Temas: CATALUñA

O PP galego quere que "todo o peso da lei caia" sobre os que "non a respectan" en Cataluña

Tellado rexeita recoñecer abertamente cal é o mellor aspirante a liderar o PSdeG e di que os tres son "do 'non é non'"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2017 | Actualizada ás 18:51

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, lamentou o "órdago inaceptable" do Goberno catalán co referendo independentista do 1 de outubro e, tras reiterar o apoio dos populares galegos ás decisións que adopte o Goberno de Mariano Rajoy, sinalou que "fará falta que caia todo o peso da lei sobre os que non queren respectala".

Miguel Tellado, en rolda de prensa
Miguel Tellado, en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

En rolda de prensa e "ante o desafío secesionista", Tellado apelou a extraer "unha lección" sobre a importancia de ter un Goberno autonómico "centrado, moderado e preocupado por resolver os problemas dos cidadáns, non en crearlles novos problemas".

Neste sentido, subliñou que, fronte a unha Cataluña con "un déficit desbocado", hai "unha Galicia que crece e controla as súas contas". "Fronte a unha Cataluña centrada en crear fronteiras e facer propaganda, temos unha Galicia que se quere abrir ao exterior e centrada en que a nosa economía creza e os nosos servizos sociais melloren cada día", engadiu.

"En definitiva, fronte a unha Cataluña cuxo Goberno está secuestrado por unha minoría radical, en Galicia hai unha maioría clara que lle dá estabilidade ás nosas institucións", resumiu o dirixente popular.

Finalmente, concluíu que o que preocupa aos populares é que a oposición "sexa ambigua" cando "debería estar ao lado" do Executivo central, que identificou con "estar ao lado da Constitución e da democracia".

Unha pasada manifestación a favor da independencia en Cataluña
Unha pasada manifestación a favor da independencia en Cataluña

"NON SON AFILIADO"

En canto á situación do PSdeG e que aspirante --Juan Díaz Villoslada, Xoaquín Fernández Leiceaga ou Gonzalo Caballero-- preferiría o PPdeG, rexeitou situarse abertamente porque, esgrimiu, el non é "afiliado" e non vota nas primarias.

"Correspóndelle á militancia socialista decidir cal é o mellor; o peor é que teñen que decidir entre máis do mesmo, porque o tres son os do 'non é non'", remarcou, aínda que apuntou que os afiliados terán que decidir entre "o que marca o aparello", en alusión velada a Villoslada, "ou alguén que se presenta para representar aos socialistas galegos".

En todo caso e, aínda que, ao seu xuízo, "non se debuxa un horizonte demasiado positivo" para os socialistas, recalcou que o PPdeG desexaría que o PSOE "recuperase o seu papel" tanto en Galicia como en España e que puidese ser "un interlocutor".

"Veremos que votan os socialistas a semana que vén ante a lei de fomento empresarial en Galicia, porque temo que estará co 'non é non'", avanzou, antes de concluír que desexaría que o PSdeG abandonase as súas "guerras internas" e deixase de ser "unha formación cainita" como "nos últimos anos" para "porse a traballar dunha vez polo interese xeral".

Temas: CATALUñA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

2 Freixo

PP = lixo imundo, herdeiro ideológico dos assassinos repugnantes de 1936

1 Anti...

Reclamade os bens roubados pola ditadura que tanto adourades. Iso si foi un golpe de estado guerra civil polo meio con millons de mortos. E que non fachendee o zarabeto de rajoy de que non da un peso pra memoria histórica.