A Xunta inaugura o vindeiro ano a súa particular embaixada no centro de Cataluña

Abre un punto informativo no Centro Galego de Barcelona que custará 340.000 euros para atraer ao “turista” catalán.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/09/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Xunta decidiu ir a Barcelona para facer política... aínda que se trate de política turística. Por iso, autorizou a construcción dun “punto informativo” que custará 340.000 euros e que estará situada no Centro Galego de Barcelona. Esta particular “embaixada” será aberta nun momento no que Cataluña debate sobre a súa independencia, e ten coma obxectivo, segundo o Goberno galego, “atraer ao turista catalán”.

Sede do Centro Galego en Barcelona
Sede do Centro Galego en Barcelona | Fonte: tripAdvisor

O Consello da Xunta aprobou este xoves o proxecto de acordo polo que se autoriza a subscrición do convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o Centro Galego de Barcelona, situada no piso do Conde Güell en Barcelona, un edificio emblemático localizado en pleno corazón da cidade condal.

“Con esta actuación, a Xunta de Galicia pon en valor unha infraestrutura que é xa un importante punto de encontro para a comunidade galega en Cataluña e desde onde se fomenta o coñecemento de Galicia, da súa xente, cultura, lingua, gastronomía e turismo”, apuntou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo.

A construcción deste “punto informativo” ten por obxectivo “incrementar e mellorar a promoción turística da comunidade galega en Cataluña”. E o certo é que para a xunta o mercado catalán é prioritario xa que nos primeiros meses deste ano situouse como o quinto mercado nacional por orde de importancia, supoñendo unha cota de preto do 6 %, con preto de 100.000 viaxeiros aloxados e máis de 188.000 pernoitas.

Este convenio enmárcase no traballo da Administración autonómica por impulsar a promoción turística galega nos mercados nacionais e internacionais, un traballo incluído na Estratexia do turismo de Galicia 2020. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta