Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/09/2017 | Actualizada ás 14:27
Varias entidades de defensa do patrimonio colaboran en Rutas de Galicia, un novo proxecto cultural que ten por obxecto achegar ao patrimonio e a historia do país á xente con amenas andainas históricas. O Monte Seixo, a Serra do Barbanza, Ponte Maceira, a raia húmida, A Fonsagrada, Trives ou Betanzos son algúns dos lugares onde terán lugar estes roteiros.
O proxecto quere concienciar á sociedade galega da importancia que ten a súa historia e o seu patrimonio. Por iso, as andainas queren servir para fixar na poboación a idea de que as pedras, os vellos mosteiros, castelos e castros, ou as lendas de mouros e reis teñen unha importancia cultural e natural fundamental para entender a idiosincrasia de Galicia.
Neste sentido, Rutas de Historia, ten previsto a realización de sete andainas históricas polas catro provincias galegas para ir fixando na poboación a idea de que a historia e o patrimonio tamén poden ser riqueza para un país. As rutas previstas abarcan varios períodos históricos; desde o neolítico ata a época contemporánea.
Na realización destas andainas, que están coordinadas polo portal Historia de Galicia, colaboran representantes de importantes entidades de defensa do patrimonio como Mariña Patrimonio, Patrimonio Galego, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Colectivo Capitán Gosende ou a Asociación de Amigos do Parque do Pasatempo.
Así, entre os guías destas andainas estarán Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio; Miguel Losada, secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA); Carlos Solla, investigador e impulsor do colectivo Capitán Gosende; Manuel Gago, director de Cultura Galega e investigador; Jose Souto e Angel Arcay, impulsores da Asociación Amigos do Parque do Pasatempo; Elixio Vieites, investigador e membro de Patrimonio Galego e Xurxo Salgado, director de Historia de Galicia.
As andainas comezarán o 17 de setembro e rematarán o 28 de outubro de 2017. Teñen unha duración de entre catro e cinco horas e serán realizados durante as mañás do sábado ou do domingo. Os guías explicarán, en varios puntos, os contextos históricos por onde pasan os camiñantes. Serán circulares e as persoas interesadas terán que levar roupa axeitada e comida e bebida para o camiño. Todos os participantes deberán inscribirse, previamente, na páxina web do proxecto cunha antelación de 24 horas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.