Batalla entre La Voz e o Concello da Coruña polo cárcere

O alcalde esixiu publica e oficialmente que o diario rectificara as informacións nas que acusa á Administración de adxudicar un espazo a un colectivo no que participan varios edís, paso previo a unha eventual demanda. O director de La Voz explica, en declaracións a GC, a súa resposta.

Por Manuel Vilas | A Coruña | 08/09/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Goberno da Coruña pasou a ofensiva contra La Voz de Galicia esta semana. O Concello solicitoulle este mércores formalmente unha rectificación das informacións sobre a adxudicación da xestión dun espazo no antigo cárcere.  A cabeceira de Santiago Rey publicou a rectificación nas súas páxinas de local, pero seguiu cargando contra a adxudicación. 

Cárcere da Torre
Cárcere da Torre

 

O conflito empezou porque La Voz publicou que “el gobierno local de A Coruña cede la cárcel a un colectivo con decenas de cargos y militantes de la Marea”. O xornal asegurou que “entre los integrantes de la plataforma también figuran las concejalas Rocío Fraga (Igualdade e Seguridade Cidadá) y María García (Medio Ambiente). También forma parte de Proxecto Cárcere el jefe de gabinete del alcalde, Iago Martínez, uno de los fundadores de Marea Atlántica y miembro de En Marea encuadrado en el sector crítico con Luis Villares, portavoz de esa formación gallega. Hay otra asesora más del gobierno local en el listado de componentes de Proxecto Cárcere. Se trata de Natalia Balseiro, consejera de la edila de Participación, Claudia Delso”.

 

O alcalde respondeu ao día seguinte enviando un escrito oficial ao director de La Voz, Xosé Luis Vilela, esixindo a rectificación ante a “falta de veracidade ou a falsidade de moitas das súas afirmacións”. Xulio Ferreiro aclara que "nin o goberno municipal cede o antigo cárcere,  posto que é de titularidade estatal, nin hai no executivo nin no seu equipo de apoio persoas que sexan ao mesmo tempo membros da entidade sen ánimo de lucro (característica que se oculta ao lector) que dinamizará as súas actividades cando se abra, por fin, á cidadanía”. O edil tamén aclara “a única persoa que nalgún momento formou parte da asociación foi Rocío Fraga, e deixou de facelo en setembro de 2016” e lémbralle a La Voz que houbo un concurso público para este tema, resolto por funcionarios, non por políticos. Ferreiro tamén lle bota en cara a La Voz que non chamaran para contrastar a información.

Proxecto Cárcere
Proxecto Cárcere

 

La Voz di que rectificou ao día seguinte, facendo un resume dos argumentos da carta de Ferreiro. En declaracións a GC, o director de La Voz, Xosé Luís Vilela explica que "consonte é práctica habitual en La Voz de Galicia con todas as peticións de parte que nos chegan, o xornal acolleu o escrito do Concello da Coruña. Neste caso publicouse de inmediato, na edición do día seguinte e en lugar visible, posto que se situou na primeira páxina de información local, cun cliché que o identifica adecuadamente, como se pode ver no pdf adxunto. Nel expóñense todos os aspectos argumentativos do escrito recibido". 

 

Agora ben, lonxe de amedrentarse, o xornal contraatacou o asegurando que “las bases del concurso de la antigua prisión de A Coruña coinciden con las ideas de Proxecto Cárcere”. É dicir, insistindo en que é unha adxudicación irregular aos propios membros da marea. Iso si, recoñeceu o “erro” de ter metido na lista de membros de Proxecto Cárcere á secretaria xeral de Podemos A Coruña, ante a evidencia pública que na lista non está Isabel Faraldo. O xornal admitiu brevemente este “error” o mesmo día que Podemos A Coruña fixo público un comunicado crítico coa cabeceira. Na rectificación non figura por ningures o nome de Faraldo, que si figura na información inicial. 

 

O xoves Proxecto Cárcere publicaba na súa web unhas desculpas as “por non ter actualizado a información da sección Quen somos en consonancia co movemento de persoas e colectivos que desde 2011 apoiaron presencialmente ou virtualmente esta idea de transformar o cárcere nun espazo de participación cidadá”. Ao actualizar o listado de apoios, segundo La Voz, desapareceron os nomes dos políticos citados. O colectivo lánzalle un dardo ao xornal ao recordarlle que “ ante calquera dúbida ou incongruencia que poidérades encontrar ao consultar a información deste blog agradeceríamos moito que vos puxérades en contacto connosco para poder xerar así entre todas un fluxo de comunicación claro, transparente e verídico”.

 

A saga prosigue hoxe con outra noticia de La Voz na que insiste en deitar sombras sobre a adxudicación ao preguntarse se “¿Encaja en la ética política y el ideario de Marea que el gobierno local ceda los usos de la prisión provincial a una entidad [Proxecto Cárcere] en la que figuran más de una decena de firmantes del manifiesto del partido y de la que era miembro la concejala Rocío Fraga hasta hace un año?”. Fraga foi membro do colectivo até o ano pasado, segundo recoñece o Concello.

 

Por outra banda, se inicialmente tanto o Concello como Podemos como Proxecto Cárecere acusaron a La Voz de non contactar con eles para contrastar, agora é o xornal quen acusa aos representantes municipais de non responder as preguntas do xornal sobre o tema. 

 

SILENCIO SOBRE UN ENFRONTAMENTO QUE SE FAI MÁIS DURO

 

Malia o relevante dende o punto de vista político e comunicativo deste enfrontamento, ningunha outra cabeceira, herculina ou galega, se está a facer eco del. Os dous contendentes son poderosos e este incidente non é máis que outro episodio máis dun longo enfrontamento. Cando menos dende as eleccións locais, a liña editorial de La Voz de Galicia é moi crítica coas mareas e favorábel ao PPdeG.  Con todo, o feito de Ferreiro dese un paso adiante e pedira unha rectificación pública por vía oficial  supón, sen dúbida, unha escalada no conflito.

 

Está por ver se o Concello dá por válido o formato de resume do seus argumentos publicados por La Voz ou sigue tensando máis a corda e leva o asunto aos xulgados. 

 

Feijóo e o editor de La Voz Santiago Rey
Feijóo e o editor de La Voz Santiago Rey | Fonte: GC
Páxina da edición local de La Voz remitida a GC polo xornal no que se resume a petición de rectificación do Concello
Páxina da edición local de La Voz remitida a GC polo xornal no que se resume a petición de rectificación do Concello
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 19 comentarios

1 Lad

Nada novo, a centenaria máquina de D.Santiago enmerdando o país.