Motivos para as dimisións no 112 e posibles relevos

Indagamos na causas de porque tres cargos da Axencia Galega de Emerxencias deixaron os seus postos nestas semanas, motivo polo que Rueda deberá comparecer no Parlamento, e presentamos algúns dos nomes que soan para substitutivos. Vicepresidencia explica a GC que se abre unha nova estapa nas emerxencias con novos equipos e persoas.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 20/09/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Xunta explicou a dimisión do responsábel do 112, desvelada en primicia por GC, aludindo “motivos persoais”. Con todo, o propio Juan José Muñoz non confirmou estas razóns publicamente até o de agora. O  recente cese, ou dimisión, doutros dous cargos da Axencia de Emerxencias de Galicia (AXEGA) indica que pode haber outros motivos para estes cambios.

Un dos moitos piquetes das traballadoras do 112 na folga destes meses
Un dos moitos piquetes das traballadoras do 112 na folga destes meses | Fonte: Emerxencias Galicia Facebook

Hai nada, a principios de setembro ou finais de agosto,  José Ángel Someso Anguita e Honorina Barrio Blanco desapareceron da Dirección Xeral de Protección Civil en Santiago e de feito nunca chegaron a instalarse na nova sede da Estrada. Dende aquela, o 112 opera sen o seu secretario, sen a Xefa Área de Coordinación Xurídico-Administrativa e Asuntos Financieiros e, agora, sen xerente.

Muñoz, Anguita e Blanco soportaron sobre as súas costas o desgaste do traslado dende Santiago esta primavera. Tras unha exemplar folga de varios meses, a Xunta perdeu o pulso cos seus subcontratados. Tívolles que conceder a compensación económica que reclamaban e practicamente todas as melloras sociais reivindicadas. Tras meses de cerrazón por parte da xerencia e Vicepresidencia, fíxose evidente que o Goberno non podía permitirse chegar ao verán, cando se disparan as emerxencias, cun 112 a medio gas.

Agora ben, ten sentido cesar ou facer dimitir aos cargos do 112 unha vez asentado o traslado e logrado un pacto cos traballadores? Unha das posibles respostas está no comunicado da CIG desta semana, sindicato ao que pertencen todos os delegados de persoal. A central relatou como a asemblea declarou persoa non grata ao xerente ante prácticas que din son próximas ao acoso laboral e en “vinganza” polo éxito da folga, dificultando o cumplimento do laudo que lle puxo fin.

Con todo, resultaría sorprendente que a Vicepresidencia forzase a caída, ou o xerente, dimitise por un comunicado do sindicato nacionalista, por moi cabreados que estean os operarios. 

Dende a dereita, Faílde, Rueda e o alcalde da Estrada nunha foto dun acto institucional sacada da web da Vicepresidencia
Dende a dereita, Faílde, Rueda e o alcalde da Estrada nunha foto dun acto institucional sacada da web da Vicepresidencia

Outro factor que puido influír nestes relevos é o caso Faílde. GC revelou que varias administracións, entre elas a AXEGA, compraron material de emerxencias a Ricarsat e Emersafe. Carlos Faílde, coordinador de emerxencias na comarca da Estrada e daquela cargo no PP local, é o administrador único e apoderado respectivamente desas compañías. As revelacións de GC desataron unha treboada política a nivel local (Faílde presentou a súa renuncia temporal a ser traballador público e dimitiu da dirección do PP). O caso saltou ao ámbito galego, pois Vicepresidencia tivo que dar explicacións no Parlamento, que está por ver se foron suficientes para a oposición.

Polo de agora, En Marea xa reclamou hoxe a Rueda que compareza no Parlamento.  Dende as filas da confluencia arguméntase que “o conselleiro debe explicar en sede parlamentaria a suma de problemas que o servizo de emerxencias está tendo en Galicia, desde a mala xestión do traslado das instalacións e os conseguintes erros na atención de urxencias, os conflitos abertos coa plantilla de traballadores ao que se suma a dimisión do xerente da Axencia Galega de Emerxencias”. A coalición formalizará unha solicitude de comparecencia na Cámara.

Tamén hai que ter en conta que a Vicepresidencia acaba de anunciar que está a negociar a creación dun novo modelo de emerxencias.  Na Comisión Galega de Protección Civil celebrada este luns, Alfonso Rueda adiantaba que negociará con deputacións e concellos un novo mapa para a organización das emerxencias. Un sector conflitivo nos últimos anos, debido non só aos conflitos no 112 senón tamén cos parques de bombeiros privatizados. Fontes do sector indican a GC que, se cadra, Vicepresidencia estimou que o xerente da AXEGA non era a persoa acaída para abordar esta complexa negociación.

E quen pode substituír a Muñoz ao fronte dunha das maiores axencias públicas de Galicia? Polo de agora o único que hai son ruxe-ruxes, sen confirmar. Un dos nomes que soa é o de Marcos Araújo Pereira, ex-concelleiro do PP en Vigo e con experiencia no sector dos bombeiros e formación en emerxencias.

DECLARACIÓNS DA XUNTA SOBRE OS CAMBIOS

GC preguntou a Vicepresidencia cando se publicaría o relevo no DOG, pero aínda non obtivo máis resposta que sería "en breve". O Goberno si declarou a este xornal que "ábrese unha nova etapa na coordinación e na xestión das emerxencias, na que haberá que definir novos modelos, como xa se informou na Comisión Galega de Protección Civil. Esa nova etapa contará con novas persoas". Esa referencia á Comisión Galega deste luns confirma que un dos motivos dos relevos pode ser a negociación para o novo mapa de emerxencias

Sobre Juan José Muñoz, o departamento de Rueda repite o aplauso de onte: "Agradecemos o seu traballo e esforzo de todos estes anos". No referido aos dous subordinados dimitidos, dos que non facilitou nin os nomes, engade que "non son altos cargos e non se adoita informar deses cambios" e que estamos ante "un proceso de renovación non novos equipos e novas persoas".

Extracto da resposta da Vicepresidencia sobre Carlos Faílde no Parlamento
Extracto da resposta da Vicepresidencia sobre Carlos Faílde no Parlamento | Fonte: parlamentodegalicia.es
Juan José Muñoz (dereita), co director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor
Juan José Muñoz (dereita), co director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor | Fonte: Europa Press.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ángel

Nas emerxencias galegas hai una mafia dirixida por Menor e Rueda, uns caciques que gobernan as emerxencias por cachos, en chiringuitos (Protección Civil, GES, cortalumes, ...) e teiman por privatizar o servicio aínda máis. Fai falla unificar nun corpo único de bombeiros divididos entre forestais e urbanos, convertir en públicos os parques privados, dotas ben os equipos e una chea de cousas mais.