Temas: ABANCA

Abanca comeza a integración de Banco Pastor

Faise con Popular Servizos Financeiros (PSF) e contempla unha cifra de créditos superior aos 800 millóns no próximos tres anos

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2017 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

Abanca pechou a compra de Popular Servizos Financeiros (PSF), a antiga financeira ao consumo de Banco Pastor, tras recibir a autorización do Banco de España á operación de compravenda acordada en maio. Unha vez concluídos os trámites legais e formalizada a compra do 100% do capital, a entidade financeira galega informa de que iniciou o proceso de integración de Abanca Consumer Finance e PSF, que pasa a chamarse Abanca Servizos Financeiros.

Abanca Servizos Financeiros
Abanca Servizos Financeiros | Fonte: Europa Press

Segundo destaca a entidade nun comunicado de prensa, Abanca Servizos Financeiros é a quinta financeira de consumo dependente dun banco en España. É, reivindica, líder neste mercado no financiamento ao consumo mediante cartóns privativos e mantén máis de 15.000 acordos con comercios e concesionarios en España e Portugal, cunha "alta xeración" de clientes.

A súa carteira de créditos ascende a 193 millóns de euros (dato ao peche de 2016 de PSF). "A estas cifras de negocio súmanse a solvencia, capital, tecnoloxía e impulso ao financiamento do automóbil e cartóns de crédito que achega Abanca, xunto á súa posición de liderado no noroeste español", resalta o banco.

SEDE EN GALICIA E MANTEMENTO DO EMPREGO

Na nota, Abanca lembra que a compañía ten a súa sede en Galicia e conta cun total de 15 oficinas comerciais distribuídas pola xeografía española e Portugal, país no que, segundo apunta, está previsto aumentar a súa presenza.Operará cun equipo de máis dun centenar de profesionais especializados neste segmento de crédito e o persoal de PSF mantense na compañía e non cambia de sociedade, sinala.

Abanca Servizos Financeiros ten a misión de incrementar o negocio de financiamento ao consumo en España e Portugal e situarse como "unha das entidades de referencia no sector", nun dos segmentos máis rendibles e con maior crecemento.

Con datos agregados, as dúas sociedades que agora se integran rexistraron entre xaneiro e agosto deste ano un crecemento no investimento superior ao 22%, por encima da media do conxunto do sector. O plan de negocio da financeira de Abanca contempla unha cifra de créditos superior aos 800 millóns de euros no próximos tres anos e o seu posicionamento como financeira ao consumo líder no noroeste español.

Para alcanzar estes obxectivos, indica que priorizará os negocios de financiamento ao consumo, automóbil, préstamos persoais e cartóns de crédito, así como a comercialización de seguros, nunha contorna económica favorable na Península Ibérica.

PLAN DE INTEGRACIÓN

O plan de integración da unidade de negocio de Abanca Consumer en Abanca Servizos Financeiros comezou coa substitución da antiga marca comercial.

A nova imaxe, con esquema de deseño e principios corporativos coincidentes co logotipo principal do banco, lucirá desde este luns en todas as oficinas comerciais e elementos de comunicación. Para as canles en liña, Abanca Servizos Financeiros preséntase co dominio Abancaserfin.com.

Paralelamente ao cambio de marca, iniciouse a integración dos sistemas informáticos das divisións orixinarias, traballos que se prolongarán ata final de ano. A unión efectiva do negocio completarase, previsiblemente, durante a primavera de 2018 tanto en España como en Portugal.

Temas: ABANCA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 bonburen

"Abanca comeza a integración de Banco Pastor". JAJAJAJAJAJAJAJAJAJAJAJAJAJAJAJAJA