O Celta non acaba de arrincar

O equipo celeste, tralo gol inicial de Maxi Gómez, deixa escapar dous puntos ante o Xetafe tras encaixar o empate no minuto 85 nun novo erro defensivo. Os de Unzué suman 4 puntos de 15, os mesmos que o Dépor, en postos de descenso.

Por gcdeportes | Vigo | 22/09/2017 | Actualizada ás 00:39

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
RC Celta 1:
Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Sergi Gómez, Fontás, Jonny; Tucu Hernández, Brais Méndez (Emre Mor, 59’), Jozabed (Daniel Wass, 81’); Iago Aspas, Pione Sisto (Lobotka, 73’) e Maxi Gómez.
Xetafe CF 1: Guaita; Damian, Cala, Djené Dakonam, Antunes; Arambarri, Markel Bergara; Amath (Montero, 73), Portillo (Ángel, 56), Fayçal Fajr (Álvaro Jiménez, 56’); Jorge Molina.
Goles: 1-0: Maxi Gómez (minuto 24). 1-1: Ángel (minuto 85).
Árbitro: Trujillo Suárez (canario). Amarelas a Jozabed (56’) e Maxi Gómez nos celestes e a Djené Dakonam (16’), Antunes (65’), Damián Suárez (73’) e Álvaro Jiménez (91’) nos visitantes.
Incidencias: partido da 5ª xornada de Primeira División disputado no estadio municipal de Balaídos ante 15.068 espectadores.

O Celta non acaba de arrincar. Tralo gol inicial de Maxi Gómez, debeu ser quen de pechar o partido, pero non o fixo e un novo erro defensivo, a cinco minutos do final, propiciou o empate (1-1) do Xetafe. Os de Juan Carlos Unzué deixaron escapar dous novos puntos: nas cinco primeiras xornadas, 4 de 15, os mesmo que o Deportivo, en postos de descenso. O domingo, nova oportunidade en Eibar para acadar a vitoria e poder saír dos postos baixos da clasificación.

Ángel celebra o empate ante a decepción de Sergio Álvarez e Lobotka.
Ángel celebra o empate ante a decepción de Sergio Álvarez e Lobotka. | Fonte: lfp.es

Necesitaba o Celta reaccionar trala pobre imaxe en Cornellá, e Unzué deu entrada o canteirán Brais Méndez, a Sergi Gómez no centro da defensa no canto de Cabral e a Tucu Hernández, que foi o mellor dos celestes, por Daniel Wass no centro. O Celta tivo a posesión e dominou por completo o primeiro tempo, pero apenas creou ocasións de gol. Brais Méndez foi o primeiro en tentalo, pero Antunes desviou o seu disparo. No minuto 24, chegou o gol: pase longo e preciso do Tucu Hernández, Hugo Mallo lle gaña o salto ao defensa e asiste coa testa para o gol do uruguaio Maxi Gómez, o seu cuarto tanto da Liga. Co 1-0, tan só un tiro de Iago Aspas que detivo Guaita como caudal ofensivo celeste ata o descanso.

O Xetafe deu un paso adiante trala reanudación e o Celta comezou a sufrir. Amath avisou cun potente disparo e Bordalás, técnico visitante, deu entrada a Ángel e Álvaro Jiménez. Os celestes perderon a posesión e o partido fíxose de ida e volta. Menos mal que o árbitro sinalou un fóra de xogo máis que dubidoso cando Jorge Molina ía só cara á portaría de Sergio Álvarez. Unzué tentou recuperar o control coa entrada de Emre Mor, Lobotka e Daniel Wass. Cando semellaba que o Celta freaba o empuxe rival, otra volta un erro defensivo frustrou a vitoria viguesa: centro de Álvaro dende a dereita, a pelota que se pasea pola área local e Ángel no segundo pau fusila ao gato de Catoira. Decepción na bancada e no equipo celeste.

Juan Carlos Unzué da instrucións na banda.
Juan Carlos Unzué da instrucións na banda. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta