Martín Lestido gaña a Volta

O ciclista padronés do GD Froiz, que este ano xa vencera na Volta a Coruña, defendeu con éxito a camisola amarela obtida o primeiro día na contrarreloxo por equipos. O ruso Grigoriev, vencedor ao esprinte da última etapa con chegada na Alameda compostelá.

Por gcdeportes | Compostela | 17/09/2017 | Actualizada ás 19:03

Comparte esta noticia

O ciclista padronés Martín Lestido proclamouse gañador da XVI Volta a Galicia que este domingo rematou en Compostela. Coa súa vitoria, devolve a coroa da rolda galega ao equipo pontevedrés do Supermercados Froiz, que non a conseguía dende o 2010. O GD Froiz suma deste xeito o seu sexto triunfo na clásica galega dende que esta adquiriu a súa categoría como proba elite e sub-23, sendo o equipo máis laureado.

Podio con Martín Lestido, de amarelo, resto de gañadores, autoridades e Óscar Pereiro.
Podio con Martín Lestido, de amarelo, resto de gañadores, autoridades e Óscar Pereiro. | Fonte: @purociclismo

Coa súa vitoria, Martín Lestido, de 24 anos, pecha unha excelente campaña, na que xa vencera na Volta a Coruña alá polo mes de maio, e agarda agora algunha oferta que lle permita regresar ao circuíto profesional tralo seu paso polo Tusnad Cycling Team romanés.

A última das catro etapas, con saída e chegada na capital de Galicia, non deparou sorpresas na clasificación e acabou resolvéndose ao esprinte con vitoria do ruso Alexsandr Grigoriev (Diputación de León), que só puido rabuñar un segundo ao líder na meta.

Máis dun cento de corredores tomaron parte na cuarta e definitiva tirada de 130 quilómetros, na que se agardaban ataques ao liderado cos vinte primeiros situados nunha marxe de 18 segundos. Lestido (Froiz) conseguira a súa escasa renda grazas ao triunfo da escuadra de Poio na contrarreloxo por equipos inaugural. Despois defendeuna ben en Monforte e na etapa de montaña de Lalín. Tal foi o esforzo acumulado na capital do Deza polo pelotón, que en Santiago apenas quedaban enerxías para poñer en risco a camisola do líder.

Malia que Raúl García de Mateos (Cortizo-Anova) foi moitos quilómetros líder grazas a súa escapada con Jesús Nanclares (Rías Baixas), Froiz, coa axuda de Diputación de León, controlou a fuga no kilometro 102, e de alí ata a meta na Alameda compostelá, onde a vitoria parcial foi para o ruso Grigoriev (León), por diante do francés Delettre (Delko Marseille) e o chileno Tello (Kuota-Paulino).

Na cerimonia de podio, a organización da proba rendeu homenaxe ao único galego gañador do Tour de Francia (2006), Óscar Pereiro. A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, foi a encargada de impoñer a camisola amarela da Xunta a Martín Lestido. O do Froiz suma con este triunfo a súa segunda volta por etapas en Galicia neste 2017, tras a súa vitoria na Volta a Coruña. A segunda posición da xeral foi para o seu compañeiro de equipo David González, e terceiro, o gañador da terceira etapa, o sudafricano do CC Rías Baixas, Willem Jakobus Smit.

No resto de categorías en xogo, o chileno Elías Tello (Kuota-Paulino) gañou a camisola Telefurgo da montaña; o portugués César Martingil (Liberty) a camisola Concello de Monforte das metas volantes e David González (Froiz) a camisola B The Travel Brand como mellor sub-23. Lestido tamén levou a camisola Anova como mellor galego e o GD Supermercados Froiz o trofeo ao mellor equipo desta edición da Volta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta