“Volver a 2006 non é a solución ao paro, a emigración e a precariedade”

“Non somos nin queremos ser as mocidades de ninguén” deixa claro Iván Rodríguez Iglesias. El é o voceiro de Espiral, unha nova organización que acaban de crear centos de mozos, moitos deles participantes nas mareas.

Por Manuel Vilas | Noia | 22/09/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Nesta entrevista con GC, sitúa ideoloxicamente ao grupo, por exemplo salientando o dereito a decidir do pobo galego, e asemade argumentando que nestes tempos “non vale construír o noso proxecto nacional contra España”. A situación en Cataluña e as leas en En Marea son outros dos temas desta conversa.

Asemblea Constituínte de Espiral / Proceso 1 de maio Asemblea Constituínte de Espiral / Proceso 1 de maio
Asemblea Constituínte de Espiral / Proceso 1 de maio Asemblea Constituínte de Espiral / Proceso 1 de maio

Republicana, anticapitalista e rebelde. Cre que todos estes cualificativos poden ser válidos para definir á nova organización?

Si, cremos que a situación social da mocidade galega non deixa outra saída que a da ruptura e a da construción dunha nova realidade na que nada quede fóra do control democrático da maioría. Non pode ser que non teñamos ningunha capacidade de decidir sobre o traballo, a actividade na que máis horas investimos e da cal depende a nosa subsistencia. A idea é moi sinxela: democratizar a economía, que todas decidamos sobre os recursos dos que dispoñemos. Tamén por iso somos republicanos, entendendo a República como unha forma de goberno, como a ruptura dos vínculos de dominación, teñan estes que ver coa clase, coa nación ou co xénero, para tecer vínculos civís. Tamén me gustaría lembrar hoxe que é imposible falar disto sen ter presentes a Toni Domenech, que nos ensinou que a loita pola emancipación é sempre unha loita pola República.

A nova organización tamén se define como asemblearia ...

O asemblearismo é algo que levamos practicando dende que naceu o Proceso 1 de maio. Decidimos dende o comezo organizarnos en asembleas abertas, nas que mozas de todas as sensibilidades puideran vir a opinar, debater e tomar decisións. E a fórmula funcionou, fixemos asembleas en case 30 localidades ás que se achegaron moitas mozas que non tiñan participado antes en ningunha organización política. Ademais, nun país cun tecido social desfeito, cuns vínculos comunitarios cada vez máis febles, é fundamental que contribuamos a crealos. Espiral ten que ser tamén un espazo onde formular unha alternativa colectiva signifique crear comunidade.

Intervención na Asemblea Constituínte de Espiral
Intervención na Asemblea Constituínte de Espiral | Fonte: Proceso 1 de maio

Espiral é claramente unha organización de esquerdas, pero no eixo centralismo-independentismo, onde estaría situada?

Ser unha organización republicana en Galicia implica defender o dereito do pobo a decidilo todo. A maioría social galega temos que ser o que queiramos ser sen pedirlle permiso a ninguén, por iso falamos de proceso constituínte e por iso falamos de República Galega. Son propostas cunha potencia inmensa que teñen que ir alén de tradicións e identidades concretas. A nosa loita é pola total autonomía das clases populares, e en Galicia iso pasa polo exercicio do dereito á autodeterminación. Ademais, temos que formularnos como facelo nun contexto internacional no que os estados tamén están desposuídos de soberanía. Xa non vale construír o noso proxecto nacional “contra España” e esixir ó poder central que nos deixe resolver os nosos problemas particulares, temos que ser un suxeito que fale de todo sen restricións e sen asumir os marcos impostos polo Réxime.

A nivel orgánico e organizativo, cales serán os seguintes pasos para consolidar a súa estrutura?

Os próximos pasos son consolidar as asembleas que naceron co proceso e amplialas. A partir de aí temos que ir vendo que temas son máis urxentes, cales teñen máis potencial e como e con quen podemos tratalos. Temos que atopar o xeito de xerar discurso a través dos conflitos, das loitas que haxa en marcha e das que virán. Abordar a emigración, o paro, a precariedade, a imposibilidade para moitas de nós de vivir sen depender dos nosos pais...e tamén temas relacionados co ocio, a cultura, o deporte, o ensino. O obxectivo é ser unha ferramenta útil para formular alternativas, pero sabemos que iso é algo que se elabora pouco a pouco, no traballo do día a día co que poder ensaiar, contrastar as nosas teses, equivocarnos, acertar e a partir de aí ir mellorando.

Os principais problemas que arrastran hai décadas a mocidade galega son o paro e a emigración. Que medidas de choque proporía Espiral para acabar con estas eivas?

Niso é no que temos que comezar a traballar agora. Temos claro que a solución a emigración, ó paro e a precariedade non son a volta ó 2006, porque non é posible e porque aquela non era unha situación idílica. A temporalidade non se soluciona derogando reformas laborais, aínda que tamén haxa que facelo. As propostas que fagamos teñen que funcionar como contrapoderes e dentro disto a Renda Básica Universal, por exemplo, pode ser unha medida interesante a por enriba da mesa. Nos próximos meses comezaremos a debatelo e a concretar as nosas propostas, porque cremos que onde hai que facelo é batendo na realidade. Na Asemblea Nacional aprobamos os textos que van guiar o noso traballo os próximos dous anos, agora temos por diante a tarefa de desenvolvelo.

Varias organizacións axudaron a difundir o Proceso 1 de maio e varias xa saudaron o seu nacemento. Unha lista non exhaustiva inclúe a ANOVA, Compostela Aberta, Marea Atlántica, FPG, Xeira, Ferrol en Común, Anticapitalistas e Marea de Ribeira. Polo tanto, até que punto pode dicirse que Espiral é un colectivo próximo ás mareas, en concreto ao sector das mareas crítico co liderado de Luís Villares apoiado por Podemos?

Espiral é unha organización de filiación individual. Moitas de nós militamos en espazos que comparten análise con este: a posibilidade da ruptura democrática segue aberta e o noso obxectivo é materializala. Todas esas experiencias axudan a nutrir o noso discurso e a nosa práctica e levamos anos aprendendo de moitas das organizacións que nomeas e dos seus referentes públicos, pero non podemos reducilo todo ó aspecto político ou institucional, temos que construír dende o social e facelo con total autonomía. Sería un grave erro repetir o modelo de xuventudes que funcionan como correa de transmisión dos adultos, iso mata o debate, a pluralidade, a participación e a política. Nós non somos nin queremos ser as mocidades de ninguén.

Cal é o papel que aspira a xogar Espiral, se é que aspira a xogar algún, dentro de En Marea? 

Non aspiramos a xogar ningún papel, as desputas de En Marea son algo alleo á nosa organización. O noso papel está no espazo de ruptura, en contribuír a enriquecelo con análises, propostas e actividades que axuden a construír a alternativa máis alá dunha sigla concreta. A aposta pola ruptura democrática é moi ampla e conta con moitos actores que non se teñen que vincular a un partido ou unha sigla. A pluralidade de prácticas, de lecturas e de formas de organizarse é imprescindible se queremos ter realmente o potencial para mudar as cousas.

Pregunta obrigada, dado o clima político, é a postura de Espiral sobre o Referendo convocado pola Generalitat ...

Do mesmo xeito que cando falabamos de Galicia, Cataluña e a súa maioría social teñen o dereito a ser o que queiran ser, a exercer a democracia sen que poda impedilo unha Constitución ou uns Tribunais. É a democracia a que forma a lei, nunca ó revés. Polo tanto a ilegalidade, as ameazas, os rexistros e a persecución de activistas son obstáculos que superar e nos que nós temos que dar toda a nosa solidariedade e todo o noso apoio. Cataluña está demostrando que o Réxime está morto e que é posible unha alternativa democrática e popular, e esa loita é tamén a nosa. 

Por último, por que escolleron o nome de "Espiral-Mocidade Republicana Galega"? En concreto, o termo Espiral.

Espiral é un nome cunha enorme carga simbólica. Negámonos a crer que a historia rematou e todo o que aconteceu no mundo despois da crise danos a razón, a política sempre volve. Con Marx, cremos que a historia nunca é unha liña na que se dan procesos que sempre atopan a súa harmonía nun todo que lles da sentido. Espiral é dicir que historia non é mecánica e que nela hai crises e hai rupturas. E na crise é onde aparece a posibilidade dunha política para as de abaixo.

Iván Rodríguez, voceiro de Espiral
Iván Rodríguez, voceiro de Espiral | Fonte: praza.gal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

2 Trisquel

Populismo barateiro que tenta frear a desfeita de votos que lle vai crear a Podemos a sua posición diante do rferendum soberanista catalan. A monarquía é o grarante transversal da unidade do estado "expañol"., pola mesma cuestión non pode acontecer a unidade do estado expañol sen contar coa monarquia é o corrupto rexime tardo franquista PPSOE. O demais son caramelos imposibles electoralistas de rendas básicas parasitarias e caralladas similades de pan para hoxe e fame para mañán. Galiza precisa de postos de traballo dignos, economía propia planificada e futuro, que só pode vir da nosa soberanía.

1 anonimo

Sempre estamos na espiral... Eterna espiral... E mudan e mudan de nome. Pasan os anos e sempre se acaban colocando ben... Que país mi madriña, que país! Boto en falta unha foto na que se aprecie máis a asistencia á espiral, quero dicir, ao evento.

1 xandocan

Canta razón tes, aquí continuamos con estas novas organizacions que son as de sempre, queren acabar co paro e coa emigración e non dan alternativa ningunha, da defensa dos secotres productivos galegos nada, seguimos como candoa esquerda estaba hay 40 anos contra a autoestrada, hai dez contra reganosa, agora contra Porto Cabral e contra o turismo, non sei como pretenden que se creen postos de traballo¿Queres deixar un comentario?

2 xandocan

Canta razón tes, aquí continuamos con estas novas organizacions que son as de sempre, queren acabar co paro e coa emigración e non dan alternativa ningunha, da defensa dos secotres productivos galegos nada, seguimos como candoa esquerda estaba hay 40 anos contra a autoestrada, hai dez contra reganosa, agora contra Porto Cabral e contra o turismo, non sei como pretenden que se creen postos de traballo¿Queres deixar un comentario?

3 ComomolanlosSanfermines

Creo nunha economía sostible en todos os sectores (o que inclúe o turismo): potenciación das novas tecnoloxías, fomento da agricultura e da sivicultura sostibles, aumento da inversión en ciencia e tecnoloxía, mellora da educación e da sanidade, políticas específicas para evitar o despoboamento do rural, etc. Creo na eurorrexión.Evidentemente o modelo de desenvolvemento que ti dunha forma pretendidamente irónica defendes é o actual e levounos a onde estamos. https://www.lavozdegalicia.es/notic... http://www.farodevigo.es/galicia/20...

4 Molanmazoloslosfestis

Eu aspiro a ser Baviera ou Dinamarca. Creo que temos posibilidades xa que só cómpre ver o traballadores que somos (de feito ata Paul Lafargue o recoñecía) aínda que aremos no mar e defendamos os leiriños incluídos os ideolóxicos; pero o centralismo e o cainismo da esquerda galega nacionalista ou non impide alcanzar o meu sono e estamos onde estamos. Que opinas? O que si sei é que cómpre saír da espiral na que a esquerda nacionalista anda metida. Xa sabes: busco proxección política a ver si me toca un puesto en Madrí....