O Morgan Library entrega este venres á UVigo o Pergamiño Vindel, que se exporá en Vigo ata marzo de 2018

A entidade destaca: "Cando a petición do Pergamiño Vindel veu desde Vigo, dalgunha maneira tocou os nosos corazóns"

| 21/09/2017 | Actualizada ás 19:50 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Morgan Library&Museum de Nova York acollerá este venres a cerimonia de entrega á Universidade de Vigo (UVigo) do Pergamiño Vindel, un manuscrito con sete 'cantigas de amigo' de Martín Códax, que posteriormente viaxará a Vigo para ser exposto no Museo do Mar de Galicia entre outubro de 2017 e marzo de 2018.

Foto: Convenio Pergamiño Vindel
Foto: Convenio Pergamiño Vindel | Fonte: Europa Press

Ao acto que se celebrará este venres no museo neoiorkino, acudirán o reitor, Salustiano Mato; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; os cónsules de España e Portugal ; e o xefe de departamento de manuscritos medievais e do renacemento do Morgan Library&Museum, Roger S. Wieck; ademais doutras autoridades.

Wieck destacou que o Morgan alberga ao redor de 1.300 manuscritos, dos cales "ningún foi feito para a biblioteca", senón que todos proceden "de todas partes do mundo". Neste sentido, indicou que desde a entidade prestan "especial atención ás peticións que veñen da cidade ou do lugar do que procede un manuscrito".

"Cando a petición do Pergamiño Vindel veu desde Vigo, dalgunha maneira tocou os nosos corazóns, porque pensamos que será moi especial permitir que este manuscrito único volva ao lugar do que procede", subliñou, antes de facer fincapé en que "Vigo sae mencionado en seis do sete poemas" deste documento.

Para acoller estas 'cantigas' en Vigo, tivo que ser reformada e acondicionada unha sala do Museo do Mar de Galicia para cumprir os requisitos de seguridade e conservación esixidos polo Morgan. En concreto, Wieck remarcou que a institución que o acolle debe garantir unha correcta "temperatura, humidade e seguridade", e o seu "apropiado" transporte.

'CANTIGAS' PRECIOSAS

Acerca da historia do Pergamiño Vindel, o portavoz do Morgan remarcou que "só hai dúas 'cantigas' manuscritas do século XIII que sobreviviron coa súa música" e por iso o descubrimento deste documento revolucionou "o mundo medieval, o mundo musical e o mundo da poesía".

"Son cancións preciosas, non relixiosas, na voz dunha muller que sofre polo seu amante, que está ausente, viaxando ou é distinto dela", explicou sobre o contido das 'cantigas', acerca das que chamou a atención pola súa "marabillosa música secular, poesía secular, a lingua galego-portuguesa e a cultura na historia de Galicia".

Wieck apuntou que, como é típico en manuscritos medievais, houbo un "gran intervalo" entre a creación e reaparición do Pergamiño Vindel, xa que foi creado no século XIII pero estivo desaparecido ata ser redescubierto en 1914 por un libreiro, Pedro Vindel -que deu nome ao pergamiño-, cando desmontaba unha encadernación.

VENDA DO MANUSCRITO

Vindel publicou reproducións pero anos despois, como "necesitaba diñeiro", vendeuno e o documento pasou por distintas mans ata que o adquiriu o libreiro Albi Rosenthal, que o gardou na súa colección privada.

No entanto, en 1970 tratou de vendelo ao Morgan, que "nese momento non estaba interesado", explicou Wieck entre risas de desconcerto, antes de agregar que en 1977 finalmente o museo recoñeceu a súa importancia e comprouno. "Finalmente, este manuscrito, centos de anos despois da súa creación, esta dispoñible de novo para o público", rematou.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta