Por E.P. | Lugo | 21/09/2017 | Actualizada ás 19:21
O Grupo Municipal do PP no Concello de Lugo anunciou varias accións para aclarar a "espionaxe" que, denuncia, tivo lugar en computadores da oposición no Consistorio, unha acusación que a alcaldesa, a socialista Lara Méndez, negou este xoves.
Os pronunciamentos sobre esta cuestión chegan despois de que 'La Voz de Galicia' publicase unha información na que constata que houbo "accesos irregulares" a computadores da oposición --tanto do PP como de Lugonovo e BNG-- supostamente para controlar "que persoas de cada grupo entraban nos decretos e determinar se ofrecían información a xornalistas sobre o contido dos mesmos".
O PP PIDE UNHA INVESTIGACIÓN
Nesta conxuntura, o PP local rexistrou, para que se aborde de forma urxente no próximo pleno municipal, a petición de "unha comisión de investigación". Ademais, o seu portavoz, Antonio Ameijide, sinalou que estudarán denunciar o ocorrido ante o Valedor do Pobo e mesmo a posibilidade de emprender accións legais.
A xuízo de Ameijide,os "accesos irregulares" vulnerarían "o dereito á intimidade e o segredo da comunicación". "É moi grave, porque isto só se vulnera nos Estados de excepción ou de sitio", alertou.
Ao tempo, afeou que "a alcaldesa, Lara Méndez, estea máis preocupada por espiar á oposición que por gobernar e resolver os problemas da cidade".
NEGATIVA TALLANTE DA EDILA
Pola súa banda, a rexedora negou de forma tallante que o goberno local "espíe á oposición". De feito, esgrimiu que o único que preocupa ao seu equipo é que "a oposición teña información e acceso a toda a información".
"Nós sempre pedimos que teñamos sensibilidade cos datos que manexamos. Non hai ningún tipo de espionaxe, os partidos da oposición teñen todo o acceso á información e ademais debe de ser así para facer o seu labor de oposición e control e fiscalización do goberno", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.