“Os datos epidemiolóxicos indican un progresivo aumento da poboación centenaria en Galicia”

Un estudo constata un aumento progresivo de pacientes centenarios no país. A maioría son mulleres. Pontevedra é a provincia con máis ingresos hospitalarios desta poboación, pero Ourense e Lugo son as que rexistran as maiores taxas en proporción co total de pacientes. Esta semana morreu aos 111 anos Josefa Álvarez, a segunda persoa máis lonxeva de Galicia.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 21/09/2017 | Actualizada ás 11:33

Comparte esta noticia

Hai dous días finaba en Cartelle, aos 111 anos, Josefa Álvarez, cualificada por algúns medios como a 'avoa de Galicia'. Porén, e malia esa consideración, Josefa non era a persoa máis lonxeva no país. Avelina Mouzo Leis, que reside na Ponte do Porto (Camariñas), é a máis vella de todos os galegos, con 112 anos. Outras centenarias ilustres son Celestina Penabad (Lugo) e Concepción Pichel (Pontevedra), de 109 y 108 años, respectivamente. O certo é que Galicia conta cada vez máis con xente que supera o século de vida, o cal se está trasladando aos hospitais, onde ano tras ano estase a constatar un aumento progresivo de pacientes centenarios. Así o corrobora un estudo publicado recentemente por investigadores do Hospital Universitario Lucus Augusti.

Distribución de ingresos hospitalarios por provincia e ano, e taxa calculada (por 1.000 ingresos)
Distribución de ingresos hospitalarios por provincia e ano, e taxa calculada (por 1.000 ingresos) | Fonte: Eva Romay-Lema et al. (2017), 'Hospitalización en pacientes centenarios en Galicia en el periodo 2004-2013', en Galicia Clínica, Volume 78, número 1, pp. 7-10.

No estudo, titulado 'Hospitalización en pacientes centenarios en Galicia en el periodo 2004-2013', rexistráronse 1.373 ingresos de persoas centenarias, cunha idade media de 101,2±1,4, sendo as mulleres maioría, en concreto, o 73,7% dos pacientes centenarios.

O número de ingresos por ano incrementouse co tempo (0,31% dos ingresos en 2004 versus 0,69% en 2013). Por provincias, Ourense e Lugo foron nas que houbo máis ingresos en proporción coa poboación atendida. Pero en números absolutos, Pontevedra é a que presenta unha maior incidencia de ingresos de centenarios nese período, con 427, seguida por Ourense (336), A Coruña (314) e Lugo (290).

Máis metade dos pacientes foron atendidos polos Servizos de Medicina Interna. Ademais, os centenarios ingresaron a través do Servizo de Urxencias, e o motivo de ingreso foi médico no 84,7%, constituíndo o GRD (Grupos relacionados polo diagnóstico) máis frecuente as infeccións respiratorias.

Nos homes houbo unha maior incidencia de enfermidades respiratorias, mentres que as mulleres presentaron maior incidencia de fracturas de cadeira.

Josefa Álvarez, finada aos 111 anos en Cartelle, na celebración do seu 107 aniversario
Josefa Álvarez, finada aos 111 anos en Cartelle, na celebración do seu 107 aniversario | Fonte: Fundación San Rosendo.

A estancia media destes pacientes foi de 8,6±7 días, acadando unha mortalidade de case o 30% e a taxa de reingresos ao ano foi do 7,8%.

Obsérvase, polo tanto, un incremento progresivo do número de ingresos de pacientes centenarios nos últimos anos en Galicia, fundamentalmente por patoloxía médica. Estes pacientes, subliñan os investigadores, presentan unha mortalidade elevada e reingresan con frecuencia.

Isto leva a concluír aos investigadores que "os datos epidemiolóxicos indican un progresivo aumento da poboación centenaria, o cal implica que cada vez será máis frecuente atender no hospital a pacientes extremadamente anciáns". 

Para o estudo analizaron datos correspondentes ás altas hospitalarias de todos os pacientes maiores de 100 anos atendidos nos hospitais públicos galegos entre 2004 e 2013 (ambos incluidos).

MÁIS CENTENARIOS NAS PRÓXIMAS DÉCADAS

Un trazo característico do envellecemento demográfico moderno é, destacan os investigadores, o aumento sen precedentes na proporción de persoas centenarias. De manterse as tendencias actuais, a poboación centenaria no Estado español pasaría das 13.551 persoas no ano 2014, a máis de 372.000 no ano 2064.

Este fenómeno, salientan os expertos, acentúase en Galicia, unha das comunidades autónomas con maior índice de senectude. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Arturo

¿ Por qué será ?