“O 112 viuse desbordado con colas de chamadas inadmisíbeis”

Os problemas da nova plataforma, feita pola empresa da sobriña de Romay, continúan. Ademais, os traballadores denuncian descoordinación no envío de medios a emerxencias como o recente incendio en Cotobade e unha actitude de acoso por parte do xerente.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/09/2017 | Actualizada ás 11:20

Comparte esta noticia

A folga que mantivo a medio gas o 112 durante meses non se vai reactivar, polo de agora, pero isto non quere dicir que os problemas estean solventados. Nunha nota remitida hoxe dende o Comité de Empresa, insisten en que a nova plataforma tecnolóxica non vai ben, e que malia “leves melloras”, a “central viuse desbordada con colas de chamadas inamisíbeis, cando o volume de incendios e de emerxencias asociadas á estación foron menores que nos pasados anos”. 

Carteis de protesta do 112
Carteis de protesta do 112

Cómpre lembrar que a Xunta adxudicou esa plataforma informática a Atos Origin, a empresa na que é directiva a sobriña de José Manuel Romay Beccaría. Trátase Carme Martín Pozuelo, quen fora subordinada tamén de Alberto Nuñez Feijóo en Sanidade e na Administración do Estado.

Os traballadores do 112 tamén denuncian problemas na toma de decisións, por exemplo sobre que bombeiros enviar a cada emerxencia. Así relatan que “cando se produciu o lamentábel incendio da factoría de Fandicosta en Moaña foron mobilizados antes os bombeiros de Ribadumia, a case unha hora de distancia, cando os bombeiros de Vigo estaban a dez minutos, así como o máis recente descontrol evidenciado no incendio que calcinou unha carpintaría en Cotobade”. O motivo destas desfeitas é, na súa opinión, “as decisións políticas desatinadas” incluídas no Plan Territorial de Emerxencias.

As proletarias do Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) 112 lograron manter unha longa folga secundada pola práctica totalidade do cadro de persoal. Finalmente, a Xunta cedeu e aceptou case todas as súas reivindicacións, incluído unha compensación económica polo traslado forzoso de Santiago á nova base da Estrada. Agora advirten que “a Xerencia da AXEGA dificulta o cumprimento do laudo que puxo fin á folga”.

Tal é o seu enfado con Juan José Muñoz que acaban de nomealo persoa non grata. Por qué? Alertan dunha actitude de acoso por parte do xerente como “vinganza” tras o éxito da folga. Lembran que amenazou aos folguistas e agora acúsano de “ actitude de prepotencia e desprezo cara o persoal” responsabilizándoo de “seguimento de todos e cada un dos movementos” dos teleoperadores e promover “ordes que dificultan as vixilias nas quendas de noite”.

As novas instalacións do 112 Galicia na Estrada (Pontevedra).
As novas instalacións do 112 Galicia na Estrada (Pontevedra).

Nin a AXEGA nin Muñoz responderon polo de agora as duras acusacións dos asalariados, feitas públicas a través do sindicato que os representa, a CIG.

Tags: EMERXENCIAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta