacións rexistradas nos últimos anos que lograron paralizar as chamadas 'reválidas'.

LINGUA GALEGA

Bermello reprochou tamén a "relegación" da lingua galega "baixo o manto do plurilingüismo", que se estende a infantil e bacharelato, á vez que "non se respecta a Lei de Normalización Lingüística".

A CIG asegurou que os alumnos terminan os seus estudos sen a mesma competencia en castelán e galego, e que o peso deste idioma en infantil pasou do 35 por cento ao 5 por cento nesta etapa, o que xerou "unha desconexión da mocidade" coa lingua propia.

PLAN DE EMPREGO

UXT, pola súa banda, esixiu a negociación dun acordo de emprego para a recuperación dos postos de traballo perdidos nos centros educativos, que calculou nuns 2.000 profesores menos nos últimos anos.

Así mesmo, reiterou a súa petición de creación dunha mesa técnica para abordar a situación do mapa de centros, despois da modificación "unilateral" realizada a final do curso pasado que afectou á comunidade escolar das Pontes, Ribadavia, Outes e O Porriño.

Outro dos aspectos que preocupan ao sindicato refírese ao transporte escolar, advertindo de que o modelo "compartido" con outros usuarios que implantará a Xunta este ano representa unha medida "potencialmente perigosa" e "que atenta contra o sentido común".

Temas: EDUCACIóN CIG UXT
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Precario

Quen utiliza a palabra "precariedade" neste e noutros contextos semellantes (véxase Sanidade) nin ten vergonza nin sabe o que é a precariedade.