PSOE e BNG preguntarán a Feijóo polo veto sobre a AP-9 e En Marea, acerca da prohibición de actos de apoio ao 1-O

Almuiña dará conta ao pleno do plan de prevención de suicidios e abordarase a integración do Pazo de Meirás no patrimonio público

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2017 | Actualizada ás 15:35 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

PSdeG e BNG aproveitarán o pleno da próxima semana para requirir ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que se pronuncie sobre o veto do Goberno a que o Congreso poida debater a transferencia da AP-9 a Galicia. En Marea, pola súa banda, levará o "recorte de liberdades" que aprecia na prohibición de actos de apoio ao referendo de Cataluña.

Pleno Do Parlamento De Galicia Do 26 De Abril De 2017
Pleno Do Parlamento De Galicia Do 26 De Abril De 2017 | Fonte: Europa Press

Diso deron conta os distintos portavoces en rolda de prensa, tras a reunión na que se fixa a orde do día da seguinte sesión plenaria.

En primeiro termo, a nacionalista Ana Pontón explicou que dedicará a súa intervención a preguntar a Feijóo que queda da súa promesa electoral de antepor Galicia a calquera outra cuestión. "Porque Galicia nunca está entre as súas prioridades, só os seus intereses e as súas ambicións persoais que cada vez o inhabilitan máis como presidente da Xunta", sentenciou.

Referiuse así a que opte por dicir "si, bwana" á súa partida fronte ao veto sobre a AP-9, os atrasos no AVE e os recortes en financiamento.

Na mesma liña, o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga avanzou que esixirá a Feijóo que "asuma o seu papel como presidente da Xunta" no canto de actuar como "responsable do PP en Galicia", crítico con que "avale" as actuacións dos cargos do seu partido en Madrid en lugar de defender unha postura unánime da Cámara galega.

RECURSO AO TC E REPROBACIÓN

En paralelo coa pregunta da sesión de control, o BNG levou á xunta de portavoces unha petición de reprobación do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e da presidenta do Congreso, Ana Pastor; ademais dunha proposta para que o Parlamento galego presente un recurso de inconstitucionalidade fronte á decisión da Cámara baixa de aceptar o veto do Goberno a ese debate.

"Non podemos quedarnos de brazos cruzados mentres se dinamita a nosa autonomía e o dereito a que se debatan as nosas iniciativas no Congreso", argumentou Pontón, quen chamou a dar "unha resposta á altura do agravio" que se cometeu con Galicia.

Con todo, non houbo acordo entre os catro grupos para sacar adiante ningunha desas cuestións, por motivos políticos a primeira (os populares rexeitaron unha vía que compartía toda a oposición) e por cuestións xurídicas a segunda.

E é que, ante as dúbidas sobre a capacidade do Parlamento para recorrer ao Tribunal Constitucional (TC), o portavoz do PPdeG no Hórreo, Pedro Puy, defendeu pedir aos servizos xurídicos que analicen as vías a seguir, como tamén propuxo Leiceaga. No entanto, a líder nacionalista interpretou este paso como unha estratexia de dilación do PP, que quere deixar que "pasen o tres meses" de prazo para recorrer.

MANTER A UNIDADE

No medio desta división de opinións, Leiceaga fixo fincapé na importancia de manter "a unidade política" e de non "fomentar a división", con iniciativas "singulares" que "dividen" no canto de "sumar" ao redor dun asunto no que pode haber consenso, polo menos, dos tres grupos da oposición.

Partidario de "compartir" as actuacións, avanzou que traballará nunha medida "concreta" para fixar a posición do Parlamento ante a "burla" da Mesa do Congreso. Con todo, o que lamentou é que só En Marea respondese afirmativamente á súa petición de reunión para "pór en marcha medidas comúns" para lograr o traspaso da citada vía.

Pola súa banda, Luís Villares (En Marea) chamou a actuar tanto no plano político como no xurídico ante o "bochornoso ninguneo" ao que o PP está a someter a Galicia. Ademais, lembrou que o traballo non termina coa transferencia da AP-9, senón que hai que lograr que sexa de titularidade pública, como se fixo coas radiais madrileñas.

En fronte, Puy Fraga apuntou que "todos" os grupos comparten as críticas á decisión da Mesa do Congreso, pero deixou claro que o seu non aceptará unha reprobación pública de Rajoy e Ana Pastor, para quen só ten "boas palabras". De feito, ironizou con impulsar unha declaración institucional para "eloxio" de ambos.

Máis aló, deixou claro que o PP galego seguirá defendendo a importancia de lograr a transferencia desa infraestrutura e tentando "polas canles que prevé a lei" levantar o veto. Por tanto, declinou anticipar movementos ata ver "que propoñen" os letrados do Parlamento como próximos pasos a seguir.

PREGUNTA DE VILLARES

Aínda que tanto o BNG como o PSdeG coincidirán ao focalizar a súa quenda na sesión de control para abordar a situación da AP-9, En Marea aproveitará para denunciar a represión de "opinións disidentes".

"Ao PP non lle basta con recortar en educación, sanidade, pensións... tamén recorta en liberdades civís", insistiu Villares, en referencia á prohibición de convocar actos de apoio ao desafío soberanista de Cataluña expresada polo delegado do Goberno en Galicia.

Convencido de que "é unha burla á liberdade de expresión", chamou a non ser "neutrais" nin a "permanecer impasibles" ante iso e anticipou que preguntará a Feijóo se comparte ese "autoritarismo".

PAZO DE MEIRÁS

Outro dos asuntos que tamén se debaterán no pleno da semana que vén é a incorporación do Pazo de Meirás ao patrimonio público.

Tanto o PP como o PSdeG levarán peticións de creación dunha comisión que analice os mecanismos polos que se podería reverter a entrega ao ditador dese inmoble.

COMPARECENCIA

Ademais, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, comparecerá ante o pleno para informar o seu plan de prevención dos suicidios.

Será despois de que se proceda a cubrir a vacante existente no Consello Social da Universidade da Coruña e de que se debatan dúas leis: unha sobre a protección dos animais de compañía, a instancias do Goberno; e outra, sobre a CRTVG, a proposta do PSdeG.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta