Temas: AP-9

O PP español teima en que nin se debata o traspaso da AP-9 a Galicia

A Mesa do Congreso volve pechar a porta á petición unánime do Parlamento de Galicia. Feijóo quítalle ferro e a oposición critícalle a súa actitude sumisa ante Madrid.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/09/2017 | Actualizada ás 19:49

Comparte esta noticia

A Mesa do Congreso acordou de novo que non procede a toma en consideración polo pleno da proposición de lei orgánica de transferencia da titularidade e das competencias da autoestrada AP-9 a Galicia, presentada polo Parlamento autonómico.

Autoestrada
Autoestrada | Fonte: Europa Press

A decisión foi adoptada na reunión da Mesa do pasado martes 5 de setembro, e remitida este xoves (nove días despois) á Cámara galega.

Nunha resolución que asina a presidenta da Cámara Baixa, Ana Pastor, a Mesa, na que o PP e Ciudadanos teñen maioría, rexeita que se tome en consideración polo pleno a citada proposición de lei "expresada polo Goberno a súa desconformidade".

De feito, establece que, "de acordo co criterio incluído" no informe que elaborou no seu día o Ministerio de Fomento, "a aprobación desta proposición de lei suporía un aumento dos créditos orzamentarios". Foi por isto polo que o Goberno non prestou a súa conformidade para a súa tramitación, "en virtude do disposto no apartado sexto do artigo 134 da Constitución".

O INFORME E O QUE PASOU DESPOIS

A finais de xuño transcendeu xa o contido do devandito informe, co que o Goberno central volvía vetar (por segunda vez) a tramitación nas Cortes da proposición de lei de transferencia a Galicia da Autoestrada do Atlántico, a AP-9.

O informe do Ministerio de Fomento contrario á tramitación da iniciativa, aprobada no Parlamento galego por unanimidade, foi achegado á Cámara Baixa polo Ministerio da Presidencia con data do 29 de xuño.

No documento --que a Mesa incorpora agora á súa resolución--, Fomento conclúe que "a aprobación desta proposición de lei xeraría un aumento dos créditos orzamentarios". En concreto, nun dos seus puntos, o departamento de Íñigo de la Serna fai referencia á incidencia orzamentaria da proposición de lei, e lembra que as obras en marcha en virtude dun convenio de 2011 "representan a día de hoxe un investimento de 224 millóns de euros".

Tamén alude a diferentes convenios para a bonificación de peaxes, aspecto no que se produciu un cambio despois da redacción do informe: a Administración Xeral do Estado considerou "conveniente dar a conformidade" á solicitude presentada pola Xunta e asumir "por si soa" o custo do financiamento das gratuidades dos percorridos O Morrazo-Vigo e A Coruña-A Barcala, e inversos, da autoestrada AP-9, "na súa totalidade".

Esta medida, adoptada en xullo, foi defendida posteriormente por De la Serna durante unha visita a Galicia, na que compareceu xunto ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo. O ministro utilizou entón como argumento a crise con Cataluña para negar o debate do eventual traspaso, ao alegar que transferir a AP-9 a Galicia provocaría "numerosos pasos" similares noutras comunidades autónomas, sen un horizonte "final", o que levaría un "certo desmantelamento" da rede viaria estatal.

Recentemente iniciado o curso político, a Mesa, na súa reunión do 5 de setembro, concluíu que non procede a toma en consideración polo pleno e tamén comunicalo ao autor da iniciativa (o Pazo do Hórreo) e ao Goberno.

Temas: AP-9
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Joni Mentero

Seguid votando Anueva y Podemos, así os va.....

1 Xosé

Logo quéixanse de cousas como as de Catalunya. E que as piden a gritos.