Temas: OURENSE

Seixalvo; unha vila rural que tamén sabe facer cultura

A Asociación Veciñal de Seixalbo, en Ourense, leva organizando durante tres décadas de xeito ininterrompido a actividade cultural cunha ampla e variada programación.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 23/09/2017 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A vila de Seixalbo, núcleo rural emblemático do concello de Ourense, leva varios días de actividades do «SEIXALBO CULTURAL 2017» que toma o relevo das xa consolidadas “Semanas Culturais” que este ano cumpren o trixésimo aniversario, desde aquela primeira edición celebrada nos anos oitenta do pasado século.

Seixalbo, en Ourense
Seixalbo, en Ourense | Fonte: Turismo de Ourense

A Asociación Veciñal de Seixalbo leva organizando durante tres décadas de xeito ininterrompido esta actividade cultural cunha ampla e variada programación, que se suma ás actividades que organiza tamén anualmente a Asociación Cultural Agromadas, da que destaca singularmente a Festa dos Foros, convertendo este fermoso lugar na verdadeira acrópolis da Atenas galega.

Así, e segundo apunta nun comunicado, para celebrar este aniversario, as actividades que inicialmente se concentraban nunha semana, pasan a desenvolverse durante practicamente un mes, entre setembro e outubro do presente ano.

Desde actividades para os máis pequenos, como a Festa da Escuma, o Seixalbo Máxico co ilusionista Mago Chirleta ou teatro infantil coa obra “Díxoo Tais e non se fale máis”, a cargo do grupo RumRum, a actividades pensadas para todos os públicos, como a “Viaxe Cultural ás Fragas do Eume”, a charla informativa sobre os “Prexuizos nas Redes Sociais” que impartirá a Policia Nacional ou a andaina nocturna “Seixalbo baixo as estrelas”.

Actividades musicais

Nunha vila como Seixalbo, as actividades musicais teñen, necesariamente, un importante protagonismo, cun concerto baixo o título “Queridos canta-autores” interpretado por Juanjo e Ricardo, tamén con raíces locais, así como a xornada de  clausura co Concerto SEIXALBO MUSICAL do grupo coral “Cantigas de Seixo” e do grupo Trovare, ambos con protagonismo das xentes das localidade.

Queda tempo para a espiritualidade, xa que coincide a festividade do patrono San Breixo, no que se celebrará unha Eucaristía coa intervención musical de Cantigas de Seixo, como paso previo ao xa tradicional Xantar de Convivencia Veciñal, unha verdadeira bacanal ambientada co grupo local Os PerQtores.

O prato forte será, unha vez máis, o musical-teatro que poñerá en escena a obra “Corazón de Mosqueteiro” con texto e dirección local, correndo a dramatización a cargo do Grupo EseDíaSae e a coreografía co grupo SeixalboBaila, cun elenco de máis de trinta ilusionados veciños e veciñas de Seixalbo que se entregarán en corpo e alma para encher cunha divertida traxicomedia o Auditorio de Penouzos. Unha pequena curtametraxe como parte da obra, contou coa colaboración de preto de sesenta figurantes da localidade.

Temas: OURENSE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta