Eterno Gómez Noya

O triatleta ferrolán acada o seu segundo título de campión do Mundo Ironman 70.3 tras vencer na proba de Chattanooga (Tenneesse), onde remontou catro minutos ao estadounidense Ben Kanute nos 21 quilómetros de carreira a pé.

Por gcdeportes | Compostela | 10/09/2017 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

Invencíbel Javi Gómez Noya, que acada o segundo título de campión do Mundo Ironman 70.3. Como no 2014 en Mont Tremblant, tres anos despois, repetiu triunfo no 2017 en Chattanooga (Tenneesse). O triatleta ferrolán non deu opcións aos seus rivais e cumpriu cos prognósticos que o situaban como favorito para acadar a vitoria. Gómez Noya entrou en solitario na meta cun tempo de 3h:49:45 e máis dun minuto de vantaxe sobre o estadounidense Ben Kanute, a quen remontou cinco minutos na carreira a pé.

Javi Gómez Noya, vitorioso na liña de meta en Tenneesse.
Javi Gómez Noya, vitorioso na liña de meta en Tenneesse. | Fonte: ironmanlive.com

Deste xeito, Gómez Noya agranda o seu insuperábel palmarés: cinco veces campión do Mundo das Series Mundiais ITU, dúas veces campión do Mundo Ironman 70.3, catro veces campión de Europa e medalla de prata en Londres'2012.

A competición foi segundo o previsto para o campión galego: saiu en cabeza xunto con Ben Kanute tralos dous quilómetros de natación, mantivo a tiro ao estadounidense nos 90 quilómetros de bicicleta (oitavo na T2 a 4,15 do líder) e remontou eses catro minutos nos 21 quilómetros de carreira a pé para entrar, unha vez máis, vitoriso e en solitario na meta, cumprindo o seu principal obxectivo desta campaña.

Clasificación final:

1.    Javier Gómez Noya: 3h:49:45
2.    Ben Kanute, a 1,21 (3h:51:07).
3.    Tim Dom, a 2,15 (3h:52:00)

Con esta vitoria, Javi Gómez Noya acada o seu segundo título Mundial de Ironman 70.3 (2014 e 2017), tan só seis días antes de loitar polo sexto título ITU en Rotterdam. Ademáis, tras vencer en Dubai e Chattaanoga, o campión galego estaá a tan só un triunfo de ser o primeiro triatleta da historia en acadar a Triple Coroa, premio de un millón de dólares que o príncipe Nasser de Bahrain entrega a quen sexa quen de gañar tres probas: Ironman 70.3 de Dubai, campionato do Mundo Ironman 70.3 e o Ironman 70.3 de Bahrain.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta