faUSt, cabeza de cartel dun Curtocircuíto moi musical

faUSt actuará este outono en Compostela dentro da programación de concertos de Curtocircuíto, da que tamén forman parte o músico e performer francés Álex Augier, os norteamericanos Horse Lords e os live sets de Ricardo Remédio e Álex Silva ,entre outros

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/09/2017 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

O festival reforza a súa proposta de marcado carácter interdisciplinario, cunha oferta musical que xa acolleu en edicións anteriores bandas internacionais como Moon Duo, Peter Broderick, Sensible Soccers, The Cosmic Dead, Toy Dolls, Fumaça Preta ou Pablo und Destruktion.

Faust
Faust | Fonte: Sound of Sound

Considerados pioneiros da música kraut rock, faUSt naceron a principios dos anos 70 en Alemaña e redefiniron a música europea xunto a bandas como Can, Neu! e Kraftwerk. O seu estilo, definido como cru, alienante e agresivo, resultou unha influencia decisiva en músicos como Joy Division, a Brian Eno, Cabaret Voltaire ou David Bowie. En 1971 publicaron o seu primeiro álbum, o homónimo faUSt. Aínda que non acadou boas vendas, foi aclamado pola crítica polo seu enfoque innovador e estableceu unha base de afervoados seguidores. Dende entón, publicaron outros dez discos nos que se mantiveron fieis ao seu estilo sen concesións ata 2011, cando editaron o seu último álbum ata o de agora, Something Dirty. Os alemáns estarán acompañados na noite do 6 de outubro polo live set do lisboeta Ricardo Remédio e polo DJ Senhor de Guimarães. O primeiro, presentará en Galicia o seu disco  Natureza Morta, unha lección de electrónica industrial. Becas DJ residente do célebre Passos Manuel de Porto promete unha sesión que transmite “máis emocións e ideas que estilos”.  

Amaury Cambuzat de  faUST 

A inauguración do festival correrá a cargo do artista dixital francés Alex Augier, o sábado 30 de setembro con _nybble_. Augier presentará un espectáculo formal e espacial, en constante interacción co espazo escénico, composto por catro pantallas transparentes e catro puntos de difusión sonora, de xeito que o medio audiovisual se despregue no espazo. Un sintetizador modular substituirá ao músico no corazón da proposta, un visual xerativo no que diversas forzas impoñen movementos naturais e movementos xeométricos nun sistema de partículas. Despois de _nybble_ Vive les cônes promete  animar a noite cun live set dominado polos seus teclados electrizantes. O dúo portugués procede de Favela Discos, discográfica, promotora e, en resumo, entidade de dinamización de referencia na oferta cultural da cidade de Porto. 

Os norteamericanos Horse Lords actuarán o xoves 5 de outubro. Difíciles de definir, as súas principais referencias atópanse no math rock, post-punk, a electrónica minimalista e a música tradicional apalache e africana. A banda formada por Andrew Bernstein, Owen Gardner, Sam Haberman e Max Eilbacher publicou o seu álbum homónimo de debut en 2012. Despois viñeron Hidden Cities e o último, ata o de agora é  Interventions, de 2016, que presentarán en Curtocircuíto. O músico galego residente en Baltimore Álex Silva(coñecido polo seu traballo baixo o pseudónimo Astroboyz) pechará a noite cun live setque mestura sons dixitais, analóxicos e instrumentos reais, abandonando devagar a eficacia da música de clube. 

Por último, Curtocircuíto presentará a Jupiter Lion, unha das bandas de culto da escena underground estatal. Os valencianos, a piques de sacar novo LP, traerán o seu popular directo o mércores 4 de outubro. Unha revisión ao kraut rock tinguida de psicodelia que estará acompañada polo trance, shoegaze e bit beta do vigués Pálida, que volta a Compostela prometendo baile e diversión. 

Tags: #Música
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta