Empresas galegas que a Xunta puxo como referentes emigran a Portugal

No polígono empresarial de Vilanova da Cerveira, o 90% das empresas son xa galegas. Sindicatos lusos denuncian que se trata de "deslocalizacións" na procura de baixos salarios.

Por Xurxo Salgado | Portugal | 13/09/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Dúas das grandes empresas galegas de transformación de peixe, a Marfrio e a Atunlo, decidiron deixar as súas inversións en Galicia e marchar a Portugal. Investirán seis millóns de euros nunha fábrica en Vila Nova de Cerveira. Un paso que dan a pesar de que a Xunta ten visitado as dúas factorías e ten destacado a súa importancia na economía galega. Os sindicatos lusos critican que as empresas galegas marchan a portugal polos baixos salarios e a "precariedade".

Baixo o nome de Central Lomera Portuguesa, a factoría entrará en funcionamento en marzo de 2018. A nova planta de transformación de atún do grupo Marfrío -un dos principais procesadores e comercializadores de produtos ultraconxeados do mar en Europa- e Antunlo -sociedade cun volume de negocio próximo aos cen millóns de euros- xerará un total de 200 postos de traballo.

As futuras instalacións estarán no Parque Empresarial de Fulão xa que, segundo o alcalde de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, esta localidade "é unha referencia para investir e crear postos de traballo" pola súa localización estratéxica como porta de saída ao Atlántico.

"Cos dous polos industriais xa en lote e perante o interese de potenciais novos investidores, o municipio estabeleceu, en 2016, un protocolo de cooperación coa Construciones Gradin - entidade propietaria do parque empresarial do Fulão e tamén galega - para unir esforzos na promoción e flexibilización das cerca de 40 hectáreas dispoñíbeis", explicou o rexedor portugués.

Marfrío en Antunlo non son as únicas empresas galegas que decidiron cruzar o río Miño. Neste mesmo parque empresarial hai 40 empresas, o 90% delas de capital galego, e dan emprego a 3.600 traballadores.

Atunlo, con base loxística en Vigo, dá emprego en Galicia a 600 persoas e a 300 en Cabo Verde, onde ten unha factoría desde o ano 2014. Marfrío, inaugurada en Pontevedra en 1985, conta con tres factorías e dá emprego a 350 persoas.

Referentes para a Xunta

Curiosamente, estas empresas marchan a Portugal logo de ser postas como referentes por parte da Xunta. O presidente galego visitaba hai uns anos a factoria de Marfío en Marín, acompañado de la conselleira do Mar, Rosa Quintana.

Nesa xuntanza, o presidente galego destacaba que "o traballo desta compañía é fundamental para requilibrar o balance entre o que importamos e o que exportamos". "O feito de que máis 150 familias de forma directa e outras tantas indirectamente vivan deste traballo é unha mensaxe cargada de optimismo e confianza", matizaba.

Pouco despois, en 2016 era a conselleira do Mar, Rosa Quintana,a que participaba na presentación das novas instalacións do Grupo Atunlo, situadas en Beiramar, en Vigo. Alí adiantaba que a Consellería do Mar investiría 100 millóns de euros na modernización e innovación tecnolóxica da industria transformadora e comercializadora de produtos do mar ata o ano 2020, a través de subvencións ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).

Tamén felicitaba ao Grupo Atunlo pola posta en servizo das novas instalacións e da nova imaxe corporativa coas que “reforza a consolidación dun grupo empresarial referente en Galicia, en España e no mundo dentro do sector da transformación de produtos do mar”. Nesta liña fixo fincapé na expansión e crecemento da empresa que dende a súa constitución “buscou alianzas e participación que permitiran unha maior eficiencia e valor engadido nos seus produtos”, dixo.

Na procura de baixos salarios

Esta fuga de empresas galegas ten unha explicación. Para os sindicatos portugueses Uniâo Geral dos Trabalhadores (UGT) e Confederaçâo Geral dos Trabalhadores Portugueses (CGTP) trátase de deslocalizacións de empresas que abandonan Galicia en busca de "salarios baixos" e condicións laborais "máis precarias", e non polos incentivos fiscais ou o prezo do solo industrial.

"A deslocalización é en busca de salarios baixos e precarios. Ese é o problema. Hoxe trasládanse empresas de Galicia a Portugal, pero mañá haberá outra deslocalización, de Galicia e Portugal cara a Europa do Leste", advertiu Armenio Carlos, secretario xeral da CGTP nunha recente conferencia de prensa. Lamentou que esas denuncias de competencia desleal serven para "xustificar a incapacidade" das administracións para atraerse ás multinacionais.

Pola súa banda, o responsable de UGT-Portugal, Carlos Silva, recoñeceu que as medidas das empresas, o Goberno luso e, sobre todo, dos dirixentes locais (autarcas) teñen "gran impacto" e xeraron un crecemento do investimento de empresas estranxeiras."Non valoro se iso é dubidosa legalidade, iso depende das autoridades, pero as empresas non poden investir nun país sen cumprir as regras dese país", sinalou.

Pola súa banda, o secretario xeral de UXT-Galicia, José Antonio Gómez, ten advertido de que o problema da deslocalización suxire un "debate trampa", e que "a Xunta debería dicir algo". "Ten que analizar por que Portugal ten axudas e velar por un sistema de formación que está paralizado. A Xunta tense que pór as pilas e non botar a culpa a outros, que igual teñen feitos os deberes", concluíu.

Feijóo de visita na factoría de Marfrio
Feijóo de visita na factoría de Marfrio | Fonte: Marfrio

Planta de Acuinova, filial de Pescanova, en Mira, Portugal
Planta de Acuinova, filial de Pescanova, en Mira, Portugal | Fonte: pescanova.com
Goián (Tomiño). En Fronte, Vilanova da Cerveira
Goián (Tomiño). En Fronte, Vilanova da Cerveira
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 14 comentarios

6 carallete

temolo moi facil, boicot total a os productos de Marfrío e Antunlo, i esixir a devolución das subvencions dadas polo peperitiñovegasicilia Feijoo...

5 RYUq

Poñer aranceles en Tui é facerlle un gran favor a economía galega.

4 Freixo

VILA NOVA DE CERVEIRA, nom fai falta que castelhanizedes também a toponímia portuguesa. E se o fazedes sede coerentes e escrevede *CABOVERDE.

3 Fuilco

Normal, en Portugal no padecen la CIG. Aquí todo son trabas para empresarios, autónomos y trabajadores honrados. Cualquiera que quiera invertir o ganarse la vida tiene que irse fuera.

1 xos

Claro, porque a CIG leva gobernando a Xunta de Galicia desde sempre, por suposto

2 REmd

Fuilco = ignorancia suprema

3 Cuñaoooo

Fuilco e disto que me dis? http://www.eldiario.es/politica/Raj... En fin... Por apuntar datos obxectivos: http://www.sermosgaliza.gal/opinion... O certo é que o norte de Portugal e Galicia necesitámonos... O triste é que a maioría non se decata...

4 kGmt

Galicia non precisa de portugal. A non ser pra baixar os salarios e empobrecernos.

2 qrejar

É o presidentiño, que non ve por nós, e as súas amistades só ven polo euriño.