Feijóo garante que os Franco “cumprirán a lei” e insiste en recuperar gratis o Pazo de Meirás

O presidente da Xunta propón "investigar" a adquisición do inmoble con técnicos e expertos universitarios. Descarta a vía da expropiación co argumento de que non usará "o diñeiro dos galegos" para "pagar dúas veces" á familia do ditador.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2017 | Actualizada ás 12:13

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insistiu na sesión de control en que a única vía que contempla para recuperar o Pazo de Meirás, ben de interese cultural (BIC) propiedade da familia do ditador Francisco Franco, é "acreditar vicios ocultos" que permitan "deixar sen efecto" a "doazón" do inmoble e recuperalo gratis.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no pleno.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no pleno. | Fonte: Europa Press

Para iso, en resposta a unha pregunta formulada pola portavoz do BNG, Ana Pontón, propuxo "investigar" a adquisición do inmoble con técnicos e expertos universitarios. Ademais, erixiuse en garante do "cumprimento" das normas lexislativas en Galicia e asegurou que, mentres el sexa presidente, a familia Franco "cumprirá a lei".

De feito, asegurou que o Goberno acudirá á Fiscalía se ten constancia de que se fai "apoloxía do franquismo" e lembrou a sanción de 4.500 euros á familia do ditador por impedir as visitas ao Pazo, así como o segundo expediente aberto polo mesmo motivo. Ao tempo, insistiu en descartar a vía da expropiación co argumento de que non usará "o diñeiro dos galegos" para "pagar dúas veces" á familia do ditador, un camiño no que suxeriu que ten "moito interese" a Fundación Franco.

Mentres, Pontón esixiu actuar fronte ao que considera "un espolio" do pobo galego --con outras demandas como o Palacio de Cornide ou dúas tallas do Pórtico da Gloria-- e lembroulle que xa hai unha comisión en marcha impulsada pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, na que están concellos e asociacións da memoria histórica.

A ela convidoulle a unirse, ao que Feijóo respondeu rexeitando "leccións de democracia" de Pontón e preguntando á portavoz do BNG, que participou nos actos da Diada de Cataluña, se ela defende o cumprimento da lei e lamentando que non acepte "a democracia constitucional" de España. "A diferenza é que para nós a Transición foi exemplar e para vostedes, calamitosa", esgrimiu.

Dito isto, incidiu en que a Transición permite debater esta cuestión na Cámara e dá a garantía de que, tanto os que "aceptan a democracia como os que non", teñen un Goberno "constitucional" que velará por que se cumpra "a lei". Pontón, á súa vez, tamén rexeitou "leccións de democracia" do presidente dun partido "investigado por corrupción" e proclamou que "Franco morreu, pero o franquismo vive".

Finalmente, na súa pregunta, o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga avanzou que o seu grupo exporá no Parlamento a posibilidade de que haxa "acordo" entre todos ao propor "unha comisión técnica e plural" para negociar a devolución do Pazo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Leike

Para voceiro do Franquismo e da "Transición a lo mismo" xa está o PP

1 Digo eu

¿Alguén me pode dicir en que artículo concreto do Código Penal está definida e castigada a apoloxía do Franquismo? Grazas.