O Celta esperta tarde

O equipo celeste perde 2-1 co Espanyol tras regalar unha hora de partido e encaixar dous goles nos primeiros 25 minutos. Terceira derrota en catro xornadas. O xoves, co Xetafe en Balaídos.

Por gcdeportes | Vigo | 19/09/2017 | Actualizada ás 00:12

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
RCD Espanyol 2:
Pau López; Víctor Sánchez, David López, Mario Hermoso, Aarón; Jurado, Darder (Diop, 80’), Javi Fuego (Marc Roca, 74’), Piatti (Sergio García, 60’); Baptistao e Gerard Moreno.
RCC Celta 1: Sergio Álvarez; Hugo Mallo (Hjulsager, 80’), Cabral, Fontás, Jonny; Daniel Wass, Lobotka, Jozabed (Tucu Hernández, 59’); Pione Sisto (Emre Mor, 71’), Iago Aspas e Maxi Gómez.
Goles: 1-0: Gerard Moreno (10’). 2-0: Piatti (23’). 2-1: Fontás (69’).
Árbitro: Alberola Rojas (castelán). Amarelas a Iago Aspas (49’), Hugo Mallo (55’) e Maxi Gómez (76’) nos celestes e a Javi Fuego (63’) nos locais.
Incidencias: partido da 4ª xornada de Primeira División disputado no RCD Stadium ante 15.026 espectadores, coa presenza do seleccionador español Julen Lopetegui.

O Celta tardou unha hora en entrar no partido. Aos 25 minutos xa perdía 2-0, sen intensidade defensiva e con erros absurdos na saída do balón. Espertou no segundo tempo trala entrada do Tucu Hernández, e mellorou aínda máis coas gañas e a rapidez de Emre Mor. Achegáronse os celestes, cun gol a medias entre Pione Sisto e Fontàs, con 25 minutos por diante, pero con présas non houbo opción para empatar. Primeira vitoria do Espanyol e terceira derrota do Celta en catro xornadas. Cómpre unha vitoria ante o Xetafe para non xerar máis incerteza na afección.

Gerard Moreno, máis atento que Fontás, puido marcar xa no minuto 6 nun man a man con Sergio Álvarez que se foi fóra. E Jonny desviou un remate perigoso coa testa de Baptistao. O Celta non opoñía resistencia e o gol víase vir: Gerard Moreno, en posición dubidosa pero sen oposición celeste, marcou o primeiro antes do minuto 10.

Malia a espesura dos de Juan Carlos Unzué, incapaces de saír da presión rival, Aspas puido marcar nun remate na área pequena coa testa que se foi desviado no minuto 18. Pero no minuto 24, unha perda de Cabral en campo propio, propiciou que Pablo Piatti, tras apoiarse en Jurado, fixese o segundo. Co 2-0, Aspas puido mudar o rumbo do partido, pero errou o seu disparo coa esquerda tras gran pase de Jozabed entre liñas.

Trala reanudación, o Espanyol baixou o ritmo, pero o Celta seguía lento na circulación da pelota e non reaccionaba. Entrou Tucu Hernández por Jozabed, e o Celta meteu unha marcha máis. Cabral avisou coa testa tras unha falta servida por Iago Aspas. No minuto 69, Aspas cede a Pione Sisto que chuta con forza a gol, o balón peta na testa de Fontàs e despista a Pau López.

Co 2-1, mudou de raíz o guión do partido. O Espanyol pedía a hora e o Celta tentaba levar perigo á meta local. Entrou Emre Mor, que coa súa rapidez levou perigo pola esquerda, pero os de Quique Sánchez Flores trabaron o partido con faltas e leas para evitar a presión celeste. O Celta, con máis corazón que acerto, tentouno ata o final, pero sen éxito. 2-1, terceira derrota na Liga e 16º posto na táboa antes de recibir o Xetafe en Balaídos o vindeiro xoves.

Pione Sisto celebra o gol celeste que non serviu para puntuar.
Pione Sisto celebra o gol celeste que non serviu para puntuar. | Fonte: lfp.es

Os xogadores do Espanyol celebran a vitoria ante a decepción de Lobotka.
Os xogadores do Espanyol celebran a vitoria ante a decepción de Lobotka. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta