Temas: RENDA

A onde irá o diñeiro que os galegos destinaron ao 0,7% social do IRPF?

É a primeira vez que a Xunta distribuirá estes fondos que este ano case chegan aos 11,5 millóns de euros e que estarán destinados a programas que atenden fins de interese social.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 23/09/2017 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia distribuirá por primeira vez subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación  tributaria do 0,7% do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF). A convocatoria está dotada cun orzamento de 11.453.784 euros e só poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades do terceiro sector de acción social que xa recibisen axuda na convocatoria do ano 2016 con cargo ao IRPF para o desenvolvemento de programas que tiveron que ver coa atención ás persoas con necesidades de atención integral sociosanitaria, necesidades educativas ou de inserción laboral e programas para o fomento da seguridade cidadá e a prevención da delincuencia.

Na convocatoria estatal de 2016 resultaron adxudicatarias en Galicia de un ou varios programas, un total de 72 entidades por un importe de 11.394.066 euros. Nesta convocatoria financiaranse programas sociais dirixidos de forma prioritaria ás persoas maiores, ás persoas con discapacidade, á mocidade e á infancia. Así mesmo, beneficiaranse colectivos de mulleres en risco de exclusión, persoas afectadas por problemas de drogodependencia, persoas de etnia xitana, poboación recluída e exrecluída,refuxiados e asilados, migrantes, vítimas do terrorismo e persoas afectadas polo VIH/SIDA.

Serán subvencionables os gastos correntes directamente derivados da actuación subvencionada e os gastos de investimento de continuidade referidos a equipamento,obras de adaptación e rehabilitación e adquisición de vehículos adaptados. A Xunta de Galicia anticipará ás entidades beneficiarias o 100% da subvención no momento de concesión, e a xustificación será posterior á realización das actividades.

Para a determinación dos proxectos que poden ser obxecto de subvención e da contía máxima individualizada desta, teranse en conta os resultados obtidos na anualidade 2016.  A convocatoria, que se publicará ao longo deste mes, establece un procedemento transitorio e excepcional dirixido, en canto se perfila un novo modelo de xestión, a garantir a continuidade no ano 2018 dos programas que atenden fins de interese social en Galicia con cargo á dita asignación tributaria. Deste xeito, neste ano 2017, o procedemento de concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

A Xunta de Galicia suliña que apostou firmemente para conseguir que se investise no país cando menos o mesmo crédito que no ano 2016, de xeito que se mantiveran os programas en funcionamento e se garantira a atención ás persoas máis vulnerables e o mantemento dos postos de traballo nas entidades do terceiro sector que, entre empregos directos e indirectos, supón o 1,5% do PIB.

Competencias de xestión Competencias de xestión

O IRPF permite aos contribuíntes destinar un 0,7% da súa cota íntegra a realizar fins sociais. Do importe recadado a través desta asignación, ata agora unha gran parte deste era distribuído pola Administración xeral do Estado entre as entidades de carácter social.

Unha sentenza do Tribunal Constitucional negou ao Estado a competencia para xestionar estas cantidades alegando que a asistencia social é unha competencia exclusiva das comunidades autónomas e, en consecuencia, a execución e xestión dos fondos é competencia autonómica.

Tras esta resolución, na sesión do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia celebrada no pasado mes de abril, adoptouse, por unanimidade, que o futuro modelo de xestión do 0,7% do IRPF sexa un modelo mixto (tramo Administración xeral do Estado- tramo comunidades autónomas e cidades con estatuto de autonomía) en que se introducirían todos os axustes precisos para respectar as competencias das CC.AA. naquelas actuacións que se consideren materia de asistencia social, sen prexuízo das posibles competencias do Estado.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez | Fonte: Remitida.

Temas: RENDA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Correquetepillo

Un bo bocado ira parar a la voz en forma de publicidade institucional