Temas: LIBRO INFANCIA

Lembras a Pippi?... Pois xa fala galego

Neste mes de setembro estará dispoñible a edición deste clásico universal e imprescindible de Astrid Lindgren, cheo de diversión, tenrura e humor, optimismo e ledicia.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 18/09/2017 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

Lembras a esa nena de longas coletas roibas que non paraba de facer trasnadas? E o seu mono señor Nilsson e o seu cabalo? Si, é Pippi, que se ten xa convertido nunha icona contemporánea logo de ter aparecido nunha serie na televisión sueca en 1969 e de varias películas protagonizadas tanto por actores como con debuxos animados. Pois agora, Pippi Mediaslongas xa ten versión en galego, editada por Kalandraka, traducida por David Álvararez e con ilustracións orixinais e restauradas de Ingrid Vang Nyman. 

A icónica imaxe de Pippi, da serie sueca dos anos 70
A icónica imaxe de Pippi, da serie sueca dos anos 70

Escandalizados polos seus xestos e comentarios, moitos adultos -ben no eido da literatura, ben da educación- tildárona de mal exemplo para a infancia, pero o éxito desta nena foi imparable: rebelde, transgresora e desclasada, independente, simpática e extrovertida, Pippi rompía cos estereotipos e actuaba de forma contestataria fronte aos maiores. As súas accións motivadas polo absurdo, a espontaneidade ou a provocación, evidencian as convencións da escola, da familia e da sociedade da época.

Astrid Lindgren (Suecia, 1907 – 2002) creou a historia de Pippi Mediaslongas a partir do inverno de 1941 para entreter a súa filla enferma. Dous anos despois, a autora escribiu o relato e regaloulle o manuscrito á nena polo seu aniversario. En 1945 gañou un concurso literario e foi publicado, cunha enorme repercusión en todo o mundo, sendo traducido a numerosas linguas.

A autora, que naceu nunha granxa de Nås, na provincia sueca de Småland, afeccionouse a escribir dende moi nova e chegou a publicar máis de 60 libros pioneiros na defensa dos dereitos da infancia e das mulleres, da igualdade, da non violencia, da natureza e dos animais. Entre os moitos recoñecementos que recibiu destacan o Premio Nacional de Literatura de Suecia (1957), o Premio Hans Christian Andersen (1958), a Medalla de Ouro da Academia Sueca (1971), o Premio da Paz dos libreiros alemáns (1978) e o Premio Internacional do Libro da Unesco (1993). En 2003 o goberno sueco instaurou o Premio Memorial Astrid Lindgren, o máis importante no eido da literatura infantil e xuvenil.

Temas: LIBRO INFANCIA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta