Temas: COMERCIO

Acordo no Parlamento para resolver o conflito entre quioscos e distribuidoras de prensa

Unha proposición non de lei do BNG, aprobada por unanimidade, demanda un novo marco da relación comercial para poñer fin á conflitividade polo abuso de prácticas monopolistas no sector.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/09/2017 | Actualizada ás 09:40

Comparte esta noticia

O deputado do BNG, Luís Bará defendeu hoxe  unha proposición non de lei, aprobada por unanimidade na comisión de Industria, na que demanda do Goberno central un novo marco para as relacións comerciais entre as distribuidoras e editoras e os vendedores e vendedoras de prensa escrita e revistas, atendendo as súas particularidades e para resolver o conflito provocado polo abuso de posicións de dominio e prácticas de “tipo monopolista” das empresas distribuidoras.

Protesta en Vigo dos quiosqueiros
Protesta en Vigo dos quiosqueiros | Fonte: Ernesto IIkerman.

O parlamentario explicou que a distribución de prensa implica a tres operadores: as empresas editoriais, empresas de distribución e o tecido comercial. En Galicia, dixo, existen na actualidade 2.600 puntos de venda de prensa, pero dende hai anos este sector padece “practicas monopolistas” por parte das distribuidoras, circunstancia que está a comprometer a “viabilidade económica” e mesmo obriga a que cada ano “pechen unha media de cen quioscos ao día”.

O deputado salientou que as empresas distribuidoras operan “case en exclusividade”, tanto para as publicacións como no ámbito territorial e impiden que os puntos de venda poidan optar a outra empresa. Esta relación, afirmou, “prexudica gravemente á parte máis feble da cadea”.

Bará trasladou ao Parlamento as denuncias do sector e a súas demandas, entre as que destacou: a imposición de publicacións por parte das distribuidoras, pagamento por anticipado, independentemente das vendas e o pagamento polos portes.

O deputado do BNG agradeceu o apoio de todos os grupos parlamentarios á iniciativa nacionalista para reclamar un novo marco de  relación comercial entre distribuidoras, editoras e puntos de venda de prensa escrita e revistas.

Temas: COMERCIO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta