Ézaro, prestixio internacional

A vindeira edición do Gran Fondo Ézaro, que se celebrará o 8 de xullo, incluída na listaxe de 21 probas das 'Gran Fondo World Series' da Unión Ciclista Internacional, a única cita en España.

Por gcdeportes | Compostela | 12/09/2017 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Recoñecemento merecido. O Gran Fondo Ézaro entra no calendario internacional oficial e a vindeira edición, que se celebrará o 8 de xullo, formará parte das Gran Fondo World Series da Unión Ciclista Internacional (UCI), segundo informou a organización, que corre a cargo de EME Sports, a empresa do ex-ciclista Ezequiel Mosquera.

Saída do Gran Fondo Ézaro, que concentra a mil ciclistas en Dumbría.
Saída do Gran Fondo Ézaro, que concentra a mil ciclistas en Dumbría. | Fonte: @granfondoezaro

Asemade, a cita da Costa da Morte, que no 2018 alcanzará a súa cuarta edición, é a única proba de España incluída pola UCI na listaxe de 21 (20 probas e a gran final) dentro das Gran Fondo World Series, cuxa tempada comezou a pasada fin de semana en Poznan (Polonia). O circuíto internacional rematará co campionato do Mundo da modalidade na cidade italiana de Varese, a principios de setembro do 2018.

“O Gran Fondo Ézaro continúa medrando en recoñecemento e repercusión, e o vindeiro ano afianzará a súa proxección internacional”, apuntan os organizadores.

A proba, con epicentro no Concello de Dumbría e percorrido pola Costa da Morte, ten a saída e a chegada no Miradoiro de Ézaro, espectacular final de etapa nas edicións da Vuelta a España de 2012 e 2016. A edición do 2017 do Gran Fondo Ézaro, a terceira, contou con máis de mil participantes e, como convidados especiais, Alex Zülle e Tony Rominger, ademáis dos galegos Gustavo Veloso, Óscar Pereiro ou Álvaro Pino. Tamén se apuntou o triatleta Javi Gómez Noya, vencedor na subida final a Ézaro tras marchar escapado xunto con Veloso toda a proba.

Ademáis do Gran Fondo Ézaro, as UCI Gran Fondo World Series incorporan para a campaña 2017-18 a Tre Valli Varesine (Italia) e o Gran Fondo Antalya (Turquía), e volve de novo o Granfondo Golfe de Saint Tropez (Francia), tras dous anos de ausencia. A final (30 de agosto-2 de setembro do 2108), de novo en Varese.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta