Temas: DRON MAR

Galicia estrea un dron mariño

A ría de Vigo foi o escenario da botadura dunha embarcación opcionalmente tripulada que se desenvolve no marco do programa do polo tecnolóxico e industrial de Rozas, no que xa están a traballar 17 empresas coa creación de 150 empregos.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 19/09/2017 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

Galicia sitúase á vangarda en materia de innovación cun novo fito no polo tecnolóxico e industrial de Rozas: a botadura e demostración do dron mariño, esta mañá na ría de Vigo, desenvolvido por Indra no marco do programa do polo tecnolóxico e industrial de Rozas. Así o destacou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, no acto de presentación.

Botadura dun dron mariño na ría de Vigo
Botadura dun dron mariño na ría de Vigo | Fonte: Xunta.

“Hoxe é un día emotivo porque imos facer a primeira proba, en condicións reais, dun proxecto vinculado ao polo tecnolóxico e industrial de Rozas. Este dron mariño permitirá dar esa resposta que estamos buscando ao desenvolver proxectos de innovación que dean solucións innovadoras ás demandas da administración no eido civil, á vez que posibilita traballar cara futuro para que sistemas como este se poidan industrializar en Galicia e comercializar”, explicou o conselleiro.

Conde subliñou que a demostración da embarcación opcionalmente tripulada é froito da experiencia e traballo de Indra unida á colaboración coa Universidade de Vigo, unha decena de empresas locais e centros tecnolóxicos e a Administración Pública. Neste sentido destacou a importancia da unidade de todos os axentes implicados para conseguir progresar no sector do uso civil dos vehículos non tripulados e conseguir que Galicia sexa un referente neste eido.

Tal e como explicou, trátase dun sistema pioneiro: unha embarcación con tecnoloxía española que se pode pilotar de xeito remoto para que envíe a información recollida a través de sensores. Os usos son múltiples: misións de busca e rescate, vixilancia, control aduaneiro ou investigación medioambiental, entre outros, o que lle permitirá un maior éxito comercial e situar os estaleiros e industria auxiliar naval galega na primeira liña. O proxecto pecha así a súa primeira fase e Indra seguirá traballando para incorporarlle novas funcionalidades.

O conselleiro lembrou que este é un dos proxectos que Indra desenvolve dentro do programa de colaboración establecido coa Xunta no marco do programa do polo tecnolóxico e industrial de Rozas no que a multinacional é un dos socios industrias estratéxicos xunto con Babcock. A iniciativa, que mobilizará 150 millóns de euros, xa está a dar os seus primeiros froitos implicando a 17 empresas, desenvolvendo 20 proxectos e creando 150 postos de traballo.

Conde tamén insistiu en que o obxectivo último, ademais de impulsar este sector emerxente co que Galicia pode ter un elemento diferencial á hora de mellorar a súa competitividade, é impulsar a calidade de vida dos cidadáns, a través duns mellores servizos públicos.

Así, informou de que xa se teñen licitado cinco contratos por valor de 7,2 millóns de euros para mellorar a xestión do catastro, optimizar o uso da auga e do solo, incrementar a seguridade da flota pesqueira ou predicir as mareas vermellas utilizando vehículos non tripulados. Licitacións que se suman ás tres publicadas pola Amtega dirixidas ao sector agrario para o control da súa actividade, o procesamento da información das parcelas e a xestión de información xeorreferenciada.

Temas: DRON MAR
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta