GC Aberto
Temas: TRIVES SANIDADE

Trives mobilízase en defensa da área sanitaria de Valdeorras

A pesares de nalgunhas localidades suspenderse a concentración convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de O Barco para hoxe, en A Pobra de Trives, a concentración mantívose grazas a Son de Trives e á veciñanza trivesa, manifestando así a súa implicación e compromiso para defender os seus dereitos e demostrar que queren unha sanidade pública, de proximidade e de calidade, independentemente de onde se viva.

Por News | GC ABERTO | 07/09/2017

Comparte esta noticia

Concentración en Trives en defensa da área sanitaria
Concentración en Trives en defensa da área sanitaria

A concentración desenvolvíase na zona exterior do centro de saúde trivés, onde, unhas sesenta persoas se manifestaban para esixir a retirada do anteproxecto de modificación da lei de Saúde de Galicia.

Jorge Vázquez, concelleiro de Son de Trives, como membro da Plataforma e coordinador desta concentración,  salientaba o éxito desta primeira convocatoria, á vez que reafirmaba a súa vontade de seguirse poñendo á disposición da veciñanza para continuar coas concentracións tódolos mércores ata que se retire o anteproxecto. Tamén lamentou a falta de participación do concello nesta concentración, asegurando que “o noso obxectivo é loitar para evitar que continúen desmantelando a nosa sanidade pública. É un problema que afecta a toda a veciñanza da nosa comarca, que nos prexudica directamente, polo que deberamos estar unidos para conseguir o fin común”.

E é que, durante estes días, desde o grupo de goberno do concello trivés foron múltiples e públicos os xeitos de tentar que esta concentración non se levara a cabo: publicando nas redes sociais do concello que se suspendía, pedindo formalmente á Plataforma que o suspenderan, etc. evitando con ese facer que moita máis xente asistira ao mesmo.

Ata onte o propio alcalde estaba no grupo da Plataforma, polo que estaba ben informado da situación e acordos tomados. Incluso nese grupo interveu para tentar desconvocala, marchando do grupo ao non conseguir a súa pretensión”, afirma Jorge Vázquez. A convocatoria foi un éxito e moitas veciñas e veciños de Trives se sumaron a ela, non así os integrantes do grupo de goberno municipal. Desde Son de Trives, emprázanos a mudar a súa actitude e sumarse á vontade do pobo de loitar polos seus dereitos.    

Desde Son de Trives agradecen a acollida e interese amosado pola veciñanza nesta primeira concentración, e comprométense a continuar informando á veciñanza e organizando concentracións os mércores: “tanto por propia vontade”, afirma Jorge Vázquez, “como polo interese amosado polas veciñas e veciños en que así o fagamos a través das mostras de ánimo que nos transmitiron hoxe”.

De cara aos próximos días, recordan que o próximo martes 12, ás 20:00h haberá unha charla informativa na Casa da Cultura onde integrantes da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de O Barco comentarán os pormenores deste tema e resolverán posibles dúbidas.

Temas: TRIVES SANIDADE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta