Descobren dúas novas especies de crustáceos nos fondos abismais de Galicia

Os científicos lembran que nas zonas máis fondas da plataforma mariña tamén hai vida, aínda que alí non cheguen os raios solares.

Por Galicia Confidencial | | 20/09/2017 | Actualizada ás 11:12

Comparte esta noticia

Un equipo de investigación da Estación de Bioloxía Mariña da Graña acaba de facer un importante descubrimento; dúas novas especies de crustáceos que habitan os fondos abismais que carecen de ollos e son de tamaño milimétrico.

Pareurystheus vitucoi
Pareurystheus vitucoi | Fonte: José Antonio Peñas (SINC)

As dúas novas especies apareceron a mil metros de profundidade. Polo momento describíronse dúas pero hai, cando menos, outras dúas novas que ainda non foron estudadas detenidamente. Os novos crustáceos pertencen ás familias Photidae e Corophiidae, ás que denominaron Photis guerrai e Pareurystheus vitucoi. Ambas son especies cegas e de pequeno tamaño, duns poucos milímetros.

A pesar da dificultade de chegar aos fondos abismais, o certo é que neles existe tamén vida mariña. De feito, estas novas especies apareceron en ecosistemas de profundidade onde non chegan os raios solares e nos que non hai macroalgas, polo que a produción primaria vese limitada á coñecida como “quimiosíntese”, que está producida por unha fonte de enerxía química.

Nos fondos da plataforma continental e o noiro habitan ricas comunidades faunísticas. Nos anos 2002, 2003, 2008 e 2009, a Estación de Bioloxía Mariña da Graña da Universidade de Santiago de Compostela (USC) levou a cabo diferentes expedicións oceanográficas para coñecer estes ecosistemas. Nas diferentes campañas, aínda que tivesen distintos obxectivos, todas perseguían identificar e categorizar esta fauna bentónica “animais que viven asociados ao fondo mariño”, ao ser moi rara e pouco coñecida.

“Este grupo de crustáceos é moi importante nos océanos porque representan a base da cadea trófica en moitos ecosistemas mariños. Entre outras moitas, algunhas das adaptacións máis habituais que presentan as especies animais a estas profundidades son a ausencia de estruturas visuais e o reducido tamaño, para soportar as grandes presións”, di a web especializada en ciencia SINC Ramiro Rodríguez Tato, investigador da USC que lidera o estudo publicado na revista Zootaxa, en colaboración coa Universidade Autónoma de Madrid.

A nova especie de crustáceo dos fondos mariños de Galicia
A nova especie de crustáceo dos fondos mariños de Galicia | Fonte: José Antonio Peñas (SINC)

SEN OLLOS

Estes dous animais mariños teñen en común que carecen de ollos. Nunha contorna ao que non chega a radiación solar, é dicir, que se atopa permanentemente en escuridade, para moitas especies, os sistemas de orientación céntranse máis en receptores sensoriais químicos que en órganos visuais. Da primeira, do xénero Photis, só hai tres das 69 especies que existen, que carecen deste órgano de visión, segundo Rodríguez Tato.

Por outra banda, o xénero Pareurystheus é moito menos común e a maioría localizáronse en augas de Xapón. Pareurystheus vitucoi, supón así o primeiro rexistro do xénero no noroeste do Atlántico. Este animal posúe un quinto par de apéndices torácicos fortemente modificados e desenvolvidos, ao contrario de P. vitucoi. É de pequeno tamaño e coloración branca. “É única dentro do xénero por ser a primeira descrita sen ollos”, asegura o científico en SINC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta