Temas: PODEMOS EN MAREA

Crítico de Podemos xudicializa o acordo con En Marea nas autonómicas

O querelante está pendente de ser expulsado de Podemos. A formación morada rexeita pronunciarse sobre a denuncia, á que resta importancia

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2017 | Actualizada ás 13:54

Comparte esta noticia

O secretario municipal de Podemos en Arzúa (A Coruña), Xosé Manuel Zapata, un dos principais críticos de Podemos en Galicia, acusou nos xulgados á dirección galega da formación e a En Marea de levar a cabo unha "cacicada" a través do acordo co que concorreron como partido instrumental ás pasadas eleccións autonómicas de setembro de 2016.

Asemblea de Podemos en Vistalegre
Asemblea de Podemos en Vistalegre

En concreto, os xulgados de Santiago de Compostela acolleron este martes unha vista na que se abordou a denuncia formulada por Xosé Manuel Zapata --a quen Podemos abriu un expediente de expulsión-- e na que compareceron persoal do equipo técnico estatal de Podemos así como a deputada de En Marea e membro da formación morada, Paula Quinteiro, quen acudiu en calidade de testemuña.

Precisamente, en declaracións a Europa Press, Zapata asegurou que, no encontro, os representantes de Podemos "fixeron constar a cacicada" na que, ao seu xuízo, "consistiu a candidatura ás eleccións autonómicas", con listas "elixidas a dedo" que non deixaron "opción aos inscritos" para presentarse.

DIMISIÓNS

"Desvinculáronse absolutamente do proceso de En Marea en Galicia e dixeron que Podemos decidiu non presentarse a estas eleccións, unha opción que tomou o Consello Cidadán Estatal", explicou Zapata. Por iso, manifestou que "se a secretaria xeral en Galicia, Carmen Santos, e Consello Cidadán Autonómico (CCA) non pintaron nada deberían dimitir por renunciar a tomar algún tipo de decisión".

Pero, ademais, en opinión do secretario de Podemos en Arzúa, tanto Carmen Santos como o CCA deberían deixar os seus cargos por "aceptar que, de forma ilegal e antiestaturaria,  e cancelar as primarias de Podemos en Galicia" e deixar sen efecto a vontade dos inscritos da formación morada sobre a fórmula de concorrencia a estes comicios.

E é que, segundo lembrou, nunha consulta celebrada no verán de 2016, os inscritos decidiron que a formación concorrería en Galicia ou "soa" ou en "coalición". "A ninguén se lle preguntou nin se lle dixo que Podemos non se presentaría ás eleccións", sinalou.

Ante iso, Zapata espera que a xustiza deixe claro que o acordo alcanzado por Podemos e En Marea para concorrer ás autonómicas foi "antiestaturaria". "Busco unha sentenza que diga a realidade do ocorrido, que ao país dos caciques viviron os caciques maiores de Madrid a caciquear", manifestou.

Pola súa banda, fontes oficiais da formación consultadas por Europa Press declinaron facer declaracións sobre a vista que tivo lugar este martes así como sobre a denuncia presentada por Xosé Manuel Zapata, á que restaron importancia.

Temas: PODEMOS EN MAREA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta