O BNG formaliza na ONU a súa denuncia contra a "impunidade do franquismo": "É unha ofensa para todas as vítimas"

Os nacionalistas esixen a "devolución" do Pazo de Meirás e a ilegalización da Fundación Franco

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2017 | Actualizada ás 16:42 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O BNG formalizou este mércores na sede da ONU en Xenebra (Suíza) a súa denuncia para que o organismo internacional actúe contra a "impunidade do franquismo" ao considerar que é "unha ofensa para todas as vítimas".

Ana Pontón e Ana Miranda presentan a denuncia do BNG na ONU
Ana Pontón e Ana Miranda presentan a denuncia do BNG na ONU | Fonte: Europa Press

A líder do Bloque, Ana Pontón, e a portavoz da formación en Bruxelas, Ana Miranda, foron as encargadas de presentar o documento a través do que se reclama a devolución do Pazo de Meirás ao pobo galego, a ilegalización da Fundación Franco por "exaltación do franquismo", así como que se "facilite a investigación e a reparación dos crimes da ditadura".

"Esta denuncia ten un triplo obxectivo", explicou ante a sede da ONU Ana Pontón, que citou, en primeiro lugar, a reclamación de "a devolución do Pazo de Meirás ao pobo galego, que foi quen o pagou", así como doutros bens "expoliados" como "as estatuas do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago".

Para iso, no texto, os nacionalistas fan un percorrido polos distintos episodios que materializaron a decisión das autoridades sublevadas da Coruña de "regalar" este casarón como residencia de verán ao ditador.

LEI DE AMNISTÍA

En segundo lugar, Ana Pontón destacou que se pide "deixar sen efecto os artigos da Lei de Amnistía de 1977 que impiden investigar e xulgar os crimes franquistas". Ademais, piden que se declare ilegal a apoloxía do franquismo.

"Por último, pensamos que en 2017 non se pode permitir que siga facéndose impunemente apoloxía do franquismo sen que pase nada e, por tanto, se ilegalice a unha asociación que é unha ofensa para todas as vítimas", manifestou Ana Pontón ante a sede do alto comisionado de Dereitos Humanos da ONU.

E é que, segundo considerou, esta denuncia é o "mínimo" que a súa formación pode facer "a estas alturas". "Porque é unha débeda ética, política e moral que temos con todas as vítimas do franquismo", manifestou.

CONCLUSIÓNS DO RELATOR ESPECIAL DA ONU

Con estes obxectivos, o texto do BNG incorpora as conclusións extraídas polo relator especial da ONU para a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e garantías de non repetición, Pablo Greiff, que visitou España entre xaneiro e febreiro de 2014.

Así, conforme lembrou o Bloque, no seu informe posterior á visita, o relator conclúe que se "deben tomar medidas para atender os pedidos relacionados coa restitución das propiedades e documentos incautados a particulares"; sinala que "non se estableceu nunca unha política do Estado para a promoción da verdade"; así como que a Lei 52/2007 "non soluciona en absoluto este problema".

Ademais, Greiff considera que se "deben atender de forma urxente as demandas das vítimas en termos de verdade" e "establecer algún mecanismo para oficializar e resolver a excesiva fragmentación que caracteriza a construción da memoria en España".

"Estas recomendacións seguen incumpríndose día a día", asegura o BNG, que lembra que bens expoliados no franquismo, como o Pazo de Meirás "seguen en mans" da familia do ditador. "A inacción das diferentes administracións normalizan unha situación que vulnera os dereitos humanos", censurou o Bloque.

Ademais de formalizar as denuncias, Pontón e Miranda reuníronse co alcalde de Xenebra, Rémy Pagani, a quen expuxeron os termos da denuncia e outras cuestións relacionadas coa colectividade galega no país suízo, coa que tamén se reunirán.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta