Temas: EDUCACIóN

Comedor de escola pública pechado por praga de ratas

O servizo está pendente dos informes sanitarios favorables tras "controlar" a praga e adoptar de medidas de hixienización

Por E.P. | VIGO | 19/09/2017 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

A aparición de roedores nun almacén da cociña do CIP da Cañiza (Pontevedra) obriga a manter pechado o comedor (o segundo máis grande da provincia), que atende a máis de 500 alumnos, aínda que a Xunta confirmou que dita praga "está controlada" e que o servizo podería reabrirse a próxima semana, á espera de que os técnicos sanitarios o autoricen.

Delegado da Xunta nunha visita ao CIP da Cañiza este verán
Delegado da Xunta nunha visita ao CIP da Cañiza este verán

Segundo explicou a Europa Press o alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez, as ratas foron detectadas por militares da Brilat de Pontevedra que utilizan as instalacións para acampar no verán. Tras alertar ao Concello, este puxo os feitos en coñecemento da Consellería de Educación.

O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, explicou que o seu departamento foi avisado da praga o 28 de agosto, "e inmediatamente, o 29 de agosto, enviouse a inspectores a confirmar a denuncia e elaborar un plan de actuación".

Así, indicou que tanto Xunta como Concello contrataron os servizos de desratización e, segundo as últimas certificacións recibidas este mesmo martes, "a praga de roedores está controlada".

A partir de aí leváronse a cabo outras actuacións para garantir a seguridade e as condicións hixiénico-sanitarias, entre elas a limpeza interior e exterior do colexio, a limpeza e higienización do comedor, desinfección de utensilios, etc.

"MÁXIMAS GARANTÍAS"

Precisamente, a apertura do comedor está pendente de que os inspectores de Sanidade dean o visto e prace tras esas medidas de limpeza. "É cuestión de ter as máximas garantías", explicou Pérez Ares, quen fixo un chamamento á "tranquilidade" dos pais.

O alcalde explicou que "agora xa se adoptaron todas as medidas que había que adoptar", e está á espera de que Sanidade autorice a apertura do comedor. "Despois da aplicación dos produtos hai que tomar mostras, que van ao laboratorio. Iso ten un tempo de cultivo, e estamos a esperar os resultados", explicou.

En todo caso, Miguel Domínguez precisou que a aparición dos roedores está relacionada coa presenza dalgúns alimentos no almacén, como salsas ou fariña, e en ningún caso cun problema grave de hixiene ou limpeza. De feito, recalcou que o colexio "nunca estivo tan limpo como agora".

ANPA

Pola súa banda, a Asociación de Pais e Nais do CIP celebrará este martes ás 20.00 horas na aula Cemit do centro comarcal A Paradanta unha reunión para informar os pais sobre a situación, os motivos polos que o comedor permanece pechado, e para aclarar as súas dúbidas.

A portavoz da asociación, Marta Rodríguez, lamentou a "tardanza" na actuación da Xefatura Territorial de Educación, e lembrou que o aviso da brigada da Brilat ao Concello realizouse o 14 de agosto. En todo caso, avogou porque agora se tome o tempo necesario para garantir a seguridade dos nenos.

As medidas adoptadas, e a necesidade de esperar polos resultados de laboratorio para confirmar as condicións aptas do comedor, obrigan a ter o servizo pechado, cos inconvenientes que iso creou ás familias: os nenos teñen que ir comer ás súas casas, e iso xera problemas de conciliación en moitos casos, porque os proxenitores traballan.

Así, entre os cambios que se viron obrigados a realizar, tívose que modificar o horario de transporte dos alumnos de ESO, para que coincida co de Primaria, de forma que "perden horas lectivas os luns", ao ter que saír antes de clase.

Temas: EDUCACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta