O BNG denunciará ante a ONU o "espolio" e a "apoloxía do fascismo" que fai a familia Franco con Meirás

A Fundación Nacional Francisco Franco pediu a "ilegalización" e "disolución" do BNG polo "asalto" ao Pazo de Meirás

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2017 | Actualizada ás 18:36 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O BNG denunciará o vindeiro mércores na sede da ONU en Xenebra (Suíza) a situación de "espolio" do Pazo de Meirás por parte da familia de Francisco Franco e a "apoloxía do fascismo" que realiza a fundación que leva o nome do ditador, encargada de xestionar as visitas ao complexo situado no municipio coruñés de Sada.

O BNG desprega pancartas para pedir a 'devolución' do Pazo de Meirás
O BNG desprega pancartas para pedir a 'devolución' do Pazo de Meirás | Fonte: Europa Press

Así o avanzou a líder da formación frontista, Ana Pontón, nunha entrevista este domingo na Radio Galega, na que manifestou que Meirás "non foi unha doazón" do pobo galego á familia Franco senón "un botín de guerra" e que, por tanto, debe ser recoñecido "legalmente" que "ese espazo ten unha propiedade ilexítima".

Deste xeito, cualifica como "aberración democrática" que un ben como Meirás, declarado de Interese Cultural, estea en mans da familia dun ditador e que a Fundación Nacional Francisco Franco sexa a encargada de xestionar as visitas.

Na noite do sábado, Ana Pontón participou no programa televisivo 'La Sexta Noche' da canle LaSexta onde debateu co presidente da Fundación Nacional Francisco Franco, Gonzalo Fernández de la Mora.

Fernández de la Mora argumentou que o peche ao público do Pazo de Meirás (anunciado hai unha semana alegando "motivos de seguridade") débese ao "asalto" protagonizado por militantes do BNG o pasado 30 de agosto, motivo polo que pediu a "ilegalización" e "disolución" da formación frontista por "apoiar" unha "violación de morada".

BAUTISTA ÁLVAREZ

Na entrevista deste domingo na Radio Galega, Pontón lembrou a figura do recentemente falecido Bautista Álvarez, histórico do nacionalismo galego e un dos fundadores da UPG, ao que cualificou como "un loitador incansable pola liberdade de Galicia".

"Hoxe despedimos a un amigo, a un compañeiro e a unha camarada. É unha persoa imprescindible na articulación do nacionalismo", incidiu Ana Pontón.

SITUACIÓN EN CATALUÑA

Por outra, volveu a reiterar o apoio do BNG ao dereito a decidir do pobo de Cataluña e criticou que o Estado español "aposte por negar un dereito básico" como que a cidadanía poida "elixir o seu futuro".

A continuación, cargou contra o PP, ao que acusa de estar "a pensar nos votos que pode perder se realmente autoriza algo que é democrático", así como de utilizar a xustiza para evitar dar "unha resposta política" ao problema. "Iso é romper coa separación de poderes", apostilou.

MUNICIPAIS DE 2019

Unha vez excedido o ecuador do mandato nos municipios e coas eleccións locais de 2019 no horizonte, a líder frontista indicou que "aínda queda bastante", aínda que recoñeceu que o obxectivo do Bloque pasa por "recuperar terreo" logo de que nos comicios de 2015 o partido nacionalista perdese presenza en moitos consistorios.

"Temos que volver con forza a estar tanto en Vigo como en Ourense. Temos que consolidar a Alcaldía de Pontevedra e eu creo que temos que seguir avanzando no resto de cidades", concluíu.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Concas

Pois que aproveite para denunciar as rúas a ministros do mesmo xeneral Franco en Poio e Pontevedra. Onde gobernan dous alcaldes do BNG desde hai décadas. Pontón e os das plataformas de caladiños pro-BNG teñen distintos e cínicos xeitos de medir.