O Lugo xa gaña

O equipo lucense vence 0-1 en Albacete cun gol de Iriome, o primeiro do campionato, e acada a primeira vitoria na Liga para sumar 4 puntos. O vindeiro venres, o Zaragoza no Anxo Carro.

Por gcdeportes | Lugo | 11/09/2017 | Actualizada ás 09:22

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Albacete 0:
Tomeu Nadal; Arroyo, Saveljich, Gaffoor (Nili Perdomo, 74’), Morillas, Gálvez, Jon Erice, Jeremie Bela, Pelayo (Zozulya, 54’), Susaeta e Héctor Hernández (Josan, 62’).
CD Lugo 1: Juan Carlos; Campabadal, Bernardo, Ignasi Miquel, Luis Ruiz; Seoane, Ramón Azeez; Iriome, Campillo (Sergio Gil, 79’), Fede Vico (Escriche, 88) e Polaco Fydriszewski (Cristian Herrera, 64’).
Gol: 0-1: Iriome (minuto 50).
Árbitro: Milla Alvendiz (andaluz). Amarelas a Pelayo e Gálvez nos locais e a Luis Ruiz, Azeez e Campabadal nos lucenses.
Incidencias: partido da 4ª xornada de 2ª División disputado no estadio Carlos Belmonte ante 6.133 espectadores. O técnico lucense, sancionado pola expulsión ante o Nástic, seguiu o encontro dende a bancada.

Iriome remata o centro de Campillo para marcar o gol da vitoria.
Iriome remata o centro de Campillo para marcar o gol da vitoria. | Fonte: lfp.es

O primeiro gol na Liga tras tres xornadas a cero, e a primeira vitoria. A domicilio, ante o Albacete, cun solitario tanto de Iriome. Había certa inquedanza na parroquia albivermella tralos resultados das tres primeiras citas ligueiras, pero o CD Lugo superou dous obstáculos esta semana: a eliminatoria da Copa ante o Nástic (a penaltis) e primeiro gol e primeiro triunfo na Liga en Albacete. Resultado: catro xornadas, catro puntos.

Francisco Rodríguez fixo debutar no once inicial, na punta de ataque, a Polaco Fydriszewski. Primeira parte igualada, con poucas chegadas á área. A ocasión máis clara, de Campillo, xa no minuto 10, chegando dende a segunda liña para rematar un pase atrás coa testa de Iriome, pero o remate centrado desviouno Tomeu coas pernas. Juan Carlos, meta lucense, tocou o xusto coa luva para desviar un disparo de Bela no 17’. Os apuros lucenses chegaron por alto, nun par de centros á área de Susaeta, pero ao descanso, 0-0.

Tralo paso por vestiarios, o gol lucense: centro preciso á área de Campillo dende a esquerda e Iriome que lle gaña a partida ao defensor para ao primeiro toque poñer o 0-1 que sería definitivo. José Manuel Aira, ex do Rácing de Ferrol, meteu no campo o ucraíno Zozulya, que debutaba no Alba, e Francisco deu entrada a Cristian Herrera.

O Lugo dedicouse a tocar o balón con criterio, e apenas pasou apuros para manter a vantaxe. Tan só un despiste defensivo, permitiu a Jeremie Bela rematar dentro da área, pero detivo sen problemas Juan Carlos. Cristian Herrera puido sentenciar o partido no minuto 83, pero marchouselle o control no último intre cando xa encaraba a Tomeu. Entraron Sergio Gil e Escriche na recta final, e o Lugo mantivo o resultado para sumar tres puntos. O venres ás 21.00 horas, o Zaragoza, cos mesmos 4 puntos que os lucenses, visitan o Anxo Carro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta