Feijóo alerta nun vídeo xunto a Albor dos "perigos de que gañe a xente quere facer unha emenda á totalidade"

Albor recupera un episodio do seu pasado no que Pujol lle propuxo cambiarse ao PP se Fraga non era presidente

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2017 | Actualizada ás 18:17 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O PPdeG colgou un vídeo este domingo en Youtube no que o xefe do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, conversa co primeiro presidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor, un día despois de que a este entregáseselle a Medalla do Mérito no Traballo nun acto en Santiago.

Feijóo e Albor conversan
Feijóo e Albor conversan | Fonte: Europa Press

Albor, que cumpriu 100 anos este mes de setembro, recibe a Feijóo na súa casa das aforas de Santiago, onde manteñen unha conversación sobre o pasado do médico e político, o presente de Galicia e o futuro do PP coas eleccións municipais de 2019 no horizonte.

Feijóo mostra a súa confianza en que os populares poidan recuperar as cidades galegas e facerse coas catro deputacións, aínda que liga este éxito á situación da "marca" do PP a nivel de España dentro de ano e medio.

Nese punto, Albor suxire a elección de "un médico ilustre" ou "un avogado ilustre" para facer das candidaturas do PP máis atractivas para a cidadanía, ao que Feijóo responde que, a día de hoxe, o salto á política non é atractivo para os profesionais.

"Á xente como ti cústalles moito meterse en política", afirma Feijóo en referencia a Albor, que abandonou a súa carreira como médico para converterse en candidato á Xunta por Alianza Popular nas primeiras eleccións autonómicas, celebradas en 1982. "Farano cando vexan o perigo de que gañen os comunistas", replica Albor.

"Si, esa é a clave. Que a xente aínda non viu os perigos de que gañe a xente que quere facer unha emenda á totalidade. Unha emenda á Constitución, ao Estatuto, á Unión Europea. Rompelo todo, desmoronarlo todo para empezar non se sabe o que", incide Núñez Feijóo.

"Todo o que pechamos na Transición quéreno reabrir agora. É ridículo esta discusión. É unha discusión pechada desde o século pasado. Volver discutir 50 anos máis tarde o que discutimos e pechamos é un anacronismo político e histórico", resolve o presidente da Xunta.

"A POLÍTICA MERECEU A PENA"

Gerardo Fernández Albor cumpriu 100 anos o pasado 7 de setembro e foi homenaxeado nos últimos días cun simposio sobre a súa figura celebrado en Santiago que se pechou coa entrega, de mans do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, da Medalla ao Mérito no Traballo.

"A política mereceu a pena", asegura Albor na súa conversación con Feijóo, na que recupera episodios do seu pasado, como a súa entrada na política da man de Manuel Fraga para ser candidato á Xunta por AP --precursora do PP-- ou cando o expresidente da Generalitat de Cataluña, Jordi Pujol, quixo pasarse ao Partido Popular.

"Jordi Pujol chamoume. Funme a Barcelona, púxome un coche no aeroporto e díxome: 'Quero facer un pacto convosco, pero cunha condición. O presidente ten que ser Marcelino Iglesias, Abel Matutes ou (Adolfo) Suárez'. Pero Fraga non quixo porque non o puxeron a el (de presidente)", lembra Albor.

"NON SABÍA O QUE ERA UNHA DITADURA"

Outro dos episodios que rememora o centenario político é a súa etapa no Parlamento europeo, onde, a finais dos 80 e comezos da década dos 90, presidiu a comisión creada para a reunificación de Alemaña.

"Hoxe non o faría, xogueime a vida sen decatarme porque non sabía como eran as ditaduras. As ditaduras saben quen son todos os da oposición e ademais métense a dirixirche. E con quen falaba eu para levar a democracia era o xefe da Stasi. Se iso é hoxe non o fago, porque xogábame a vida e tan valente non son", afirma Fernández Albor.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Unha mais

Albor, con 100 anos...Non sabía como eran as dictaduras????jajaja Qué xente ésta...