Gómez Noya, subcampión do Mundo

O triatleta ferrolán remata cuarto na gran final das Series Mundiais en Rotterdam e sobe ao podio mundialista por décima vez na súa carreira, único na historia. Dende 2007, cinco ouros, catro pratas e un bronce.

Por gcdeportes | Pontevedra | 16/09/2017 | Actualizada ás 15:56

Comparte esta noticia

Seis días despois de ser campión do Mundo Ironman 70.3, subcampión do Mundo das Series Mundiais de tríatlon. Dende 2007, dez anos case consecutivos (agás 2016, mancado) sen baixarse do podio dos mundiais. O ferrolán Javi Gómez Noya rematou cuarto na gran final das Series Mundiais en Rotterdam e acadou o subcampionato, xa que o mallorquino Mario Mola, terceiro na liña de meta, non fallou, foi terceiro e retén o título do 2016.

Gómez Noya felicita a Mario Mola polo segundo título na meta de Rotterdam.
Gómez Noya felicita a Mario Mola polo segundo título na meta de Rotterdam.

O campión galego pagou o esforzo da semana pasada nos Estados Unidos. Chegou á última volta da carreira a pé con opcións de vitoria, pero nos últimos 500 metros caeu á cuarta posición. Na cidade holandesa gañou o francés Vincent Luis, cun tempo de 1h:51:26, seguido do noruegués Kristian Blummenfelt, a 2 segundos, e do mallorquino Mario Mola, a quen lle chegaba con estar entre os cinco primeiros para repetir título, a 10 segundos. Cuarto foi Javi Gómez Noya, cun tempo de 1h:51:40, a 15 segundos, e quinto Jonathan Bronwlee.

Deste xeito, o triatleta ferrolán, que venceu este ano en dúas probas das Series Mundiais, en Abu Dhabi e Montreal, proclámase subcampión do Mundo por cuarta vez e sobe por décimo ano na súa carreira ao podio das Series Mundias. Ten cinco títulos en 2008, 2010, 2013, 2014 e 2015; foi segundo en 2007, 2009, 2012 e 2017; e terceiro no 2011. Todo un récord histórico.

Clasificación final:
1.    Mario Mola 4.728 ptos
2.    Javier Gómez Noya 4.311
3.    Kristen Blummenfelt 4.281
4.    Richard Murray 4.010
5.    Fernando Alarza 3.722

Dos outros galegos presentes en Rotterdam, Uxío Abuín foi 30º e Iván Raña, en plena preparación para o mundial Ironman en Hawai, tivo que retirarse na proba ciclista.

Javi Gómez Noya celebra a súa vitoria en Montreal.
Javi Gómez Noya celebra a súa vitoria en Montreal. | Fonte: @triathlon.org

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta