Breo-Obra na final

O Cafés Candelas Breogán vence 86-64 a Ourense e xogará a final da Copa Galicia contra Obradoiro o vindeiro domingo ás 18.00 horas en Marín. Debutou nos lucenses a última fichaxe, Dejan Cigoja, con 14 puntos.

Por gcdeportes | Compostela | 22/09/2017 | Actualizada ás 23:33

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Cafés Candelas Breogán 86:
Ricardo Uriz (11), Danilo Fuzaro (16), Johan Lofberg (8), Demetrio (20), Guille Rubio (2) –cinco inicial- Salva Arco (5), Dejan Cigoja (14), Christian Díaz (6), Sergi Quintela (2) e Javi Beltrán (2).
Río Ourense Termal 64: Reggie Johnson (12), Roope Ahonen (2), Martín Üzas (6), Daniel Trist (5), Héctor Manzano (8) –cinco inicial- Verners Kohs (1), Martín Rodríguez (4), Víctor Moreno (8), Alberto Maura (4) e Daniel Fernández (0).
Parciais: 20-13, 15-22 (35-35), 27-17, 24-12 (86-64).
Árbitros: Jacobo Rial e Daniel Pazos. Eliminaron por cinco faltas a Martin Üzas.
Incidencias: semifinal da Copa Galicia 2017 disputada no pavillón da Raña en Marín.

O breoganista Lofberg tenta impedir a entrada de Üzas.
O breoganista Lofberg tenta impedir a entrada de Üzas. | Fonte: FGB_Baloncesto

O Breogán venceu con claridade 86-64 a Ourense na semifinal disputada no pavillón marinense da Raña e regresa á final da Copa Galicia, onde se enfrontará ao Obradoiro, gañador das sete últimas edicións, o vindeiro domingo ás 18.00 horas. Tras un primeiro tempo igualado (35-35), o equipo lucense impúxose tralo descanso, cun parcial rotundo de 51-29. Ao final, 86-64. Breogán e COB volverán verse as caras o sábado 30 no Pazo lucense, nunha nova edición do derbi do Miño na primeira xornada da LEB Ouro.

Igualdade nos primeiros minutos (9-11), ata que un parcial de 11-0 abriu unha fenda para os lucenses (20-11), rematando os dez primeiros minutos con 20-13. O Breo chegou a ter once de vantaxe (25-14), pero o COB volveu meterse no partido cun parcial de 0-7, e conseguiu empatar o encontro no tempo de lecer: 35-35. Ao descanso, 10 puntos de Orlov, todos no segundo cuarto, 9 de Reggie Johnson e 7 de Héctor Manzano para os ourensáns. No Breo, Uriz, Lofberg e Demetrio, cada un con 6 puntos.

Na reanudación, o COB chegou a poñerse por diante (40-41), pero o Cafés Candelas recuperou a iniciativa cun parcial de 7-0. De novo se achegou Ourense (53-50), pero a resposta lucense (parcial de 9-2) puxo o 62-52 ao remate do terceiro cuarto. Non tivo opcións Ourense no último acto. Xa no arrinque, o Breo fixo medrar a diferenza (70-56) e pouco a pouco sentenciou o choque, para non pasar apuros nos minutos finais. 86-64 foi o resultado definitivo.

No Breo debutou a última fichaxe, o esloveno Dejan Cigoja, autor de 14 puntos con 2/2 en triplas. Os máximos anotadores foron Leonardo Demetrio (20 puntos) nos lucenses e Volodymyr Orlov (14) nos ourensáns. Os de Natxo Lezcano remataron con 8/18 en triplas (44%), por un pobre 3/18 dos de Gonzalo García (16%).

Mate do esloveno Dejan Cigoja, debutante no Breo.
Mate do esloveno Dejan Cigoja, debutante no Breo. | Fonte: @CBBreogan

A final da Copa Galicia feminina enfrontará a Uni Ferrol e Celta Zorka o domingo ás 12.00 horas no pavillón ferrolán de Esteiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta