Temas: EMERXENCIAS

Dimite o número 1 da Axencia Galega de Emerxencias, responsable do 112

A Xunta e fontes próximas á Axega confirman a GC que Juan José Muñoz deixa o cargo de xerente desta entidade. A súa baixa chega logo de varios meses de conflito polo traslado do 112 á Estrada e de ser nomeado "persoa non grata" polos traballadores.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/09/2017 | Actualizada ás 19:27

Comparte esta noticia

Juan José Muñoz xa non é xerente da Axega (Axencia Galega Emerxencias). Fontes próximas confirmaron a GC que o máximo responsable desta entidade deixa o seu cargo. Dende a Xunta corroboraron a este xornal que Muñoz "dimitiu por motivos persoais", segundo a súa versión.

Juan José Muñoz (dereita), co director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor
Juan José Muñoz (dereita), co director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor | Fonte: Europa Press.

A Axega é a entidade responsable do manexo do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia (CAE112 Galicia), envolto nos últimos tempos nun conflito laboral polo traslado do centro operativo á Estrada e diversos fallos informáticos e operativos que comprometeron a súa eficacia nesta nova etapa lonxe de Compostela.

Segundo confirmou GC, esta non é a primeira baixa na Axega. Cando menos outros dous cargos desta axencia dimitiron ou foron cesados nos últimos tempos: un, o secretario e outra, a asesora xurídica. Agora súmase a caída do número un, o xerente Juan José Muñoz.

ENFRONTAMENTO COS TRABALLADORES

O xa ex-xerente apoiara sen condicións o traslado do 112 á Estrada, contra a opinión dos traballadores. De feito, fixera un balance positivo do traslado de San Marcos ás novas instalacións, cualificándoo de "éxito". Tamén negara que a nova plataforma informática provocara atrasos na atención das chamadas, malia as denuncias dos propios traballadores.

O certo é que o enfrontamento dos traballadores con Muñoz marcou os últimos meses de actividade no 112. O xerente foi mesmo acusado de "acoso" por parte do comité de empresa, que o declarou "persoa non grata". Por qué? Segundo estes, o xa ex-xerente tentou “vingarse” tras o éxito da folga. Así, recentemente lembraban que Muñoz ameazara presuntamente aos folguistas, que o acusaron de “actitude de prepotencia e desprezo cara o persoal” responsabilizándoo de “seguimento de todos e cada un dos movementos” dos teleoperadores e de promover “ordes que dificultan as vixilias nas quendas de noite”.

Muñoz “mantén unha actitude de prepotencia e desprezo cara o persoal, ao que ignora no centro de traballo que comparten”, aseguraron desde a representación laboral do 112.

“Ao longo da folga destacouse pola súa animadversión contra o persoal da central de emerxencias, aliñándose co sector máis contrario ao diálogo no seo da Xunta. Desafiou os piquetes en varias ocasións, chegando a ameazar folguistas. E non dubidou en rachar carteis de propaganda da folga diante de compañeiros e compañeiras, logo de arrincalos do espazo destinado á información do comité no centro de traballo”, relataron representantes do persoal sobre Muñoz.

Por iso, a Asemblea de Traballadores da central de emerxencias 112 acordou este mes, por unanimidade, nomealo "persoa non grata", pola "súa hostilidade manifesta cara o cadro de persoal e polo seu papel protagonista tanto no proceso privatizador, como polas reiteradas neglixencias que se sucederon desde o seu nomeamento por causa, en boa medida, de absurdos protocolos que baixo a súa responsabilidade teñen revelado graves carencias na asignación de recursos para dar resposta ás emerxencias”, explicaron.

Temas: EMERXENCIAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta