Temas: CLIMA SECA

A Aemet prevé un outono algo máis caloroso do normal en Galicia tras un verán seco e moi cálido

A seca podería chegar ao seu fin en xaneiro "se chovese o normal ata final de ano".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2017 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) prevé, tras un verán "moi cálido e seco", un outono algo máis caloroso do normal en Galicia e con precipitacións "normais" para esta época do ano. O delegado da Aemet en Galicia, Francisco Infante, realizou este mércores un resumo climático correspondente a este verán e avanzou as previsións meteorolóxicas para o outono, á vez que volveu a facer fincapé no "déficit" de precipitacións acumulado en Galicia.

Outono
Outono | Fonte: Europa Press

Este verán foi "moi cálido" en Galicia, sobre todo durante os meses de xuño e xullo, cando se superaron os 40 graos nalgúns puntos da provincia de Ourense. Destacan así os 41 graos alcanzados en Rivadabia e os 23 graos de temperatura mínima rexistrados en Pazos de Borbén (Pontevedra).

Malia as temperaturas elevadas, Infante indicou que no verán "houbo bastantes días anubrados e con precipitacións débiles".

A estación foi "seca" en Galicia en canto a chuvias, ao rexistrar un 60% do valor normal de precipitacións para esta época. De feito, este verán é "o noveno máis seco" dos últimos 47 anos, segundo apuntou Infante.

SECA

Este "déficit" de precipitacións durante o verán é unha continuación da tendencia que se está dando en Galicia, que xa acumula un déficit de precipitacións do 30%.

E é que, segundo explicou Infante, no que vai de ano hidrolóxico (outubro-setembro) Galicia rexistrou o 65% da precipitación correspondente para ese período.

Estes datos fan que o nivel de seca se manteña no país, unha situación da que se podería saír en xaneiro "se chovese o normal ata final de ano", segundo avanzou Infante a modo de simulación.

De cara ao outono, aínda que se prevé que se manteña a "escaseza" de precipitacións en outubro, a Aemet espera máis choivas para os meses de novembro e decembro. E en canto ás temperaturas, o outono en Galicia espérase que sexa "algo máis cálido" do habitual, sinala Infante.

Temas: CLIMA SECA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta