Que é o que permitirá a Lei de iniciativas empresarias que pretende aprobar o PP

A Alianza Rural Galega di que se "dá patente de corso a mineiras e eléctricas para que asalten" o territorio galego cos seus proxectos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/09/2017 | Actualizada ás 11:12

Comparte esta noticia

O PP vén de presentar no Parlamento galego pola vía de urxencia a proposición de Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia. Unha norma que está sendo moi criticada por numerosas entidades ecoloxistas e agrarias que acusan aos populares de utilizala como "caixón desastre” para aprobar "pola porta de atrás" proxectos empresariais a costa das garantías ambientais, do interese xeral e da participación pública.

Neste sentido, a Alianza Rural Galega (ADEGA, CIG, FRUGA e ORGACCMM) destaca que a intención do PPdeG é de que “ningunha traba administrativa poida obstaculizar o crecemento de Galicia” e que ningunha lei "xustifica esta tramitación express".

Ademais, estas entidades critican que, coa aprobación desta lei, a Consellería de Industria "mete baza" alén de na lexislación propia, no medio ambiente, nos montes, no patrimonio, no tratamento dos residuos, ou na xestión hidráulica, "ficando como máximo órgano substantivo e arrogándose a potestade de decidir sobre aspectos chave doutras planificacións sectoriais".

Pero, cales son as principais modificacións e implicacións ambientais desta norma?

Os proxectos industriais estratéxicos terán máis facilidades para eludir os controis. Están regulamentados no Decreto Lexislativo 1/2015 (cap. III, arts. 78-80). A modificación que introduce o artigo 16 desta norma reduce de 50 a 20 millóns de € o volume de investimento para que un proxecto sexa declarado estratéxico, e de 250 a 100 os postos de traballo directos supostamente creados.

Autorizacións de instalacións de enerxía eléctrica: tamitación exprés sen información pública. O artigo 38 exime do trámite de información pública a determinados proxectos de instalacións eléctricas que, non solicitando a utilidade pública tampouco requiran unha avaliación ambiental ordinaria. Non terán que someterse a información pública as liñas cunha tensión igual ou inferior a 30 kW e as instalacións de autoconsumo de potencia superior a 100 kW.

Sogama

Esta disposición (adicional segunda) fala de facer compost cos residuos orgánicos dos concellos próximos á planta de Sogama, o que implica que nestes concellos a materia orgánica debería ser recollida separadamente. É dicir que terán que implantar un sistema similar ao de Lousame (Mancomunidade do Barbanza) ou Nostián (A Coruña e Consorcio das Mariñas). Ademais, o tratamento desta fracción orgánica tería un custo de 45€//tonelada, lonxe dos 74€ que pagan polo "tratamento" do recollido no contentor verde –coa materia orgánica mesturada- os concellos aderidos ao modelo SOGAMA.

En relación á Lei de Conservación da Natureza, modifícase o punto 2 do artigo 16 da Lei 9/2001 de conservación da natureza, referida ás zonas de especial protección dos valores naturais (agora ZEC) da Rede Natura. Introdúcese unha excepción para os aproveitamentos madeireiros, que non precisarán de autorización de Medio Ambiente e só se rexerán pola Lei de Montes. Deste xeito, equipáranse estes usos (cortas, plantacións...) aos tradicionais, podendo vulnerar artigos chave da Directiva 92/43/CEE de Hábitats, pola que se cría a Rede Natura 2000. "Esta manobra lembra á perpetrada en 2011 por Feijóo para declarar á acuicultura industrial de utilidade pública de primeira orde e tentar pontear a lexislación da Rede Natura", indica a Alianza Rural Galega.

Esta norma tamén modifica profundamente a Lei 3/2008 da minaría de Galicia, "colapsando trámites, reducindo prazos e dando a Industria capacidade substantiva para resolver un proxecto ou solicitude de dereito mineiro á marxe das consideración dos concellos e doutros departamentos da administración (medio ambiente, patrimonio, urbanismo...)", apunta.

Tamén se modifica o artigo 16 (bonificacións do canon eólico) para reducir a porcentaxe de bonificación por substitución de aeroxeradores –repotenciamento-, que pasa a ser de x10 a x5 en función das máquinas eliminadas. Así se antes un parque reducíase en 10 aeroxeradores, a bonificación era do 100% e agora redúcese ao 50%.

Proxectos de "especial interese"

Introdúcense os “proxectos de especial interese” (Disposición adicional primeira). Deste xeito, os proxectos de produción de enerxía eléctrica con renovábeis poderán ser declarados “proxectos de especial interese” polo Consello da Xunta. As consecuencias da declaración son a tramitación prioritaria e a redución á metade dos prazos de instrución alén de que automaticamente considerarase prevalente a utilidade pública das instalacións. Porén, a redación desta disposición fai que poidan ser declarados “proxectos de intese especial” instalacións só eólicas, senon tamén calquera que xere electricidade a partir de renovábeis (biomasa, hidroeléctricas, solares...), malia a figurar na lei eólica.

Ademais, na Lei 9/2010 de Augas, modifícase o punto 3 do artigo 29 relativo ás obras hidráulicas para reducir de 30 a 20 días o prazo de información pública dunha obra hidráulica de interese.

Con respecto á Lei de Montes modifícase o artigo 92 relativo ás autorizacións para os aproveitamentos madeireiros, antes necesarias en todos os casos (con excepción do uso doméstico). Agora só hai que pedir autorización cando haxa frondosas autóctonas. Para o resto das especies, abonda cunha declaración responsábel.

"En definitiva, esta norma supón unha desregulamentación de facto, que elimina cautelas ambientais e dereitos dos administrados para outrogarlle patente de corso a empresas mineiras e pasteiro-enerxéticas", denuncian estas entidades. "Socava profundamente o interese xeral modificando substancialmente a tramitación administrativa de determinados proxectos, e convertindo na práctica a Industria nun supra-organismo, un sultanato que impón o seu criterio por riba de calquera outra consideración", engade.

Por iso, acusa ao PP de abrir o país aos fundos de investimento e á economía especulativa cuxos intereses primarán por riba do ambiente, da saúde e dos dereitos da cidadanía.

Planta de Sogama en Cerceda (A Coruña)
Planta de Sogama en Cerceda (A Coruña)

Parque eólico en Cabo Vilán.
Parque eólico en Cabo Vilán.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Breixo

Non é doado facilitar a instalación de empresas e garantir os dereitos do último administrado. Tan malo é a desregulación total como deseñar un marco institucional no que un único individuo pode paralizar un investimento. Probas no noso país temos de abondo, e así nos luce o pelo co chan industrial e loxístico. Dito isto, esta lei acércanos máis ao modelo produtivo de países como Mozambique que a outros como Holanda. Fala sobre todo de minería, enerxía, produtos químicos, etc. As manufacturas deben dalas por perdidas. En fin, supoño que ao menos os nosos fillos poderán traballar de camareiros concatenando contratos de 15 días.