O Celta acada a primeira

Un novo gol do uruguaio Maxi Gómez chegoulle ao equipo celeste para sumar os primeiros tres puntos na Liga fronte ao Alavés en Balaídos. Emre Mor debutou na recta final. Vindeira cita, luns 18 co Espanyol.

Por gcdeportes | Vigo | 10/09/2017 | Actualizada ás 22:22

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
RC Celta 1
: Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Cabral, Fontás (Sergi Gómez, 74’), Jonny; Daniel Wass, Jozabed (Tucu Hernández, 80’), Lobotka; Pione Sisto (Emre Mor, 87’), Iago Aspas e Maxi Gómez.
Alavés 0: Pacheco; Vigaray, Ely, Alexis, Pedraza; Tomás Pina, Dani Torres; Burgui (Ibai Gómez, 71’), Enzo (Munir, 57’), Romero e Bojan (Rubén Sobrino, 78’).
Gol: 1-0: Maxi Gómez (minuto 33).
Árbitro: Melero López (andaluz). Amarelas Jonny, Iago Aspas, Jozabed e Maxi Gómez nos celestes e a Vigaray, Alexis e Ibai Gómez nos vitorianos.
Incidencias: partido da 3ª xornada da Primeira División disputado no estadio Balaídos ante 17.384 espectadores.

Cabral felicita a Maxi Gómez tralo gol.
Cabral felicita a Maxi Gómez tralo gol. | Fonte: lfp.es

Nun partido pouco vistoso e con poucas ocasións, ao Celta chegoulle cun gol de Maxi Gómez, o único xogador celeste que marcou nas tres primeiras xornadas, para acadar a primeira vitoria da Liga. O terceiro gol do dianteiro uruguaio e dúas paradas salvadoras de Sergio Álvarez no primeiro tempo. Sen brillo, pero o Celta sumou os tres primeiros puntos en Balaídos.

Volveron Cabral e Fontás ao once titular, e Lobotka no canto do mancado Radoja. Os de Juan Carlos Unzué tiveron a posesión e a iniciativa no arrinque do choque (Maxi Gómez rematou desviado con apenas 50 segundos), pero sen crear moito perigo. E volveron os preocupantes erros defensivos: Bojan tivo un man a man con Sergio Álvarez saíndo dende campo propio tras un pase longo ás costas da defensa, pero o meta de Catoria detivo o disparo coa perna. Dez minutos despois, os mesmos protagonistas co mesmo resultado: Sergio Álvarez evitou o gol.

As dúas ocasións visitantes espertaron o Celta, que chegou á área rival polas bandas. Primeiro pola esquerda, cun centro de Jonny e pouco despois, outro de Pione Sisto que aproveitou Maxi Gómez na área pequena para facer coa testa o 1-0. Jozabed e Aspas tiveron o segundo tras centros dende a dereita de Hugo Mallo, pero sen puntaría.

O Celta apenas tivo problemas en toda a segunda parte para manter con comodidade a vantaxe mínima. Pouco fixo o Alavés en ataque malia os trocos de Luis Zubeldía, que deu entrada a Munir, Ibai e Rubén Sobrino. O equipo de Unzué controlou o partido e tivo as únicas ocasións de marcar, nun chute forte e lonxano de Daniel Wass que petou no pau (minuto 67) e cun potente disparo de Maxi Gómez á reviravolta que se foi ao lateral da rede (minuto 69). Os celestes seguiron controlando o encontro ata o final, sen asumir riscos, e Unzué agardou ata o minuto 87 ppara regalarlle á afección o debut de Emre Mor. O máis importante, o Celta sumou tres puntos necesarios para afastarse da parte baixa da táboa. O luns 18 ás 21.00 horas, visita a Barcelona para enfrontarse ao Espanyol.

Ledicia dos xogadores celestes tras marcar o 1-0 ao Alavés.
Ledicia dos xogadores celestes tras marcar o 1-0 ao Alavés. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta