Galicia internacionaliza o seu modelo de neofalantes

Un congreso internacional en Coimbra analizou a nova realidade sociolingüística de Galicia e a actual situación dos medios en galego. Tamén se falou da importancia de programas como o Xabarín Club para toda unha xeración de mozos e das dificultades que teñen algúns galegos para tentar utilizar o seu idioma no seu propio país.

Por Galicia Confidencial | Portugal | 18/09/2017 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

Galicia comeza a internazionalizar xa unha nova realidade lingüística; a dos seus neofalantes. Precisamente, este foi o tema principal do Congreso “Focusing on Policies and Practices, the New Speakers”, organizado esta pasada semana pola rede COST na Universidade de Coimbra. Un encontro no que especialistas de toda Europa discutiron políticas para tratar esta nova realidade social vencellada ás linguas mal chamadas minoritarias.

Ubaldo Cerqueiro, Xurxo Salgado e Valentín García nun Panel sobre neofalantes e medios en galego nun congreso internacional sobre Newspeakers en Combra, Portugal
Ubaldo Cerqueiro, Xurxo Salgado e Valentín García nun Panel sobre neofalantes e medios en galego nun congreso internacional sobre Newspeakers en Combra, Portugal

Unha delas foi o galego, que tivo unha presencia destacada nos paneis, coa intervención de varios conferenciantes e a proxección dun documental. De feito, houbo un único panel adicado á situación específica dos neofalantes galegos e a situación dos medios en galego. Nela participaron o profesor de Ciberxornalismo na USC e director de Galicia Confidencial, Xurxo Salgado; o director do xornal Que Pasa na Costa, e secretario da Asociación Galega de Medios (Amega), Ubaldo Cerqueiro, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Moderaron este panel, que levou por título "New speakers and the future of the Galician Media: Role of crowdfunded Galician newspapers in creation of bottom-up language policies", Anik Nandi, da Universidade Queen's University Belfast, e Bernadette O’Rourke, da Heriot-Watt University.

Na súa intervención, Ubaldo Cerqueiro contou a súa experiencia como neofalante nado nun ambiente castelánfalante como o da Coruña, facendo fincapé nas dúas realidades sociolingüísticas galegas: a rural e a urbana. Ubaldo destacou que un neofalante, pode chegar mesmo a dirixir un medio escrito integramente nesa nova lingua e a interactuar perfectamente e a enriquecerse cultural e lingüísticamente de comunidades lingüísticas nativas como as da Costa da Morte.Así mesmo, o vicepresidente da Asociación Galega de Medios (AMEGA) puxo o balón no tellado da Xunta destacando a falta de apoio institucional que reciben os medios na lingua propia do país.

Axudas aos medios por uso de galego

Valentín García, como responsable na materia, destacou que a Secretaría de Política Lingüística aporta 200.000€ a medios en galego (maioritariamente xornais mensuais comarcais en papel) e lembrou os principais programas postos en marcha polo seu departamento para dinamizar a lingua galega e impulsar o neofalantismo. 

Xurxo Salgado, director do GC; o sociolingüista indio Anik Nandi e Ubaldo Cerqueiro nun congreso internacinal sobre neofalantismo en Coimbra
Xurxo Salgado, director do GC; o sociolingüista indio Anik Nandi e Ubaldo Cerqueiro nun congreso internacinal sobre neofalantismo en Coimbra

García analizou o peso dos neofalantes nos procesos de promoción e transmisión da lingua galega para concluír que teñen un papel fundamental por mor da súa praxe lingüística "especialmente consciente e activa", que os leva a tomar a iniciativa a prol da normalización lingüística. "Temos que promover esta actitude e avogar pola colaboración entre as institucións e a cidadanía máis comprometida co futuro do galego para complementaren as súas accións e garantiren así a vitalidade da lingua propia de Galicia", dixo. Unha acción, sinalou, na que deben ter un papel "activo" os xornais dixitais integramente escritos en galego.

Pola súa banda, Xurxo Salgado repasou a complicada situación da lingua galega no panorama mediático galego, e presentou resultados de estudos sobre a escasa presenza do galego nos grandes medios de comunicación financiados pola Xunta. Así, lembrou que, aínda que a propia Xunta obriga a que os medios en español de Galicia a que publiquen un 8% de noticias en galego para recibir subvencións, a maior parte deles non cumpren con este requisito.

Así, destacou os datos dun estudo realizado en 2016 sobre a presenza do galego nos medios en español e sinalou que é de pouco máis do 6% --isto non inclúe as noticias diglósicas, é dicir, aquelas escritas en español pero con citas en galego--. Tamén destacou Salgado que o galego queda reducido a seccións concretas –opinión e cultura, principalmente-- e a datas determinadas –o Día Nacional de Galicia e o Día das Letras Galegas--. A pesar diso, os grandes medios en galego perciben anualmente axudas por valor de 1,6 millóns de euros por eses pequenos artigos que escriben en galego.

Ademais, o director de GC lembrou a importancia que tivo para a recuperación de falantes e, sobre todo, dos neofalantes, programas como o Xabarín Club, que foron iconas para toda unha xeración de galegos. Por iso criticou que se retirara da grella de programación un espazo que chegou a repartir máis de 150.000 carnés de socios entre os máis cativos.

Os neofalantes en Galicia e no resto do mundo

O congreso incluiu numerosos paneis que serviron para analizar a situación dos “newspeakers” en moitas partes de Europa. A realidade do gaélico en Escocia, o irlandés en Irlanda, o galés no País de Gales, o Bretón na Bretaña, o euskara no País Vasco, ou do catalán en Cataluña, (e dos seus neofalantes) foron analizadas en numerosas mesas.

Precisamente, noutra mesa sobre a experiencia dos neofalantes tamén houbo participación galega. Neste caso foi o historiador herculino Íñigo Mouzo o que contou a súa experiencia de como decidiu mudar a súa lingua e comezar a falar en galego, a pesar de que toda a súa educación e a súa contorna na Coruña era castelán falante. Así lembrou que as súas viaxes a Laxe –terra dos seus avós--, programas, precisamente, como o Xabarín Club, e a creación dunha conciencia cultural e identitaria como galego foron fundamentais para dar ese paso.

Nese mesmo panel falou tamén Facundo Reyna Muniaín, arxentino de orixe galega, que falou da realidade da diáspora galega en Bos Aires. Así, aportou datos sobre esa falta de identidade que teñen algúns galegos de segunda xeración cando perden aos seus pais, os únicos falantes de galego como lingua materna que queda na familia. Para moitos ese é o momento de comezar a pensar en coidar e recuperar a lingua dos seus antergos e tentando que tamén os seus fillos, os galegos de terceira xeración, tamén a amprenda en colexios que imparten clases de cultura e lingua galega, como o Santiago Apóstol de Bos Aires.

O galego e o portugués

Por outra banda, Sabela Fernández e José Ramom Pichel tamén presentaron o seu documental “Porta para o Exterior”, producido por Axóuxere, en parceria con AGAL. Trátase dunha viaxe que nos permite transitar polas experiencias de máis de 70 persoas entrevistadas, que nos mostran como e porque viven a súa lingua diariamente como unha lingua falada non só na Galiza, mais tamén noutros lugares do mundo “Brasil, Portugal, Angola, Mozambique, Cabo Verde e Timor Leste” e os desafíos que leva consigo.

Porta para o exterior, pretende coñecer son as razóns desas persoas afirmaren que galego e portugués son variedades do mesmo idioma e cales son as súas propostas de futuro para a lingua ao norte do Miño, que pasan por unha mudanza de vía, agora que os datos do IGE (Instituto Galego de Estatística) falan de que só 18% dos nenos galegos menores de 14 anos ten como lingua diaria, a que fora maioritaria en xeracións anteriores.

O neofalantismo

Este congreso foi organizado pola rede "The Newspeakers" (Neofalantes) da European Cooperation in Science and Technology (COST) que entende aos neofalantes como actores lingüísticos que teñen que adaptarse, expresarse e vivir en contextos lingüísticos novos diferentes á a súa lingua nativa ou na que foron educados.

O historiador Íñigo Mouzo (dereita) e o galego-arxentino Facundo Reyna (segundo pola dereita) nunha intervención nun congreso sobre neofalantes en Coimbra
O historiador Íñigo Mouzo (dereita) e o galego-arxentino Facundo Reyna (segundo pola dereita) nunha intervención nun congreso sobre neofalantes en Coimbra
Chapas co lema Eu falo galego, unha campaña do CEIP Víctor López Seoane
Chapas co lema Eu falo galego, unha campaña do CEIP Víctor López Seoane | Fonte: bibliomistos
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

7 Anónimo

Vexo que Gloria Lago segue viva nos vosos comentarios. ;) E en algún vexo que Franco tamén. Que triste que non haxa século XXI para Galicia.

6 Ferrolán

NO declive da Lingua os máximos responsabeis son os membr@s da RAG, pois para a recuperación do galego e imprescindibel crear a gramàtica según a fonética e a prosodia para facer unha correta sintaxis. O señores intelctuais en troques preferiron copiar a gramática castelá ....e funden o galego ..e crean o castrapo, nin o manido complexo de jañan patrio fixo tanto dano

1 seicasi

Ainda que posso concordar contigo parcialmente, acho que te engañas a respeito do enemigo, na minha opinión sao os trolls, como un par deles que comentan este artigo os responsaveis do declive, com a sua persecuçao, a negaçao dos dereitos linguisticos e o seu supremacismo e menosprecio dos nossos dereitos, se os defesores do galego somos poucos e ainda por cima nos culpamos uns aos outros, mal imos¿Queres deixar un comentario?

5 sdeixo

Para vivalarepublica, isto é una mentira como una catedral, aquí moitos fillos de amigos que so falaban galego, cando entraron na escola chegaron a casa falando castelan, xusto ao contrario do que acontece en Cataluña, ou sexa que a escola e as leis son fundamnetais, ben que se moilizaron para acabar con intento do bipartito de aplicar por vez primeira a ley de nosmalizacion que fora aprobada por unanimidade polo parlamento galego. en canto aos dous telexornais que lle quedan ao galego, é un conto que eu veño escoitando desde meniño, e teño 60, e que xa se dicia no seculo XIX, por iso ainda que non son un optimista cento por cento, a realidade nega por completo aos derrotistas enterradores do galego.. Cumprimentos

4 Fartodalingua

Os neofalantes...dejemos que el grano pútrido reviente solo. Menos mal que los frikis son rara avis y tienen poco recorrido. Nada, nada, ti dalle coa língua e a ver onde chegas.

3 PUGNAZ

Queridos amigos:temas como este solo pueden tratarse en serio desde una base de partida: la Constitución española de 1978 que nos configura como una sola nación española que cuenta con un solo estado unitario y el vínculo de una lengua común, que todos los españoles deben conocer. Junto a esta, pueden cultivarse las lenguas regionales o minoritarias. Pero la natural acogida que debe darse a quienes cultivan con rectitud su propia lengua regional dentro del amplio marco que ofrece la Constitución, en ningún caso puede inducir a favorecer ideas como las que arguyen con un claro cariz político, segregacionista, pugnaz y de mantenimiento del negocio y chiringuitos. Un cordial saludo.

1 teutonio

Un saúdo pra ti tamén, agradécese que sexas o suficientemente intelixente como pra copiar e pegar isto e non vir barrenar