Villares tacha de "ocorrencia lamentable" a advertencia de Villanueva a Anova de que non permitirá actos en apoio ao 1-O

O portavoz de En Marea, Luís Villares, tachou de "ocorrencia lamentable e torpeza política" a advertencia do delegado do Goberno a Anova. E é que Santiago Villanueva avisou este pasado venres a Anova de que non autorizará actos "que se convoquen en contra da legalidade", despois de que o partido político avanzase o xoves que prepara actos en apoio do referendo catalán.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2017 | Actualizada ás 18:26 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, tachou de "ocorrencia lamentable e torpeza política" a advertencia do delegado do Goberno a Anova. E é que Santiago Villanueva avisou este pasado venres a Anova de que non autorizará actos "que se convoquen en contra da legalidade", despois de que o partido político avanzase o xoves que prepara actos en apoio do referendo catalán.

O portavoz de En Marea, Luís Villares
O portavoz de En Marea, Luís Villares | Fonte: Europa Press

Segundo defendeu Villares nunha entrevista en RNE recollida por Europa Press, este tipo de actos supoñen "a manifestación da liberdade de expresión". "Supoño que un se pode manifestar por algo que non está na Constitución", aseverou en alusión ao referendo que pretende levar a cabo a Generalitat o próximo 1 de outubro.

De feito, equiparou unha manifestación en apoio ao referendo catalán con outra en defensa da renda universal básica, que non está recollida na Constitución Española e non por iso, remarcou, un non se pode manifestar a favor dela. "Non se está cometendo ningún delito", afirmou.

Preguntado por se En Marea estará nas manifestacións en apoio ao referendo catalán --Villares xa participou na Diada do día 11 de setembro en Cataluña--, diferenciou entre as accións que se fan para "restrinxir dereitos" e as que levan a cabo para "amplialos": "Estaremos nesas", asegurou en alusión a estas últimas.

Para o portavoz de En Marea, a solución á situación catalá e ao enfrontamento entre Estado central e Govern é "política". Nin pasa polo poder xudicial, nin polo Código Penal nin pola represión, defendeu.

FEIJÓO, "QUÉNTASELLE A BOCA"

Cuestionado polas declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen chegou a dicir que esperaba que Villares non volvese nunca a ditar unha sentenza en Galicia, o portavoz de En Marea considera que estas palabras son "unha ocorrencia propia de alguén a quen se lle quenta ás veces a boca".

Neste sentido, lembroulle que o propio presidente do Tribunal Supremo de España e do Consello Xeral do Poder Xudicial, Carlos Lemes, foi alto cargo con José María Aznar. "Non é nin a primeira, nin a segunda, nin a terceira vez que os xuíces participan na vida política e logo volven ao seu pasado", apostilou, para logo lembrar o pasado de Feijóo "en barcos pola ría en compañía de narcotraficantes".

Preguntado pola solidez do proxecto de En Marea, despois de que a secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, dixese este pasado xoves que "está por ver" se concorren dentro de En Marea ou con En Marea", Villares asegurou que a confluencia é "un proxecto consolidado e cada vez máis forte".

Así mesmo, volveu a insistir en que debe ser o presidente da Xunta o que pague os 3 millóns de euros necesarios para facer fronte a indemnizacións derivadas da anulación do concurso eólico do Goberno bipartito.

Villares pediulle a Feijóo que "se non ten nada que ocultar e está orgulloso da xestión", compareza no Parlamento e poña toda a documentación ao servizo do Consello de Contas.

VETO Á AP-9 E PAZO DE MEIRÁS

Sobre o novo veto da Mesa do Congreso ao debate da transferencia da AP-9, subliñou que a Xunta "nunco tivo a pretensión" de xestionala.

Cuestionado sobre que debe facer a Xunta con respecto ao Pazo de Meirás, fixo fincapé en que a doazón foi "fraudulenta" e, por tanto, debe ser revogada. Neste sentido, rexeitou a expropiación porque, dixo, suporía "dar diñeiro" á Familia Franco por algo que "non é seu".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta