Unha Volta por Óscar Pereiro

Arrinca en Monforte cunha contrarreloxo por equipos a 16ª edición da Volta a Galicia, que rematará o domingo en Compostela e servirá coma homenaxe ao único ciclista galego vencedor do Tour de Francia (2006). Sete dos 18 equipos son galegos.

Por gcdeportes | Compostela | 14/09/2017 | Actualizada ás 09:20

Comparte esta noticia

Arrinca este xoves en Monforte de Lemos a XVI Volta a Galicia-Homenaxe a Óscar Pereiro coa disputa da primeira etapa, unha contrarreloxo por equipos. A proba, tras catro días de competición,  rematará o vindeiro domingo en Compostela, que acolleu este mércores a presentación da cuarta e última etapa.

Ezequiel Mosquera, Sande, Noa Morales, Noriega e Juan Carlos Muñiz, na presentación en Compostela.
Ezequiel Mosquera, Sande, Noa Morales, Noriega e Juan Carlos Muñiz, na presentación en Compostela. | Fonte: santiagodecompostela.gal

A Volta’2017 terá catro xornadas de competición. A carreira comeza este xoves cunha etapa contra o reloxo por equipos de 10,2 quilómetros, con saída e chegada en Monforte de Lemos. O venres, será a primeira etapa en liña Monforte-Monforte de 143,1 kms. A provincia de Pontevedra acollerá o sábado a terceira xornada, con saída e chegada en Lalín de 137 kilómetros de distancia. A proba decidirase o domingo na capital de Galicia sobre 130 kms, con saída e chegada na avenida Xoan Carlos I (xunto á Alameda) de Compostela.

Un total de 126 ciclistas de 18 equipos formarán o pelotón das categorías elite e sub-23. Sete conxuntos galegos estarán na liña de saída: Club Ciclista Rías Baixas, CC Padronés-Cortizo-Anova, Autronic-Club Ciclista Vigués, Cambre-Renault Caeiro, Spol-Concello de Porriño, Team Guerciotti-Kiwi Atlántico e Supermercados Froiz. O CC Rías Baixas defenderá o título que o ano pasado venceu con Samuel Blanco.

A representación do resto de España será para os asturianos Kuota-Construcciones Paulino, os cántabros Gomur-Liebana2017-Ferroatlántica e Aldro, Bicicletas Rodríguez Extremadura, os vascos da Fundación Euskadi, os madrileños do RH Polartec-Fundación Contador, os valencianos do Gsport Valencia Wolfbike e o Diputación de León - Arte en Transfer. A nivel internacional, nesta edición destaca a presenza do equipo francés Delko-La Pomme Marseille, que se suma as formacións portuguesas Liberty Seguros-Carglass e Moreira Congelados-Feira-Bicicletas Andrade.

No acto de presentación da última etapa estivo presente o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quen destacou “a importancia que ten para Compostela acoller o final dunha proba histórica que de seguro non se decidirá ata o último día”. Noriega tamén se referiu a que a estapa coincide coa posta en marcha de medidas de seguridade para os ciclistas en Compostela. Nesta senso, nas camisolas dos diferentes premios da Volta, haberá lemas referidos á distancia de seguridade de 1,5 metros que deben manter os coches cos ciclistas nas estradas.

A presentación coas camisolas para os mellores no interior de Raxoi.
A presentación coas camisolas para os mellores no interior de Raxoi. | Fonte: santiagodecompostela.gal

Xunto co alcalde compostelán, estiveron na rolda de prensa a concelleira de Deporte, Noa Morales; o presidente da Federación Galega de Ciclismo (FGC), Juan Carlos Muñiz; o director da Volta, Guillermo Sande, e o ciclista Ezequiel Mosquera. O presidente da FGC agradeceu tanto o Concello de Santiago como os demais municipios por onde transcorre a Volta, así como ás Deputacións, á Xunta e ás empresas privadas as súas achegas para que este evento chegue a bo porto. Muñiz destacou tamén a homenaxe que a Volta renderá nesta edición a Óscar Pereiro, único ciclista galego gañador do Tour de Francia, no 2006.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 undetantos

Oscar Pereiro, non participou na campaña de Galicia Bilingüe en contra do bipartito e da Ley de Normalización Lingüística aprobada por unanimidade polo parlamento galego? Pois que lle organice a volta Galicia Bilingüe, pero non podo crer que o propio alcalde de Santiago promova a este señor

1 Gustavo

Asinou un manifesto pola "persecución do castelán" ou algo así, ao igual que fixo Luz Casal, que logo se retractou. Iso fala de que é un tanto pánfilo, ou parbo, ou o que queiras. Sen embargo non creo que teñamos que andar con persecucións deste tipo, no plano deportivo adícanlle esta homenaxe polos seus éxitos deportivos, pois xa está. Andalo sinalando sería bastante absurdo, o tipo xa levou os seus rapapolvos no seu día e seguiraos levando se reincide, e punto.