A primeira na casa no desconto

Dous goles de Seoane e Irome na última media hora serviron o Lugo para remontar e vencer 2-1 o Zaragoza. Primeira vitoria no Anxo Carro e segunda consecutiva na Liga. O xoves, de novo co mesmo rival na Copa.

Por gcdeportes | Lugo | 16/09/2017 | Actualizada ás 00:04

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
CD Lugo 2
: Juan Carlos; Campabadal, Ignasi Miquel, Bernardo, Luis Ruiz; Seoane, Ramón Azeez; Iriome, Campillo (Sergio Díaz, min.85), Fede Vico (Nico Albarracín, 75’) e Polaco Fydriszewski (Cristian Herrera, 64’).
Real Zaragoza 1: Cristian Álvarez; Alberto Benito, Verdasca, Grippo (Mikel González, 46’), Ángel Martínez; Zapater, Javi Ros; Toquero, Olivier Buff (Vinícius Araújo, 75’), Pombo (Alain Oyarzun, 89’) e Borja Iglesias.
Goles: 0-1: Oliver Buff (minuto 38). 1-1: Seoane (66’). 2-1: Iriome (92’).
Árbitro: Ais Reig (valenciano). Amarelas a Fede Vico (58’) no Lugo e a Borja Iglesias (52’) e Ángel Martínez (62’) no Zaragoza.
Incidencias: partido da 5ª xornada de Primeira División disputado no Anxo Carro ante 3.198 espectadores.

Os xogadores do Lugo celebran a vitoria fronte ao Zaragoza.
Os xogadores do Lugo celebran a vitoria fronte ao Zaragoza. | Fonte: lfp.es

Mudou o Lugo de raíz. Cheo de convicción, remontou e venceu o Zaragoza, un dos teóricos candidatos ao ascenso, cun gol de Iriome no minuto 92 tras centro do debutante Nico Albarracín. Nada que ver co Lugo que perdeu 0-1 co Cádiz. Primeiros goles e primeira vitoria no Anxo Carro, tras dúas xornadas na casa sen marcar. E segunda vitoria consecutiva na Liga, que lle serve para sumar 7 puntos en cinco xornadas e dar un salto na clasificación. O xoves, de novo co Zaragoza na Copa, pero desta volta na Romareda.

Francisco repetiu o once do 0-1 en Albacete e os albivermellos, que levaban a iniciativa, saíron decididos a polo gol. Azeez e Fydriszewski tiveron as primeiras ocasións, e o Lugo puido adiantarse se o árbitro non lle anulase un golazo a Campillo por un fóra de xogo inexistente.

O Zaragoza espertou e estivo a piques de marcar tras xogada de Alberto Benito pola dereita, que centrou ao segundo pau para o remate do outro lateral, Ángel Martínez, pero Iriome despexou a córner. Os lucenses perderon a pelota e Oliver Buff case marcou á reviravolta dentro da área: foise por centímetros ao lateral da rede. O equipo visitante fíxose dono do partido e, tras unha falta que lanzou Zapater e Juan Carlos despexou a córner, aproveitou unha contra na que Bernardo Cruz tirou mal o fóra de xogo e Buff fixo o 0-1 no man a man con Juan Carlos.

Tralka reanudación, o Lugo saiu decidido a polo empate. Un pase de Campillo deixou só na área a Campabadal, pero despois dun mal control adiantouse o meta visitante. O galego Borja Iglesias tivo un par de ocasións, e Francisco deu entrada a Cristian Herrera por un desconectado Fydriszewski.O Lugo empatou no 66’, nun córner que tocou coa testa Bernardo no primeiro pau e Seoane aproveitou o balón solto para facer o primeiro gol albivermello diante da súa afección neste curso. 1-1 con case media hora por diante.

Tralo debut nos locais do uruguaio Nico Albarracín, o partido rachouse, cos dous equipos buscando o gol da vitoria. Juan Carlos, meta local, evitou a derrota cun paradón a remate de Toquero no minuto 80, e Cristian Álvarez fixo o mesmo para os seus nun remate de Albarracín.
Xa no tempo engadido, centro medido de Albarracín e gol coa testa de Iriome. Final co 2-1, un premio á convicción do Lugo, que xa respira no medio da táboa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta