As mocidades do BNG celebrarán “o primeiro acto de apoio ao referendo catalán” en Galicia

Galiza Nova anuncia unha mesa redonda na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela, baixo o título 'A loita pola liberación dos pobos'.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2017 | Actualizada ás 16:52

Comparte esta noticia

A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, reivindica que organizará este martes "o primeiro acto" en Galicia "de apoio ao referendo de Cataluña do próximo 1 de outubro". Terá lugar na aula 1 da facultade de filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), ás 18,00 horas, baixo o título 'A loita pola liberación dos pobos'.

Manifestación a favor da independencia en Cataluña
Manifestación a favor da independencia en Cataluña

Consistirá, segundo explica Galiza No, nunha mesa redonda na que participarán o responsable de internacional de Sortu, Pernando Barrena; o portavoz nacional das JERC e membro da executiva de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) Pau Morales e a membro da dirección de Galiza Nova e do Consello Nacional do Bloque Navia Rivas.

"Este será o primeiro acto de apoio ao referendo catalán que se celebre en Galicia, a menos xa de 15 días do 1 de outubro", destaca a nota.

Segundo os organizadores, trátase de explicar a natureza "hondamente popular, democrática e pacífica do proceso que levou ao 1-O" e de pór de relevo como "en Cataluña 8 de cada 10 persoas manifestan abertamente o seu apoio ao dereito a decidir, aínda que despois uns opten pola independencia e outros por outras fórmulas".

Galiza Nova cre que é o momento de "como nacionalistas, pero sobre todo como demócratas, apoiar con claridade o dereito dos pobos a decidir o seu futuro". "Hoxe hai un apoio maioritario en Cataluña a poderse expresar libre e democraticamente como pobo. Esa é a gran lexitimidade do referendo, a que lle dá a propia xente", opina.

Nesta liña, a organización censura a resposta "represiva" do Estado español fronte á "vontade maioritaria de celebración do referendo".

"Constátase a escasa cultura democrática do Estado e a ausencia na práctica da separación de poderes. Non é normal ver como se pon ás forzas de seguridade ou ás institucións xudiciais ao servizo da persecución das ideas. Poder votar, poder decidir, é o normal nas sociedades democráticas", finaliza o texto remitido aos medios de comunicación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta