A Universidade de Vigo segue reducindo a súa pegada de carbono

É un 1,75% inferior a 2015, cunha emisión media de 0,95 toneladas de CO2 por persoa. O incremento do uso do transporte público e do gas natural, claves na redución.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 22/09/2017 | Actualizada ás 17:30

Comparte esta noticia

En 2008, a Oficina de Medio Ambiente da Universidade comezou a calcular a pegada de carbono e a pegada ecolóxica da institución. A primeira é unha medida do impacto ambiental que estuda as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera (medidas en kg de CO2 equivalentes). A segunda é a cantidade de terreo estándar (medido en hectáreas globais equivalentes) que é necesaria para absorber os impactos ambientais asociados a unha actividade determinada. Nestes nove anos, as emisións dos tres campus universitarios fóronse reducindo e, segundo o estudo do 2016, que acaba de ser feito público pola OMA, volve marcase outro mínimo histórico, con 0,95 toneladas de CO2 por persoa, o que supón unha redución dun 1,75% respecto a 2015. Estas emisións tradúcense nunha pegada ecolóxica de 7.924 hectáreas globais e de 0,328 hectáreas por persoa, informa a universidade viguesa.

Porcentaxe de emisións total da pegada de carbono na Universidade de Vigo en 2016
Porcentaxe de emisións total da pegada de carbono na Universidade de Vigo en 2016 | Fonte: UVigo.

O responsable da OMA, Benedicto Soto destaca que a Universidade de Vigo “amosa unha tendencia anual constante á diminución da súa pegada ecolóxica” e vencella esta a varios factores. Por unha banda, explica, “malia que se incrementaron substancialmente os membros da comunidade universitaria (arredor dun 10% nos últimos cinco anos) obsérvase un incremento do uso dos transportes públicos e o número de usuarios por vehículo particular”.

Por outra banda, os novos edificios son de “alta eficiencia en canto ao consumo de enerxía eléctrica e illamento térmico” e, de feito, algúns deles están proxectados baixo criterios de construción sustentable (certificado Breeam). Ademais, o gradual cambio da maioría dos centros de gasóleo C a gas natural supuxo unha redución de arredor do 28% para calefacción e auga quente sanitaria.

Finalmente, engade Soto, a política acometida estes últimos anos de redución dos consumos de papel e consumibles informáticos e de papelería “axudou a conseguir pequenas reducións do impacto ambiental da Universidade”. Todas estas actuacións e políticas, remarca, “deron lugar a que nestes últimos nove anos a redución media da pegada de carbono fose de 23 kg de CO2 por persoa e ano, o que se corresponde cunha redución media do 2% cada ano”.

Con todo, dende a OMA explican que a pesar da redución das emisións por persoa dentro da Universidade, o resultado total da pegada de carbono incrementouse no ano 2016 un 10%. Os dous motivos principais para o incremento das emisións globais son o aumento do número de persoas que conforman a Universidade de Vigo nun 11,4% e, sobre todo, a entrada en funcionamento do novo Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación (Cacti), “que supuxo un aumento no consumo de electricidade dun 9,6%”. Porén, os autores do estudo destacan que, pese a estes dous condicionantes, “a redución das emisións por persoa é a proba do éxito das tarefas de incorporar o desenvolvemento sostible como parte da estratexia de crecemento da Universidade”.

Pegada de carbono por persoa na Universidade de Vigo
Pegada de carbono por persoa na Universidade de Vigo | Fonte: UVIgo.

A MOBILIDADE, PRINCIPAL FONTE DE EMISIÓNS

A pegada de carbono da Universidade de Vigo no ano 2016 foi de 22.873 toneladas de CO2 equivalente e, tendo en conta que o número de persoas da Universidade de Vigo no ano 2016 foi de 24.001, obtense un resultado final de 0,95 t CO2eq/persoa. O campus de Vigo produciu 15.494 tm CO2eq, o 67% do total das emisións da Universidade, en tanto que o campus de Pontevedra emitiu 3886 tm CO2eq e o de Ourense 3493 tm CO2eq. O principal motivo de esta diferenza entre os tres campus é que o Vigo alberga aproximadamente o 60% das persoas da Universidade.

A mobilidade foi a responsable do 52% do total das emisións da Universidade, o consumo de enerxía eléctrica do 19%, a edificación do 17%, o consumo de gasóleo C do 10%, o consumo de papel do 1% e a xestión dos residuos, o consumo de auga e o consumo de gas natural conforman o 1% restante. Tendo en consideración que no ano 2016 se realizou unha actualización dos factores de emisión, a tendencia das emisións continúa sendo decrecente. Dende o ano 2008, onde as emisións se estimaron en 1,15 t CO2eq/persoa segundo os novos factores de emisión, produciuse unha redución media anual do 2,46%, alcanzando o seu mínimo histórico neste ano 2016, cunhas emisións de 0,95 t CO2eq/persoa. 

BOAS PRÁCTICAS

Para seguir por esta senda de diminución do impacto ambiental da súa actividade, a Universidade de Vigo leva anos desenvolvendo diversas estratexias de redución de emisións de CO2, de sustentabilidade, aforro enerxético e compensación das emisións.

Entre as medidas postas en marcha nos últimos anos destaca a aposta polas enerxías renovables como a solar térmica e fotovoltaica (Polideportivo de Ourense, Citexvi, Escola de Enxeñaría Industrial en Vigo, e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación en Pontevedra), xeotérmica (Unidade Administrativa de Ourense, e Biblioteca Central, Cacti e Citexvi) e caldeiras de biomasa (Servizo de Deportes de Vigo). Foi tamén moi significativo o proceso de ampliación da rede de gas natural nos centros e instalacións, que de partida se empregaba na Escola de Enxeñaría Industrial e na Escola Universitaria de Estudos Empresarias en Torrecedeira.

En 2016 adaptáronse as caldeiras de gasóleo C ao emprego de gas natural nas facultades de Fisioterapia e Belas Artes en Pontevedra, nos pavillóns 1 e 2 do Polideportivo de Ourense e na facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo. A previsión é que nos vindeiros anos se realice o mesmo proceso no Edificio de Ciencias Experimentais, nas escolas de Enxeñaría Industrial, Minas e Enerxía e Telecomunicación e na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

No ano 2016 realizáronse tamén melloras na eficiencia enerxética dos edificios como a substitución de luminarias por outras de menor consumo e de illamento térmico e caldeiras, que levaron consigo un investimento de arredor de 212.000 €. A isto hai sumar iniciativas como o circular para moverse polo campus ou o programa de coche compartido, co obxectivo de reducir o impacto da principal fonde de emisión, o transporte.

Tamén se puxeron en marcha programas de reciclaxe e reutilización de aparellos eléctricos e electrónicos, de intercambio de material, actividades de divulgación e sensibilización e políticas de conservación e recuperación dos ecosistemas.

A Universidade segue reducindo a súa pegada de carbono por persoa e marca outro mínimo histórico en 2016
A Universidade segue reducindo a súa pegada de carbono por persoa e marca outro mínimo histórico en 2016 | Fonte: UVigo.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta