O Dépor segue sen gañar

O Deportivo perde 2-4 coa Real Sociedade tras encaixar dous goles nos cinco primeiros minutos e outros dous nos últimos dez, que chegaron tralos trocos de Pepe Mel que atascaron o equipo. Segunda derrota en Riazor en dous partidos, e nove goles encaixados en tres xornadas.

Por gcdeportes | A Coruña | 10/09/2017 | Actualizada ás 15:51

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
RC Deportivo 2:
Tyton; Juanfran, Schär, Sidnei, Luisinho; Guilherme, Pedro Mosquera, Fede Cartabia (Fede Valverde, 64’), Bruno Gama (Lucas Pérez, 49’); Adrián López e Florin Andone (Bakkali, 71’).
Real Sociedade 4: Gerónimo Rulli; Odriozola, Elustondo, Íñigo Martínez (Llorente, 66’), Kevin Rodrigues; Illarramendi, Zurutuza, Xabi Prieto; Januzaj (Carlos Vela, 73’), Juanmi (Sergio Canales, 54’) e Willian José.
Goles: 0-1: Juanmi (minuto 2). 0-2: Illarramendi (minuto 4). 1-2: Adrián López (27’). 2-2: Andone (50’). 2-3: Llorente (82’). 2-4: Illarramendi (86’).
Árbitro: Munuera Montero (andaluz). Amarelas a Juanmi (44’), Kevin Rodrigues (54’) e Odriozola (80’) na Real Sociedade.
Incidencias: partido da 3ª xornada de Primeira División no estadio municipal Abanca-Riazor ante 21.942 espectadores. No lecer, homenaxe a Nuria Rábano, campioa de Europa sub-19 coa selección española.

Saiu durmido e aos cinco minutos xa perdía 0-2. Fixo o máis difícil: reaccionar, grazas a Adrián López, gol e asistencia para Andone no segundo, e empatar o choque, xa con Lucas Pérez sobre o céspede. Pero os trocos de Pepe Mel desnortaron o Dépor, que encaixou outros dous goles nos últimos dez minutos para acabar perdendo 2-4. Segundo partido en Riazor, segunda derrota e sete goles encaixados. Nove nas tres primeiras xornadas, nas que suma tan só un punto. O vindeiro sábado, visita o Betis en Sevilla.

Tyton, que debutaba trala lesión de Rubén, encaixou catro goles.
Tyton, que debutaba trala lesión de Rubén, encaixou catro goles. | Fonte: lfp.es

Sen concentración os coruñeses na saída, a Real só necesitou dous minutos para adiantarse no marcador, cun saque rápido de falta de Xavi Prieto ás costas da defensa e Juanmi que fixo de volea o 0-1. Non pasaran nin dous minutos cando Illarramendi, tralo rexeite da defensa deportivista nun córner, fixo o 0-2.

A Real manexaba o partido sen problemas, e o Dépor tardou en reaccionar. Foi tras un pase longo do central Schär para Adrián López, que marcou un golazo sen deixar caer o balón. 1-2 no minuto 27. Os de Pepe Mel apertaron antes do descanso e tiveron un par de achegamentos, pero os donostiarras mantiveron a súa vantaxe mínima ata o descanso.

Aos catro minutos da reanudación, o agardado pola parroquia local regreso de Lucas Pérez. Axudado pola volta do sete branquiazul, centro de Juanfran, Adrián López gaña o salto e deixa coa testa para o 2-2 de Florin Andone, que se estreaba como goleador na Liga.

Axiña Íñigo Martínez puido facer o terceiro tras asistencia de Januzaj, e o Dépor, que semellaba ter folgos para acabar a remontada, atascouse na recta final do choque trala entrada de Fede Valverde e Bakkali por Fede Cartabia e Andone. A Real Sociedade aproveitouno: primeiro avisou cunha chegada de Odriozola que interceptou Bakkali a córner e, de novo a balón parado, Llorente volveu poñer por diante (2-3) os donostiarras no minuto 82. Catro despois, Illarramendi sentenciou o encontro co 2-4 definitivo.

Lucas Pérez e o resto de branquiazuis, abatidos tralo 2-4.
Lucas Pérez e o resto de branquiazuis, abatidos tralo 2-4. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta