GC Aberto

As dúas varas de medir de Feijoo: Lesmes si, Villares non

No último pleno no Parlamento de Galicia, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo dirixíase ao voceiro de En Marea, Luís Villares dicíndolle “Espero que non volva a ditar sentenzas en Galiza”, ao fío da súa participación nos actos da Díada. A partir de ahí, desde o Partido Popular sumáronse a unha campaña de acoso e derribo contra o maxistrado en excedencia.

Por BGG | GC ABERTO | 18/09/2017

Comparte esta noticia

O posicionamento de En Marea respecto o referendo catalán (unha das xustificacións para atacar ao seu voceiro) é claro, tal e como Villares ten declarado en numerosas ocasións: a prol do dereito a decidir da cidadanía catalá, algo tan esencial como recabar a súa opinión en relación á súa forma de querer organizar a convivencia política e o seu encaixe no estado español. Non pode haber ningunha lei moralmente lexítima que nun estado democrático impida unha consulta á xente sobre algo no que é tan evidente a súa demanda por expresarse. Pártese dunha idea esencial: a expresión da vontade da maioría dun pobo non pode ter trabas de ningunha índole.

Luís Villares
Luís Villares

O réxime do 78 está esgotado, e boa mostra é esta: cómpre mudar as leis para adaptalas á realidade social actual. Os dereitos fundamentais están por riba das leis, xa que estas poden (e deben) cambiarse cando non reflicten o que quere a maioría, non só cando lle convén ao Partido Popular.

E é que o partido popular recorre á constitución cando lle interesa: temas tan importantes para a cidadanía como a sanidade (artigo 43 CE) ou o gasto público (artigo 31 CE), recollidos na constitución, non teñen reparos á hora de incumprilos, como exemplos, véxase a reforma da Lei de Saúde de Galicia que queren aprobar, a cuestionable xestión de hospitais como o Álvaro Cunqueiro en Vigo, os 3 millóns de indemnización por anular o concurso eólico do bipartito, etc, etc.

Agora ben, ao artigo sobre o referendo consultivo (art. 92 CE), a ese, non recorren, qué cousa máis curiosa, non vos parece?.

Por outra parte, e ao fío dos ataques a Villares pola súa condición de xuíz, o Partido Popular debe aprender a discernir entre o poder lexislativo e o xudicial, é normal que se confundan, certamente, tanto tentan mangonear á xustiza que xa non diferencian, por iso o Partido Popular trata o tema do referendo catalán como un problema xurídico, e o aproveita para atacar a Villares, e desde En Marea se ve como o que é: un problema político que só terá solución desde o diálogo político. Na Operación Lezo, o Partido Popular apartou a xuíces incómodos, agora semella que Luis Villares, tamén lles resulta incómodo.

Luís Villares é xuíz de profesión, si, polo tanto, cando traballa como xuíz débese á aplicación da lei: a lei como expresión da soberanía popular. Foi o que fixo durante toda a súa carreira profesional. Os tribunais superiores que no seu momento revisaron as súas sentenzas sempre as viron como intachables, polo que o seu rigor profesional queda fora de toda dúbida, por moi mal que lle sente ao Partido Popular.

Agora ven, cando alguén entra en política faino para escoitar demandas sociais, entre outras cousas, e, formando parte do poder lexislativo, cambiar as leis, que é a función dos políticos (non simplemente aplicalas, senón tamén cambialas).

Villares sempre dixo que había normas que lle parecían inxustas, e iso as sentenzas non o poden arranxar porque a obriga dun xuíz é someterse á lei, aplicar e facer sentenzas conforme á lei, pero os políticos poden aspirar a cambiar as leis, é totalmente lexítimo.

Ás veces hai normas inxustas que hai que cambiar. Tamén, ás veces hai normas que non se poden caracterizar como xustas ou inxustas, pero que poden non reflectir xa un sentir social maioritario, polo que habería que revisalas e mudalas de ser o caso, para que a institución se pareza o máis posible á propia sociedade á que serve. Existen moitos desexos e situacións que non están recollidos nin na constitución nin nas leis, e pódense defender sen que ninguén se escandalice.

O dereito é interpretable (non ten cabida unha interpretación ríxida), a Constitución é unha norma xeral, en consecuencia, non trata especificamente tódalas situacións. España, como estado de dereito e democrático, ten instrumentos suficientes para dar saída a diversos asuntos, como o referendo catalán ou calquera outro. Que a xente decida non pode ser ilegal.

O mundo da política é un mundo de formular alternativas para unha sociedade mellor. Os espazos políticos non deben fuxir dos conflitos, deben aportarlles solucións, para solventar os problemas da xente, non para provocalos.

O Partido Popular négase constantemente a canalizar un sentimento básico da cidadanía: a participación democrática, dereito que semella tamén lle queren arrebatar a Villares. Senón, cómo se explica esa “preocupación” polo futuro profesional do maxistrado? Máxime cando teñen exemplos ben preto, como Lesmes (presidente do Tribunal Supremo, que fora alto cargo do goberno de Aznar) ou Vázquez Taín (maxistrado nun xulgado do penal na Coruña, que fora cargo de libre designación -Director da Academia Galega de Seguridade- tamén co Partido Popular).

Á vista dos acontecementos, semella que ao Partido Popular non lle molesta que os xuíces se adiquen á política, moléstalles que haxa xuíces de esquerdas e rupturistas que se adiquen á política. Ou será que Feijoo proxecta en Villares as súas propias preocupacións: ¿a onde volverá él cando deixe a política?.....

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta